A posta en contacto de autores, lectores, libreiros e editores será o obxectivo de Meubook, unha plataforma dixital que comezará a funcionar en xullo. Un catálogo en liña, a impresión baixo demanda e mesmo unha rede social na que interactuarán todas as pezas deste universo dixital serán algúns dos servizos que ofertará este portal de internet nacido en Galicia.
"A plataforma integra aos distintos elementos da cadea de valor do libro: editores, impresores, distribuidores e libreiros", explican.
Incluirá unha libraría virtual para a venda e distribución de libros, servizos de consulta, descarga de arquivos, edición a demanda, personalización de publicacións e xestión de vendas. Tamén pretende ser operador de arquivos de bibliotecas, museos e fundacións, alén dos seus servizos para particulares como asistente de maquetación de libros álbumes de fotografía. O laboratorio de Redes da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico e de Telecomunicacións de Galicia encárganse do desenvolvemento técnico do proxecto.
Para as librarías, Meubook achegará as tendencias do mercado e os gustos do público. Ao mesmo tempo, estas empresas contarán co seu propio espazo na plataforma e xestionarán a venda de facsímiles e produtos personalizados. O proxecto de Meubook está impulsado por varias empresas do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, varias institucións e editoras españolas e o seu desenvolvemento técnico corre a cargo da Universidade de Vigo.
Fonte: As Gabarras, e Vieiros
Ningún comentario:
Publicar un comentario