Acabo de encontrar perdidos no meu ordenador dous artigos que no seu día non tivera tempo de poñer por aquí. Velaí vai o primeiro, por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo.
En 1931, ao proclamarse a Segunda República, Castelao sae elixido deputado das Cortes Constituíntes dentro da sección que as candidaturas republicanas reservaban ás minorías. É un feito ben ilustrativo da súa preocupación pola lingua que unha das primeiras iniciativas que presentou tivese por obxectivo lograr avances no recoñecemento para o galego, tal e como sucedería co catalán que axiña obtería un estatus de cooficialidade no ensino. Viña así a facerse patente a importancia que o idioma tiña para o nacionalismo galego, na orientación que uns dez anos antes amosara xa a Doutrina Nazonalista de Ramón Vilar Ponte, quen o consideraba "fundamento primordial da nazonalización", tal e como ilustra o título do capítulo que dedica á cuestión.
Oitenta anos despois daquela intervención parlamentaria de Castelao, recollida posteriormente no capítulo IV do Libro Primeiro do Sempre en Galiza, o nacionalismo galego ten asumido e demostrado con mobilizacións masivas que o galego é a principal razón de sermos e debe de ser sempre a nosa bandeira ergueita. Como lucidamente sinalaban os teóricos -e tamén practicantes- do nacionalismo galego das primeiras décadas do século XX, na lingua residénciase o corpo sensible da nosa singularidade, da nosa diferenciación; o que, como tal nación, nos confire homoxeneidade, posuíndo en todo momento o máis alto valor aglutinador.
Neste combate do día a día e do corpo a corpo, tal como daquela, mesmo seguimos a loitar contra os elementos que ousan, sen o máis levián rubor, negar que Galiza ten lingua propia. "Estamos fartos de saber que o pobo galego fala un idioma de seu", principiaba Castelao naquel discurso. Non deixa de ser alarmante, hoxe en día, escoitarmos argumentacións prolingua nas que, inconscientemente se cadra ou sen os obrigados matices, parece que chegamos a interiorizar que en Galiza se falan e temos dúas linguas. Un ter que paseniñamente se vai convertendo en cualidade inherente, en pertenza exclusiva; isto é, como se fose un fenómeno autoxerado, lóxico e natural, segundo se ten dito noutras ocasións.
Os tempos obrigan tamén a loitarmos contra as perturbacións do bilingüismo e contra as políticas asimilistas propiciadas polo imperialismo, que hoxe posúe armas e medios máis sofisticados que nos anos trinta do pasado século. Aos que, ao longo de séculos de férrea e escura dominación, quixeron reducir o galego á categoría de dialecto de español, aos que intentaron convertelo nunha forma de expresión popular rústica, excluída de calquer ámbito institucional, da igrexa, da xustiza, do ensino..., Castelao non ten reparo en chamarlles imperialistas fracasados, porque, perseguindo un obxectivo exterminador para o galego e o esmorecemento do pobo galego dentro dunha unidade superior española, non o chegaron a conseguir. O pobo galego mantívose impermeable á asimilación e o galego seguía vivo e falándose de xeito espontáneo. Imperialistas tamén os que seguían, en nome da República, a respaldar a idea dunha España unitaria e centralista, negándose teimudamente a recoñeceren a realidade plurinacional do Estado español e a dotalo dunha constitución federal, acorde con esta realidade. Caso ilustrativo, alén do anecdótico, era o do republicano Casares Quiroga, quen non falaba galego porque llo impedía o seu agudo sentido do ridículo, parafraseando a caricatura que del nos deixou Castelao.
Castelao non podía idealizar a adhesión que o pobo galego mantiña cara á propia lingua, mais si manter unhas grandes esperanzas nas potencialidades dunha lingua que era a falada maioritariamente, precisamente porque os mecanismos de colonización do español non deron penetrado neste ámbito. Por esta mesma razón, compensatoriamente, a lingua galega debía ser considerada desde a perspectiva da bagaxe cultural e literaria acumulada, desde a óptica dos "méritos contraídos", e mesmo desde as súas posibilidades comunicativas, partindo das estreitas afinidades do tronco común galego-portugués. "Podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas", dicía daquela (hoxe máis de douscentos). Resultaba incomprensíbel para toda a tradición galeguista -como ten que seguir resultando hoxe- vivirmos de costas a Portugal, ignorando a súa existencia e ocultándoa en todos os ámbitos da nosa vida a mantenta, especialmente no ensino. A identificación con este referente motiva, á altura de 1916-1918, o seu interese por formularnos a interrogante, posta en boca dun meniño, que non obtén resposta dun petrucio que está a carón seu, nunha estampa que ofrece de principio a lenda Na beira do Miño:
- E os da banda de alá son máis estranxeiros que os de Madrí? (Non se soubo o que lle respondeu o vello).
Lingua do pobo galego
Porén, antes de máis nada, e á par de ser o principal atributo de diferenciación nacional, o galego posúe un nidio contido social e de clase; é o idioma das clases populares, maioritario con moito naquel intre, e polo tanto "...abondaríalle ser a fala do povo traballador para estar dignificado de por si, pois o galego é unha executoria viva do traballo e unha cédula honrosa de cidadanía e democracia". A identificación da nación coas clases populares ten o valor engadido de seren estas as que permaneceron alleas á asimilación, sendo as verdadeiras depositarias do galego ao longo dos séculos, fronte ás camadas aristocráticas, á burguesía e á intelectualidade, que calaron e enmudeceron, producindo un dilatado silencio literario e permitindo que o idioma fose confinado á categoría de lingua rústica.
A preocupación de Castelao pola sorte da lingua é, como xa se explicitou ao falarmos do álbum Nós, ben anterior ao seu discurso nas Cortes Constituíntes. Está presente en moitas viñetas súas, na súa primeira obra narrativa Un Ollo de vidro. Memorias dun esquelete e en relatos de Cousas. Cunha boa dose de ironía e un sintomático (ou expectante?) distanciamento dos elementos populares que asisten ao espectáculo, non deixou de censurar toda caste de comportamentos renegados a respecto do idioma, entre os que atopamos o dos "sabios mestres de Compostela", aos que xa responsabilizaba no álbum Nós de seren "amas de cría do caciquismo". A ocultación do galego nese mundo oficial chega a adquirir dimensións cómicas, cando á forza ten que aflorar en formas castrapizantes. A realidade destas perturbacións ponse de manifesto na leria coa que nos regala, nunha das súas caricaturas, un boticario acomodado, diante dun petrucio pertencente ás clases populares, mostrador en medio:
- Cuando estudiaba en Santiago entrar entré en la Catedral; pero nunca miré el Pórtico de la Gloria.
Non podemos pasar por alto o encabezamento que reza Os titulados e a non menos irónica dedicatoria "Aos sabios mestres de Compostela". Ou aqueloutra, tamén publicada na prensa, na que dúas donas de bon parecer pontifican sobre unha terceira persoa:
- Ese muchacho dicen que sabe muchísimo.
- Si; pero tiene un acento tan gallego!...
Para desgraza da lingua galega, os descarados ou sutís mecanismos de imposición do español, non tardaron moito en chegar as clases populares e en invadilas de complexos, provocando actitudes de autoodio e aparecendo comportamentos como os que aquí se parodian.
Ningún comentario:
Publicar un comentario