Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 31 de outubro de 2011

Sermos Galiza: Comezamos a conta atrás (e II)

por Teresa Moure, en Terra e Tempo. Vén sendo a segunda parte deste outro artigo.


E é hora de entrar no proxecto. Algunhas persoas, cuxos nomes xa coñecedes polo blogue -sermosgaliza.blogspot.com- comezamos a falar nos últimos días de xuño pasado das posibilidades que viamos para un proxecto de comunicación. Comprometemos moito tempo e esforzo, e algúns cartos. Inicialmente centramos o noso traballo en incluírmos máis sensibilidades, en ampliarmos o grupo e darmos cabida a todas as tendencias, agrupacións, colectividades que tivesen a defensa de Galiza presente na súa ideoloxía e o galego como lingua de instalación. Non todas quixeron subir ao carro mais si que o tentamos. E conseguimos unha primeira listaxe de apoios de persoas que están a cabeza de organizacións diversas, e que pensamos  moi representativa da pluralidade que queriamos conseguir. Non somos tres amiguetes. Non somos un lobby da comunicación. Tampouco somos o brazo de organización ningunha. Somos -sodes, quen queira sumarse- un grupo tan heteroxéneo como a sociedade galega; un grupo tan dispar, tan variado, tan múltiplo que o raro é que nos deamos posto de acordo en algo. Tampouco non somos intrusos na profesión xornalística, como quizais alguén por aí poida pensar. Nin se nos pasa pola cabeza facer o xornal nós cada mañá. Esa é a razón pola cal non hai xornalistas no grupo promotor. Pensamos que nun momento como este de precariedade laboral e de problemas na profesión xornalística, non sería unha boa práctica a de confundirmos grupo promotor e persoal. Nós somos persoas cunha idea que temos como misión darlle profundidade, servir de caixa de resonancia e difundir... Aí acaba o noso labor.

Sermos Galiza é unha iniciativa para constituír unha Sociedade Anónima que xestionará un diario dixital e máis un semanario en papel. Quizais haxa despois outros proxectos, en particular o grupo promotor séntese inclinado pola radio, mais isto aínda non existe. Despois de estudarmos a viabilidade económica, botamos contas prescindindo da publicidade. Por que? Pois porque é un sector inestábel -hoxe en caída- e ademais, para falarmos con toda a transparencia, porque sabemos da dificultade de contar con anunciantes. Funcionaremos a través de subscricións anuais duns 160 euros, de forma que cada semanario sairá a un pouco menos de 3 euros. Para mover todo isto precisamos xuntar primeiro un capital importante, 300 mil euros, que nos darían solvencia durante un prazo razoábel de tempo, o suficiente para darlle certo arraigo. Convocámosvos para encoraxarvos a mercardes esas accións. Porque saír ao mercado ten certos riscos. Se as mercar Bill Gates, ou NovacaixaGalicia ou o Papa Ratzinger, o proxecto será distinto de se as mercamos as e os que asistimos a estas presentacións, parece claro. O deseño da idea pode proceder do grupo promotor mais quen executará as decisións será a xunta de accionistas logo da constitución da empresa. Precisamente, para evitarmos que ningunha parte compradora poida tomar o control e evitar que Sermos Galiza se converta nun proxecto empresarial ao uso, puxemos a limitación de que ninguén poderá mercar máis do 10% das accións. 
Que vos pedimos como grupo promotor de Sermos Galiza?En primeiro lugar, que vos deixedes ilusionar cun proxecto necesario. Xa está ben de que nos conten a realidade como queren! Xa está ben de que nos digan, por exemplo, que un sector inapreciábel do profesorado se está a mobilizar contra as medidas da Consellaría de Educación! Xa está ben de que nos digan que apenas tres tolos estaban manifestándose en San Caetano pola lingua! Despois da presentación na Coruña de Sermos Galiza, nalgúns medios non masivos como o Terra e Tempo saíron publicadas opinións favorábeis ao proxecto. Alberte Ansede salientaba a sorpresa de que, cunha sociedade dinámica e culta como a galega, que se foi dotando de centros culturais e dun tecido asociativo considerábel, como pode ser que a prensa maioritaria estea a tan baixa altura? Efectivamente, como pode ser a nosa prensa unha que pasa a vida a tirar pedras contra Galiza? Como pode ser nosa unha empresa de comunicación cando considera que defender a lingua propia é ser do monte, ou que reclamarmos soberanía é non querermos formar parte da xente traballadora do mundo unida?

O segundo que vos queremos pedir é que, unha vez que vos ilusionastes, que lle deades difusión a esta idea. Queremos que os produtos que xurdan de Sermos Galiza estean nas cafetarías e nos bares de copas, que estean nos centros de traballo, que sexan, real e efectivamente, a outra voz.

