nota de prensa da Coordenadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística
O novo decreto marca unha asignación horaria inferior para o galego e desprotéxeo especialmente na etapa de infantil.
O proxecto da Consellería de Educación dificultará a adquisición da competencia lingüística en galego por parte do alumnado
Trala aprobación do Decreto do Plurilingüismo por parte do Consello da Xunta de Galicia, a Coordinadora Galega de ENDL entende que este novo regulamento acentúa o desequilibrio entre as linguas oficiais, propiciará a inmersión en castelán en infantil e non garante que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.
Non é certo que exista equilibrio entre galego e castelán, idea coa que o goberno pretende vender o novo texto lexislativo. O galego, lingua propia de Galicia e necesitada de protección, queda nunha situación moi inferior ao castelán no ensino. As razóns son varias, destacando tres principais: •en realidade hai máis materias marcadas como obrigatorias en castelán ca en galego. Por exemplo, en 3º da ESO falamos de 8 horas semanais de materias que se deben impartir obrigatoriamente en castelán: Matemáticas (4h), Física e Química (2h) e Tecnoloxías (2h); fronte ás 5 horas en galego: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia (3h) e Bioloxía e Xeoloxía (2h). No resto das materias, é imposible chegar ao 50% do ensino en lingua galega porque non existen materiais de todo tipo editados nesta lingua para poder traballar nas aulas, escenario que se reproduce en todas as etapas educativas.
•a consulta ás familias, que agora se publicita como “pregunta vinculante”, en Infantil propiciará a inmersión en castelán pois, como sinalan os últimos estudos, o galego xa non é a lingua maioritaria nas franxas de idade máis novas. O novo decreto non contempla ningún tipo de medidas tendentes a sentar as bases da adquisición da lingua non predominante na aula.
•como persoal docente que somos os membros dos equipos de normalización e dinamización lingüística, e polo tanto coñecedores da realidade sociolingüística dos centros de ensino, consideramos un síntoma moi significativo do afastada que está a Consellería de Educación desa realidade o feito de que se pretenda mudar o noso nome por Equipos de dinamización, como se xa non fose preciso "normalizar" unha lingua coma o galego nos centros escolares, lingua que 27 anos despois de aprobada a Lei de Normalización Lingüística está moi lonxe de acadar unha situación normal na nosa sociedade.
Desde a coordinadora de ENDL pretendemos que o alumnado, o profesorado, as nais e os pais e o resto da sociedade teña competencia tamén en lingua galega, por iso somos conscientes da necesidade de apoio que precisa o galego en todos o ámbitos en xeral e, moi especialmente, no ensino.
Ningún comentario:
Publicar un comentario