Polo seguimento que estamos facendo das noticias que aparecen na prensa en relación coa nosa lingua, e moi especialmente na última semana a respecto do caso do ditame do Consello Consultivo, puidemos comprobar que todos os medios (os que aparecen citados neste blogue e polo menos os máis importantes dos que non están por estaren redactados en castelán) o unico que fan e trasladar as notas de prensa das axencias ou dos gabinetes de prensa dos distintos organismos. Hai unha honrosa excepción, é o caso de Galicia Hoxe. Os seus artigos teñen un carácter propio e ben distinto do dos outros medios. Obsérvase na súa redacción que fan indagacións propias, que contrastan as novas e que elaboran un traballo orixinal e de calidade. Prabéns a Galicia Hoxe por este traballo.
Por poñer un exemplo que demostre o que estamos a dicir, reproducimos de seguido a explicación que dá Galica Hoxe do contido do ditame do Consello Consultivo sobre o proxecto de decreto contra o galego titulado "52 páxinas de razóns":
O Consello Consultivo considera que o decreto "vulnera" o marco xurídico vixente, que os pais non poden elixir a lingua e que impartir un terzo das materias en inglés é "desproporcionado"
"O proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico." É a escueta conclusión á que chega o Consello Consultivo logo de analizar pormenorizadamente ao longo de 52 páxinas o texto, un ditame que é xa un dos maiores golpes ao decreto do galego que a Xunta abandeira como o seu proxecto máis atinado, logo do rexeitamento do Consello Escolar de Galicia ou dos informes críticos da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega.
Duro golpe porque o ditame considera que o proxecto de decreto vulnera o marco xurídico vixente -a Lei de Normalización Lingüística-, que está a discriminar o galego e que os pais non poden ter a potestade de fixar o idioma vehicular en educación infantil nin as materias que se deben impartir en galego.
O texto non só dubida da legalidade da consulta aos pais senón que tamén considera que a impartición dun terzo das materias en lingua estranxeira resulta "desproporcionado" no caso de Galicia -con dúas linguas cooficiais- e supón un "sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita" do galego e do castelán.
O órgano alude ó Estatuto de Autonomía, á Lei de Normalización Lingüística e á Carta Europea das Linguas Rexionais para recordar que "unha parte substancial da educación" debe realizarse "na lingua minoritaria" -o galego-, polo que ve necesario garantir a "consonancia" dos parámetros de "progresividade" do uso do galego coa introdución de idiomas estranxeiros no ensino.
Doutra banda, o ditame recolle que non son as familias senón os poderes públicos os responsables de fixar a lingua vehicular no ensino. Segundo indica o texto, a elección da lingua predominante en educación infantil e a modificación da asignación lingüística de determinadas materias en primaria e secundaria, por parte das familias, "vulnera preceptos constitucionais que se refiren ao dereito á educación", xa que a Constitución Española lles atribúe "en exclusiva" ós poderes públicos garantilo "mediante unha programación" do ensino.
"Someter a configuración dun dereito fundamental a votación, con deixación da función de programación xeral do ensino que compete aos poderes públicos, infrinxe os devanditos preceptos constitucionais", subliña o ditame.
É máis, a consulta aos pais tal e como a presenta a Xunta, "vulnera o artigo 13 da Lei de normalización lingüística de Galicia (e no caso do galego, en concreto, o artigo 8 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias) no que se establece o dereito do alumnado a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna". O Consultivo entende así que "este dereito incondicionado do alumno -a recibir o primeiro ensino na súa lingua materna- vese conculcado se o profesor "usa" unicamente na aula unha lingua diferente á súa". O órgano reafirma tamén que a lingua prevista para a administración educativa dos centros públicos debe estenderse tamén aos privados.
Ademais, o Consultivo cre que "vulnera a configuración do dereito á educación" que o profesorado empregue na aula un idioma en función "do resultado dunha consulta" a cada familia sobre a lingua materna. Por iso, a institución entende que, na "redacción actual, non se garante suficientemente" que o alumnado recibirá "o seu primeiro ensino na súa lingua materna". Así, aclara que a programación lingüística do centro debe contemplar tanto "a lingua habitual no seo da familia", como os datos de "documentos oficiais de estudos sociolingüísticos" e "a lingua ambiental" -segundo sinalan dúas sentenzas do TS-.
Un texto con partes "ambigüas e imprecisas"
"Como se actuaría de comprobarse, xa na aula, que o alumno utiliza habitualmente unha lingua distinta á sinalada pola familia", pregúntase o Consultivo. O ditame considera que a consulta ás familias sofre de "imprecisión e ambigüidade" ao utilizar termos como "lingua predominante, Iingua materna e lingua do contorno, que poden inducir a confusión". O Consultivo cre que o anteproxecto tamén "conculca o principio de seguridade xurídica" xa que na consulta ás familias "non prevé un procedemento ao respecto, nin tan sequera fixa as súas liñas esencias".
Á súa vez, o ditame explica que, aínda que a Constitución "alude á participación efectiva de todos os sectores implicados", este suposto "non ampara" que a elección de lingua dependa "exclusivamente da vontade das familias". "A Constitución, no apartado 3 do citado artigo 27, unicamente recoñece unha esfera de elección no caso da formación relixiosa e moral", sinala.
"NORMALIZACIÓN"."Evidente situación de desigualdade" entre galego e castelán
Outro dos puntos que destaca o ditame do Consultivo é a recomendación de restaurar o termo "normalización" nos equipos de dinamización dos centros educativos, ademais de noutros puntos como "a promoción da dinamización da lingua galega", ó considerar que está "máis axustado ó texto e espírito da Lei de normalización lingüística".
Ademais, refírese ó artigo que recolle a "garantía da adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais de Galicia", para matizar que "a palabra semellante" "non significa o mesmo" que "en igualdade", sobre todo ante a "evidente situación de desigualdade" entre galego e castelán. O informe arremete contra os principios establecidos no proxecto de decreto por seren totalmente contrarios aos artigos 12, 13 e 14 da Lei de Normalización Lingüística que establece que calquera normativa debe "asegurar a normalización do galego"; que se "arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino" e consagra o principio de igualdade, mentres que o proxecto só estabelece "a garantía da adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas".
O Consultivo constata "un afastamento dos consellos escolares dos centros de toda competencia" no proceso de asignación lingüística, a pesar de situarse "na base" na que se insire a programación educativa.
Neste sentido, sinala que "non é de rango de decreto" nin de "orde a vía adecuada e precisa para establecer a regulación dun procedemento de tal calado e que afecte de tal forma ós dereitos e liberdades da cidadanía".
Ademais, no caso de que a consulta "fose considerada como unha especie de referendo", o ditame recorda que se trata dunha "competencia estatal". "No noso ordenamento non ten acollida un modelo como o proposto", conclúe o ditame en alusión a que dito proceso "non atopa sustento" na Constitución Española.
Ningún comentario:
Publicar un comentario