Finalmente e na medida das vosas posibilidades, nun momento difícil como este, pregámosvos que vos comprometades cunha achega económica. As accións custan 100 euros, coa idea de que o proxecto tivese sustento social, que fose o máis popular posíbel. Algunha desas accións xa foi mercada por algún mozo desempregado. Outras persoas mercamos un paquete un pouquiño máis grande. Seguro que podemos rañar a carteira para demostrarlles quedenantes pobres que escravas. Pensade que é algo moi importante o que adquirimos: é o dereito ao futuro.

Finalmente, como xa dixen no blogue, non son unha gran lectora de prensa. Amólame ese produto clásico que foi creado para o pai de familia, coa súa sección de sucesos para se escandalizar a gusto, a súas columnas centrais de política do estado que chaman nacional, as súas páxinas de prostitución anunciada e até o horóscopo para ver se, despois de tanta "información", ao suxeito en cuestión aínda lle van saír ben as cousas. Na vida, con frecuencia me sinto molesta polos tópicos que acompañan as entrevistas, pola rapidez e a frugalidade con que a linguaxe xornalística trata os asuntos, pola agresividade que o mercado puxo de moda. Mais estou certa tamén de que outra prensa é posíbel. É posíbel unha prensa de esquerdas, feita para o pobo e polo pobo, desenvolvida con óptica radicalmente soberana, unha prensa que teña presente que os grandes movementos sociais -que as ideas do feminismo, do ecoloxismo, da relación entre quen produce e quen consome alimentos- teñen un fundamento político e unha razón ética que as fai máis respectábeis, máis suxestivas para saíren no xornal que a defensa da monarquía ou da constitución. E digo isto porque hai uns anos recibín unha oferta para escribir nun medio de gran difusión en Galicia. A única limitación que me marcaban era esa: non escribir contra o rei ou contra a constitución. Como se o propio concepto de monarquía non fose posto en xuízo polo artigo primeiro da Declaración dos dereitos humanos, alí onde di que todas as persoas nacen libres e iguais... Ou como se a constitución que-non-se-podía-criticar-nin-modificar non fose un texto agresivo, que lesiona a nosa nación chamándoa comunidade autónoma. Tiven que rexeitar a oferta. Poucos meses despois, outro dos medios máis instalados púñase en contacto comigo. Ofrecíanme unha columna de pensamento semanal coa única condición de que escribise en español. Cando aleguei que nese xornal había quen escribía en galego -por que eles si e eu non?- contestáronme: "iso é na sección de cultura e a ti estámosche ofrecendo pensamento". Pareceume raro que a min, unha muller, me fosen reservar algo supostamente de máis categoría. Tamén me abraiou que quen me falaba non deixaba espazo para concesións: a cultura podía ir en galego, o sublime pensamento non. Mais nunca se me foi da cabeza a sospeita de que querían utilizarme para dicir que as escritoras e os escritores usabamos o galego por unha caste de costumismo e non por unha convicción máis profunda, pola decisión rebelde e contra-poder de vivirmos en galego. Por suposto que houbo que contestar, "españois, go home!"

Conto as miñas anécdotas porque é hora de tirarmos á luz a nosa insatisfacción cos medios que nos rodean. Mais cadaquén terá as propias batallas que contar. O asunto é que, como percorremos ese camiño, temos a idea clara de que outra prensa debe ser posíbel. Posíbel e urxente, para nos regalarmos outros ollos con que interpretar a realidade que nos envolve. Por Sermos Galiza! 

Resurección por defuntos


A propósito da publicación de Lingua galega e variación dialectal. Globalización, diversidade e preconceptos lingüísticos

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

Tempos paradoxais os que está a pasar a lingua galega! En canto perde falantes a cachón coa participación cómplice dun Goberno galego empeñado no seu exterminio e en canto se van deturpando na oralidade as súas estruturas internas perante a presión abafante do idioma estatal, florecen como nunca os estudos filolóxicos serios e rigorosos sobre ela. O último destes é unha monografía publicada recentemente por Laiovento so o título de Lingua galega e variación dialectal, da autoría do profesor da UDC Xosé Manuel Sánchez Rei. Tanto este como a editora xa teñen unha consolidada e frutífera folla de servizos en prol da filoloxía galega. No catálogo de Laiovento figuran algunhas das obras máis importantes sobre a nosa lingua, entre elas a Gramática histórica galega, de Manuel Ferreiro, por exemplo, e outras que son da autoría de Sánchez Rei: Se o vós por ben teverdes. A interpolación pronominal en galego (1999, Premio de Investigación Lingüística Carvalho Calero) ou A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros (2006, finalista dos Premios da Crítica). A elas débese acrecentar a tradución para o galego do Curso de lingüística xeral (2005), de Ferdinand de Saussure, precedido dunha ampla introdución que constitúe máis un importante contributo de Sánchez Rei aos estudos filolóxicos, pois alén de pór en galego a obra fundacional da moderna lingüística por primeira e única vez, sitúanola con relación ao contexto dos estudos filolóxicos galegos. Á parte de en Laiovento, este autor tamén publicou importantes traballos especializados sobre a nosa lingua no ámbito editorial universitario, como ben mostras dúas monografías da Revista Galega de Filoloxía, unha sobre Os pronomes demostrativos: do latín ao galego contemporáneo (2002) e outra sobreO complemento preposicional en galego, tirada do prelo en 2010, que constitúe unha relevante e innovadora achega ao estudo da sintaxe desde o marco teórico da gramática de valencias. Alén destas obras, Sánchez Rei é autor de importantes traballos sobre lingüística galego-portuguesa publicados tanto en revistas especializadas como en volumes colectivos e actas de congresos.

