por Xabier López López, escritor, na Nosa Terra
O goberno do meu Concello –e digo goberno porque non existe, por moi raro que lles pareza, Concellaría de Cultura ningunha– vén de editar hai uns días o típico-tríptico onde se nos anuncia con moito colorín aos veciños todos a máis ou menos extensa programación relacionada coas Letras Galegas deste ano. Fóra do grao de tino ou desatino da selección de actividades (cousas veredes!) o certo é que non deixei de bosquexar certo sorriso de incredulidade por un dos eventos relacionados: a celebración dunhas Xornadas de linguaxe administrativa galega nun centro de ensino. Que está ben, ollo; que si, que caralludo; que non ouso pór en dúbida que os alumnos de ciclo medio de Xestión Administrativa do IES merezan... O que non acabo de ver, isto é, o que non me remata de encaixar... En fin! Supoño que isto non deixa de ser un síntoma dunha doenza que se repite noutros moitos concellos, e quen di nos concellos ten que dicir “na sociedade”: a festa das letras xa non é máis ca un caixón de xastre onde cabe todo o que teña unha mínima relación co galego, o lavado de cara de quen está 364 días ao ano de costas á lingua de noso. Debemos ser o único país do mundo que se ve forzado a confundir –por activa e por pasiva– lingua e literatura. E así nos vai. Ben sei eu que endexamais me han dedicar un día das Letras Galegas. Pero estou certo que se o quecemento global amolega un día o siso de quen deciden estas cousas, maldita graza lle ía facer ao que quedase de min que aproveitasen un folleto coa miña cara para ir e espetar, poñamos por caso, que o “adjunto remito” debe quedar nun moito máis aquelado “achego coa presente”.l
Ningún comentario:
Publicar un comentario