Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 22 de maio de 2010

Se a ninguén contenta, para que vale?

por Xavier Carro, deputado do PSdG, no Xornal de Galicia
Levo tempo dándolle voltas a unha pregunta, cal é a intención política de Feijóo no referente á polémica inventada por el sobre o galego? Non cabe dúbida que durante a campaña electoral a razón era o medo, inexplicable, a Rosa Díez, así correron coma tolos Rueda e Ana Pastor a disputarlle a foto a empuxóns naquela patética manifestación. Non tardou moito o tempo en poñer á lideresa vasca no seu sitio, cando dixo aquela frase en televisión empregando o termo galego como un insulto dedicado a Zapatero. Por certo, saiu Feijóo todo pomposo a chamarlle a atención, a quen fora un ano antes compañeira de pancarta.
Gañadas as eleccións, Feijóo pensou que o galego era unha boa cuña para abrir unha fenda entre o PSdeG e o BNG. O plan era perfecto, mandar ó Bloque cara ó extremismo e pactar cos socialistas unha reforma de maquillaxe baixo a dirección dun home elixido para iso, o señor Lorenzo. Pero o plan fracasou porque tanto os socialistas como os nacionalistas entenderon que ningunha alternativa política ten futuro en Galicia se se enfronta ós elementos básicos que conforman a nosa identidade. Xa van varias manifestacións e pronunciamentos de todo tipo, todos en contra do Decreto, incluso por parte daqueles que presuntamente se quería protexer, Galicia Bilingüe; pero o señor Feijóo non escoita ou non quere escoitar.
A opción que contén o Decreto non contenta a ninguén, mantéñense aspectos nefastos para o ensino, como a supremacía da posición do alumno sobre o profesor á hora de elixir a lingua vehicular, e segundo se di, ábrese a porta a unha reforma lexislativa sobre outras normas, que non presentaban ningún problema ata o de agora, só para poder dar un paso máis na dirección de derivar a responsabilidade pública á decisión privada dos pais, introducindo nas aulas un conflito que escusábamos ben.
O Decreto non hai por onde collelo, nin resolve ningún problema, nin parte da realidade do ensino en Galicia, nin debuxa un futuro mellor para o sistema, nin xera tranquilidade entre os pais ou os profesores. Máis ben xera un caldo de cultivo propicio para un conflito de consecuencias imprevisibles.
Eureka!, esta é a razón!, este é o obxectivo! Feijóo pretende xerar unha polémica permanente co idioma. E para que a quererá? Será para aireala a pracer, para acender o lume cada vez que lle conveña tapar outra cousa? Quizais para encubrir a pobreza e insolvencia do seu proxecto político? Quizais para encubrir o fracaso da súa política económica? Quizais para tapar a carencia absoluta de estratexia ou dirección nos asuntos que de verdade importan ó país? Como sexa iso imos aviados, e dáme que vai ser que si.

Ningún comentario:

Publicar un comentario