valoración do decreto por STEG
O anuncio do Pacto pola Lingua e a aprobación do decretazo na mesma semana demostran o cinismo de Feijóo
Malia as modificacións introducidas desde o primeiro borrador, o Decreto de galego aprobado onte pola Xunta segue a ser un retroceso sen precedentes na política lingüística da democracia neste país.
Amparándose na exigua maioría electoral acadada nas últimas eleccións, a Xunta aproba un decreto amplamente rexeitado por todos os sectores da sociedade galega, e mesmo desautorizado polo Consello Consultivo. As mesmas persoas que esgrimiron o informe desfavorable deste Consello co Decreto do 2007 para xustificar a súa eliminación, non dubidan en aprobar o actual cun informe en contra do mesmo órgano considerablemente máis duro e demoledor.
O mantemento da consulta ás familias en Infantil a pesares do cuestionamento da súa legalidade co argumento de que pensan cambiar o marco legal para que teña cabida –algo que non é competencia da Xunta- responde á ben coñecida política de “ti vai facendo” que o goberno da Xunta aplica con igual irresponsabilidade noutros ámbitos da súa competencia.
Desde o STEG consideramos unha burla a proposta dun Pacto pola Lingua presentada polo goberno esta semana, tan só uns días antes de darlle as costas a toda a sociedade galega na súa demanda de retirar o decreto hoxe aprobado.
Desde o STEG reiteramos o noso rexeitamento a unha norma que empeorará a competencia lingüística do alumnado e creará tensións ata agora inexistentes nos centros educativos. Xa que logo, seguiremos a realizar todo tipo de actuacións encamiñadas a que o percorrido do decreto hoxe aprobado sexa o máis breve posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario