por Xosé A. Perozo, en Galicia Hoxe
A marea non cesa e se no PPdG agardan a que chegue a podredume do problema para saír do túnel, están nun erro. O Día das Letras Galegas, que debería ser unha festa da cultura, converteuse onte nun día de loita e reivindicación política. Sorprende que o presidente Feijóo considere actitudes ditatoriais as daqueles, sen distincións, que defendemos a lingua galega e a necesidade de ser discriminada positivamente. Para avalar as súas teorías partidistas coloca o péndulo no extremo contrario. Non escoita a unha parte do país que goberna. Non exerce o deber de equilibrar que a todo gobernante lle corresponde. Non goberna para todos.
Fronte ás teorías dos nacionalistas, que os conservadores consideran corredoiras excluíntes, o PPdeG toma a autoestrada da exclusión. A idea é emendar un presunto erro con outro maior. Así, o Goberno da Xunta conseguiu pór fronte a si non só os nacionalistas senón tamén a todos os sectores da cultura de Galicia. Lograron que o Día das Letras Galegas pasara a ser o Día da Lingua Perseguida. Unha desmesura innecesaria e improcedente que tamén molesta en moitos sectores conservadores defensores da lingua e da cultura de Novoneyra, de Rosalía, de Curros, de Pondal, de Cabanillas, de Otero Pedrayo, de Risco...
Ningún comentario:
Publicar un comentario