Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 23 de maio de 2010

Feijóo teima en alimentar o conflito do galego

por Rodri Suárez, xornalista, no Xornal de Galicia
Alberto Núñez Feijóo é un político con grande capacidade estratéxica. O éxito da súa carreira non se pode entender sen recoñecer a súa visión mediática, tanto agora no Goberno como, moi especialmente, no período anterior á campaña das eleccións autonómicas do ano pasado. Ten o presidente da Xunta bo olfacto e certa habilidade no dominio dos tempos políticos. Ese mérito non llo negan nin os seus adversarios políticos, loxicamente en privado. Pero ás veces, esa característica do líder dos populares galegos tamén amosa vías de auga. Ocorreulle en determinadas etapas da fusión das caixas e moi claramente con case todo o que ten que ver co conflito do galego, onde segue sen ser capaz de establecer unha rede de complicidades que relaxen a polémica e avalen a súa aposta, practicamente orfa de apoios fóra do propio PP.
A intelixencia política de Feijóo queda en evidencia arredor da lingua. Púidose comprobar esta mesma semana. O xoves, o Consello da Xunta aprobou o decreto sobre o uso do idioma no ensino. A redacción foi a esperada, co galego reducido á nada na educación infantil das zonas urbanas e o inglés ameazando a medio prazo con encoller a presenza da lingua propia, entre outros puntos polémicos. Quedou fóra a consulta aos pais, onde a Xunta tivo que ceder ante o claro ditame crítico do Consello Consultivo. Porén, nunha manobra sorprendente e un tanto sobrada, Feijóo anunciou que fará unha lei para legalizar esas mesmas enquisas. Polo tanto, a aprobación da norma non pecha a fronte lingüística, que segue a contar con flecos abertos. Unha decisión politicamente moi arriscada. Na vez de intentar que a poderosa defensa do galego vaia perdendo folgos, quizais devorada pola rutina e a crise e quedando nunha crítica moito menos central na axenda do que foi no primeiro ano de lexislatura, o PP opta por avivar a tensión con novas normas e leas nos centros, o que manterá viva e seguramente musculosa a protesta. De feito, tamén se espera que a hostilidade co galego sexa unha das pautas da campaña popular nas municipais na Coruña e Vigo, polo que semella evidente que nun tema tan espiñento como o do idioma o PP pretende saír a peito descuberto, o que resulta arriscado e seguramente, pouco responsable. Pode trabucarse nese apartado Feijóo. Non sería a primeira vez.
Nas entrañas do PP galego tiñan plena confianza en que a súa aposta lingüística acabaría sendo apoiada polo PSOE. Pero o vazquismo actual dos socialistas galegos pouco ten que ver co dos tempos do embaixador do Vaticano. Nunha decisión que o honra, o PSdeG mantén o pulso contra Feijóo no tema do galego. Percibiuse na manifestación do pasado Día das Letras Galegas, onde participaron moitos membros da dirección con perfil e presenza propia, moito máis visibles que en citas anteriores. “Pensaron que a lingua era unha cuña para abrir unha fenda entre socialistas e nacionalistas, pero trabucáronse”, destaca o deputado Xavier Carro. Ten razón. Fracasou o presidente da Xunta nunha das súas tácticas preferidas, a de dividir á oposición. E está a triunfar Pachi Vázquez, capaz de sumar a todo o seu partido nunha postura que non levanta demasiadas simpatías nalgúns sectores urbanos da súa formación. Se o galego é un grave problema para Feijóo é pola pluralidade ao seu favor. Quedou claro este 17 de maio, tanto nas rúas de Compostela, de novo ateigadas de manifestantes, como no Courel, onde a Real Academia Galega plantou elegante cara ás propostas do Goberno autonómico, o que obrigou a Feijóo a propoñer un pacto que rapidamente quedou claro que só contía fume.
E por se todo isto fora pouco, tamén dende a dereita medran as críticas contra o líder dos populares. Galicia Bilingüe xa o acusa de “traidor” e “mentireiro”. O grupo de Gloria Lago, apoiado no seu día por importantes referentes do PPdeG nunha boa xogada no electoral pero terrible no institucional, séntese defraudado e presiona á Xunta sabendo que detrás está a posibilidade dunha pequena pero significativa fuga de votos que deixarían aos populares para irse con UpyD, sempre que sexa capaz de repoñerse dos insultos de Rosa Díez, ou incluso a formacións localistas moi hostís co idioma propio, como pode ser o caso de Unión Coruñesa. A soidade do PP neste campo é absoluta. Só algunha asociación de pais dos centros privados está do seu lado. O resto, en contra. Ese feito nótase na incomodidade que amosan dirixentes como Alfonso Rueda, empeñado en apagar o lume con gasolina con cargas explosivas como a dirixida aos manifestantes do 17-M, acusados de “ditatoriais”. Fea estratexia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario