Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 14 de maio de 2010

O Consello Consultivo contra o decreto

O Paraugas da Lingua, da Coordinadora de ENDLs do Barbanza, achéganos a seguinte impresión sobre o ditame do Consello Consultivo. Para ler.
O Consello Consultivo considera o Decreto para o plurilingüismo no seu ditame “contrario ao ordenamento xurídico". Esta postura súmase ás desautorizacións (desoídas pola administración) da Mesa Sectorial do Ensino, do Consello Escolar de Galicia, do Consello da Cultura, da Real Academia e das Universidades, entre outras entidades de referencia.

Velaquí algúns fragmentos significativos:
Someter a configuración dun dereito fundamental a votación, con deixación da función de programación xeral do ensino que compete aos poderes públicos, infrinxe os devanditos preceptos constitucionais. (...) Xustamente, porque é responsabilidade das administracións educativas a realización dunha adecuada programación do ensino, e por constituír a dita tarefa unha garantía básica do dereito á educación, é polo que resulta indispoñible, irrenunciable e indelegable tal responsabilidade, en virtude do cal constitucionalmente non é admisible que a programación do ensino quede, total ou parcialmente, a disposición da vontade exclusiva dos particulares, neste caso, das familias.(...) En definitiva, no noso ordenamento non ten acollida un modelo como o proposto, no que a responsabilidade da elección do idioma no ensino, ou a distribución das materias troncais entre os dous idiomas, galego e castelán, recaia, sequera en parte, nas familias, con abdicación da responsabilidade educativa que o artigo 27 da CE atribúe aos poderes públicos, de xeito que a proxectada regulación se sitúa, no aspecto que nos ocupa, fóra do edificio organizativo que para a programación educativa deseña a referida Lei orgánica.
 A atribución de ata un terzo como máximo á impartición de materias en lingua estranxeira pode supoñer un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística sobre a normalización da lingua galega no ensino e da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, que establece que unha parte substancial da educación se faga na lingua minoritaria (…)
 Hase dicir que os principios de elaboración dunha norma regulamentaria, como é un decreto, non poden ser outros ca os da Lei que esta desenvolve, e que no caso que nos atopamos se refiren á Lei de normalización lingüística de Galicia. A formulación contida neste apartado 1, ao referirse unicamente á "adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais", deixa fóra do seu enunciado esa mentada expresión realizada de seguido na exposición de motivos da Lei sobre "asegurar a normalización do galego", ademais de principios contidos nos preceptos concretos da Lei respecto do ensino (artigos 12, 13 e 14) como un dos eidos de procura da tal normalización;(...) Doutra banda, utilízase a palabra "semellante" no canto de "en igualdade", sendo así que non significan o mesmo, e non se formula na perspectiva na que o fai a lei, que é a de que nunha evidente situación de desigualdade entre as linguas se promova que a máis atrasada alcance o nivel da máis adiantada.

Considérase que ese número 1 do artigo devén legalmente insuficiente, ao tratar de formular principios como base para a interpretación axeitada dos concretos preceptos desta norma regulamentaria, que está desenvolvendo outra de superior rango, polo que debe facelo coa maior fidelidade posible a ela. Por conseguinte, debería reformularse, nos termos xa indicados, ou sexa, recollendo os principios sinalados a respecto diso na Lei de normalización: "asegurar a normalización do galego"; "promover o uso progresivo do galego no ensino"; e que "ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade ca castelán". (…) Utilízase no texto o termo "equilibrio", senda mellor empregar o termo de uso xeral "igualdade", que permite saber ao xurista de que se está realmente a falar; isto é, que no caso do principio de igualdade saiban tratar da mesma maneira as situacións iguais e de xeito diferenciado as desiguais; e isto precisamente para tentar de lograr ao final un resultado de igualdade para estas.

Alén diso, o voto particular de GONZALO DE LA HUERGA fai fincapé no carácter contrario á lei da atribución ao galego de topes máximos, non de final a conseguir, senón de medios a empregar (horas e materias), confundindo medios e fins, co que se impide a pontenciación do galego para acadar a igualdade; tamén se subliñan as graves consecuencias da concesión ao alumnado da potestade de non usar como vehicular a lingua na que se está a impartir a materia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario