editorial do Xornal de Galicia:
Milleiros de persoas percorreron onte Compostela na que foi a cuarta gran manifestación contra a política lingüística da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo. Convocada pola plataforma Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas –adicado ao poeta Uxío Novoneyra–, a marcha arrincou encabezada por unha pancarta na que podía lerse “O galego, a forza do noso amor”, unha frase cuxa autoría pertence ao propio Novoneyra, e contou co apoio dos dous partidos da oposición. Militantes de BNG e PSdeG marcharon baixo a demanda “do dereiro de vivir en galego”, xunto a máis de 50.000 persoas que percorreron as rúas de Santiago en defensa da lingua propia de Galicia.
As bandeiras de PSdeG e BNG volvéronse confundir nunha mesma reivindicación para transmitir, en esencia, a mesma idea: A retirada do denominado “decreto do plurilingüismo”. Así, a lingua uníu ás forzas da oposición, que instan ao presidente da Xunta a “deixar de guiarse polo sector máis antigalego do PP”. Pachi Vázquez asegurou que tanto o presidente Núñez Feijóo, como o seu partido, o PPdeG, están “sós e illados” en relación á súa política lingüística e reclamou a retirada do que rebautizou como “decreto do antigalego”. Pola súa banda, Guillerme Vázquez constatou que a norma que pretende impulsar a Xunta “era para recortar dereitos e presenza do galego”, fronte ao que contrapuxo “o orgullo de ser galegos” e o “dereito a vivir en galego”.
Neste senso, as críticas feitas o xoves pasado por Alfonso Rueda están fóra de lugar. O secretario xeral do PP criticou á oposición porque “só saen á rúa para clamar por unha ditadura que se basa en que os políticos decidisen en que lingua se tiñan que expresar os cidadáns”, dixo en alusión ás medidas adoptadas polo Goberno bipartito. Nun conselleiro dunha área cun carácter tan institucional como é Presidencia non encaixan esas declaracións, nas que Rueda arremeteu contra as forzas políticas da oposición polo feito, tan digno, de defender o idioma propio de Galicia nun día tan sinalado.
O día adicado ás Letras Galegas estivo cargado de simbolismo e mostrou un ano máis como a sociedade galega está disposta a saír á rúa as veces que fagan falta para defender o idioma, algo “irrenunciable”, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG). Ademais da manifestación en Santiago, a RAG celebrou no Courel un acto no que criticou con dureza a política lingüística do Goberno en presenza do presidente da Xunta, que ofreceu “un gran pacto” polo idioma.
O decreto que apoia o Goberno ten cada día máis detractores. O propio Consello Consultivo de Galicia puxo en dúbida esta semana a legalidade das principais medidas que a Xunta está a punto de aprobar. Isto sumado a todas as críticas de institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras organizacións profesionais do ensino pon en evidencia que o Goberno e o PP precisan volver ao consenso nun asunto de país coma este. Catro grandes manifestacións a prol do galego demostran que a sociedade non está disposta a renunciar á súa lingua propia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario