por Xosé Ramón Pérez Boullón, en Galicia Hoxe
A semana pasada presentouse a páxina web do Proxecto Toponimia de Galicia. Unha páxina moi útil, moi necesaria e moi ben feita na que hai un buscador de topónimos que permite, como o nome indica, buscar nomes de lugares e localizalos sobre unha fotografía aérea. A páxina ademais ofrece información sobre a toponimia en xeral, sobre o proxecto e o seu desenvolvemento e achega novas sobre a recompilación de datos e sobre o estado da recolleita nos diferentes concellos. Contén unha sección que fai referencia ás publicacións editadas no ámbito do Proxecto Toponimia de Galicia e a aquelas nas que colaborou ou participou. Pódense facer descargas en formato xls (excel) da toponimia recollida en cada concello. Na pestana PTG pódese consultar o estado do proxecto por concellos. Ten ligazóns interesantes e unha chamada á colaboración a entidades, asociacións, agrupacións culturais ou a todas as persoas que queiran contribuír neste labor de conservación da nosa microtoponimia.
Por fin, podemos contar cunha ferramenta así, á par que se vai desen- volvendo o labor do Proxecto Toponimia de Galicia que botou a andar hai dez anos de xeito intermitente e que xa debería terse convertido nun Servizo de Toponimia pola información que nel se rexistra e polo aproveitamento e utilidade desta, non só, como dixo o conselleiro de presidencia na súa presentación, polo interese que ten no eido da investigación lingüística, senón en aplicacións para a xestión das emerxencias por todo o territorio galego, para o planeamento urbanístico e para moito máis. E dentro dese moito máis cabe unha boa coordinación, como a que se está a facer no propio traballo de recollida e almacenamento de datos. Cabe unha boa xestión e dinamización porque estes datos son útiles para toda a sociedade. Por poñer un exemplo concreto, para a corrección da cartografía, de planos que se editan e publican. Con respecto a isto, O Plan xeral de normalización lingüística, aprobado, o 22 de setembro de 2004, por unanimidade do Parlamento de Galicia, recolle a proposta de que "todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións (maioritariamente, deputacións e concellos, os servizos de concentración parcelaria e o catastro) teñen que levar incorporada a recollida da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia, e que o material cartográfico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na Rede".
E con carácter xeral o seu aproveitamento é infinito. Útil para os propios concellos, para a información turística, para a rede viaria, para calquera actuación que se faga no territorio, para o estudo da nosa xeografía, da nosa historia ou da nosa etnografía. Para calquera ámbito ou para calquera persoa que queira coñecer mellor a nosa realidade. A administración debe facer unha aposta importante e decidida para recoller a toponimia nos concellos que aínda quedan por recoller, para a súa revisión, para conservar este patrimonio e para lle dar á sociedade un servizo estable e permanente da súa toponimía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario