Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 17 de maio de 2010

Festa e vindicación da lingua

comenza a fervenza do Día das Letras
por Xosé María Palmeiro, periodista, en Galicia Hoxe
O de hoxe debería ser o día da festa arredor da lingua e das letras galegas, e non deixa de selo, pero é tamén un día de vindicación, de mobilización en favor do idioma de Galicia. Digo en favor porque é así e porque o galego suma, non resta. Hai outras posibilidades para a comunicación, pero o galego pode, debe e quere contar. Ha contar a lingua de Rosalía e Novoneyra, a pesar dalgún decreto recente, dos invocadores de tempos sombríos e do proceder, con escasas excepcións, dos mass media. O que segue fala da necesidade de lembrar e demostrar, máis unha vez, o evidente.
HISTORIA. "No século XI o galego aparece xa formado; e os cancioneiros e os documentos da época, e aínda do século X, xustifican tamén os antigos títulos da nosa lingua, que no século XIII adquiriu plena preponderancia, servindo eficazmente ó cultivo da poesía, como nas Cántigas de Afonso o Sabio, e á redacción das escrituras públicas. Despois do século XVI viuse oficialmente substituída pola castelá, quedando reducida case exclusivamente ó uso oral entre as xentes do país, que non só non a esqueceron nin abandonaron, senón que seguiron e seguen usándoa e manténdoa viva a través das xeracións, ata mediados do século XIX, que volveu renacer ennobrecida polos poetas, adquirindo unha gran difusión nos últimos anos desa centuria e nos primeiros da vixésima, período no que aumentou considerablemente a súa propagación" (Eladio Rodríguez González, 1864-1949).
ANTECEDENTES. "Coidamos decisiva a lei promulgada en 1480, a petición dos procuradores das Cortes de Toledo, pola que se ordena que de entón en diante non se conceda título de escribán sen exame e sen licencia do Real Consello. Daquela os escribáns de Galicia tiveron que deixar os seus formularios para aprenderen os alleos. De agora en diante xa non comezarán os protocolos co "E no nome de Deus. Seipan quantos esta carta viren..." E velaí como e por que os escribáns deixaron de empregaren o galego". (Xesús Ferro Couselo, 1906-1975).
LIBERDADE. "Lingua proletaria do meu pobo/ eu fáloa porque sí, porque me gosta,/ porque me peta e quero e dame a gaña;/ porque me sai de dentro, alá do fondo/ dunha tristura aceda que me abrangue/ ó ver tantos patufos desleigados/" (...) Celso Emilio Ferreiro, 1912-1979, e o galego como radical, e cordial, expresión de liberdade.
CASTELAO (1886-1950). "¿Ten Galiza un idioma proprio? Estamos fartos de saber que o pobo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués".(...)"Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar".(...)"O problema do idioma en Galiza é, pois, un problema de diñidade e de liberdade; pero máis que nada é un problema de cultura" (Sempre en Galiza).
DESLEIGADO -A. Dise da persoa que non garda ningún sentimento afectivo pola súa terra, familia, xente, etc; desarraigado, descastado, desenraizado.
NORMALIZACIÓN. "O galego é a lingua propia de Galicia. Tódolos galegos teñen o dereito de coñecelo e de usalo. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma, e adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua. Os cidadáns poderán dirixirse aos xuíces e tribunais para obte-la protección xudicial do dereito a emprega-la súa lingua". (Lei, vixente, de Normalización Lingüística. 1983).

Ningún comentario:

Publicar un comentario