Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 23 de maio de 2010

Letras galegas

por Salvador Soutullo Carollo, en Galicia Hoxe
O Día das Letras galegas non é só para ler o autor conmemorativo, iso é o máis superficial. O Día das Letras Galegas é para reafirmarnos como pobo e a lingua é unha distinción moi importante dun pobo. Cada ano por esta data celébrase unha manifestación reindicativa en Compostela e as rúas da capital énchense de xentes e de cor nun día en que en Galiza é festivo. Non é festivo o Sant Jordi o 23 de abril en Cataluña, alí corre o argumento de que se fose festivo a xente marcharía para a praia e non mercarían libros nun día onde se vende moita parte de libros do total do ano.
Aquí o Día das Letras Galegas conmemora a saída do prelo do libro de Rosalía Cantares gallegos e é precisamente Rosalía a musa das letras galegas. Sant Jordi, o día 23 de abril, conmemora a publicación de El Quijote e os cataláns celébrano para promocionar o libro escrito en catalá namentres que o mundo de fala castelán o aproveita para conmemorar os seus libros.
Igual que aquí temos a Alameda chea de xente alí son as Ramblas de Barcelona as que se enchen de chiringuitos de libros e de rosas desde primeiras horas da mañá ata o final do día. A tradición do día das letras catalás era ata ben pouco que a muller lle regalese un libro ó home e este unha rosa á muller. Agora xa se regalan as dúas cousas un ó outro.
Lembro tamén con moita claridade que ás oito da tarde celebraban unha manifestación reivindicativa da lingua e vénme á cabeza a manifestación do ano 1985 na que mallaron indiscriminadamente os antidisturbios e as cámaras de Euskal Telebista gravaron como estaban mallando contra unha señora maior que non podía defenderse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario