por Xosé Luis R. Pardo, avogado, no Xornal de Galicia
Non parece preciso, arestora, facermos un comentario encol da proposta que remata de facer o señor Feijóo ás outras forzas políticas de Galicia de chegaren a “un pacto pola lingua” xa que, coma se fai nos réximes democráticos e parlamentares, tales pactos fanse, ou ben denantes de presentar, para a súa votación, o texto correspondente ou, xa aprobada a lei ou decreto do que se trata, logo de pasar un tempo e veren, todas as forzas políticas ou, cando menos, a maioría de elas, que tal norma legal non é boa.
Aplicando este sistema, básico para o funcionamento da democracia parlamentar, atopámonos no caso da lingua galega que xa nun primeiro tempo chegouse ao pacto maioritario cando se debateu e aprobou o actual texto de Estatuto de Autonomía e, así, a lingua galega definiuse como “lingua propia de Galicia” no artigo 5 do Estatuto, co que tal cousa forzosamente supón, e, ademais, impónselle aos poderes públicos de Galicia, ou sexa, Xunta, deputacións e concellos o deber de “garantir o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e dispoñerán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”.
Coido que, de acordo co pacto estatutario, rubricado polas Cortes Xerais e polo pobo galego en refrendo, non habería máis que falar e así se debateu e aprobou a vixente Lei de Normalización Lingüística e, como medio para facilitar o coñecemento do galego, foi aprobado polo anterior Goberno da Xunta, co apoio, tamén, do Partido Popular, o actual Decreto que agora quere sustituir o actual Goberno da Xunta ofrecendo, como acaba de facer no Courel no Día das Letras Galegas, en troques do que xa hai e foi pactado, outro pacto para rematar co el.
Pola miña parte tan só andaría na procura dun pacto se se tratara da reforma do Estatuto, como queremos moitos, e, no art. 5.2, onde pon que os idiomas galego e castelán “todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”, puxeran, tamén, que “todos teñen a obriga, a respecto do galego, de o coñecer”, tal como se fai na Constitución a respecto do español, no seu artigo 3.1. Iso si que hai que pactalo.
E xa, como remate, indicar que, baixo ningún concepto, e en detrimento do galego –e máis do castelán–, se pode aceptar o reparto trilingüe, co inglés como lingua do mesmo rango cás outras dúas, xa que, pensando nun futuro, tamén se podería pensar no chinés
Ningún comentario:
Publicar un comentario