Mais entre toda a súa abundante produción, a pesar de se tratar dunha persoa aínda nova, éLingua galega e varicación dialectal a que marca o punto culminante, a se converter a súa saída do prelo nun evento de primeiro nivel entre os moitos traballos filolóxicos que, felizmente, se viñeron publicando no último cuartel do século XX e nos primordios do XXI. Con certeza, a filoloxía galega tivo un grande pulo nesta última etapa, de que esta obra é unha mostra senlleira, de modo que, paseniñamente, se van enchendo baleiros existentes e o coñecemento científico da lingua galega se equipara co das linguas do noso contorno. Infelizmente, esta situación non vai acompañada do avanzo nos usos sociais pola vontade lingüicida dos gobernantes e tamén por desleixo de moitas persoas galegas. Cando no século XVIII o Padre Sarmiento sentiu a curiosidade e a necesidade de coñecer o seu propio país e a súa lingua, decatouse de que sabía máis da China do que da Galiza e de que non dispuña de obras filolóxicas onde se documentar sobre o galego. No entanto, nas sucesivas viaxes polo país na procura da súa descuberta ouvía falar galego por toda a parte. Hoxe dispomos de grandes obras filolóxicas, que van desde as do propio Sarmiento até esta de Xosé Manuel Sánchez Rei, mais cada vez o galego fálase menos. Eis o paradoxo a que nos enfrontamos na actualidade, onde se nos vende o valor 'indiscutíbel' dunha falsaria globalización ao servizo dos poderosos que está a matar a diversidade, tamén a lingüística, e a provocar a ruína dos pobos e das persoas máis necesitadas.

No canto de globalizaren as liberdades e os dereitos das persoas -á educación, á sanidade, á vida digna e á propia subsistencia-, os poderes dominantes tencionan acabar coa diversidade cultural e lingüística na procura dunha uniformización que sirva para satisfacer mellor o seu insaciábel afán de acaparación de poder e de riqueza. Así entendida, a globalización non é máis do que un outro modo de dominio, de explotación e de animalización da sociedade. "Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo da Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal...", escribira Castelao. Cada día están a desaparecer linguas no mundo, no camiño de pór fin a unha característica básica do xénero humano, a súa diversidade. Reputados especialistas, como Krauss, calculan que no presente século desaparecerá o 90% das linguas da humanidade; pois, de ser así, con el desaparecerá tamén o 90% das culturas e das maneiras de ollar e interpretar o mundo. Porque isto é o que son as linguas, moito máis do que simples medios de nos comunicarmos. Cada lingua constitúe un mundo en si mesma, coa súa propia diversidade. As linguas son elas mesmas a mostra máis evidente da diversidade e a antítese da uniformidade. Por iso os uniformizadores ou globalizadores se mostran tan inimigos das linguas, menos das súas, claro. Inclusive falándomos unha mesma lingua, todos falamos diferente porque lingua é sinónimo de variación. Variación xeográfica, diatópica ou dialectal, variación etárea, variación de xénero, variación diastrática ou social, variación diafásica ou estilística, variación contextual, mesmo variación diacrónica... Nada máis plural e diverso que as linguas, que todas e cada unha das linguas. Tamén a lingua galega, embora os servos dese poder omnímodo tencionasen e aínda tencionen acabar con ela e co seu xenio diverso e creador. Felizmente, os galegos e as galegas aínda podemos hoxe exprimir na nosa propia lingua toda a riqueza de matices e rexistros que a consubstancial variedade intralingüística permite, desde unha conversa espontánea até á exposición maxistral, dun poema lírico ao artigo científico, do galego labrego ou mariñeiro ao urbano, do eonaviego ao baixomiñoto. E aínda podiamos traspasar de todo as fronteiras administrativas da Galiza e falarmos do portelego, ou do valverdeiro, do lagarteiro e do mañego; ou, vencéndomos a barreira psicolóxica que nos impón a división estatal, falarmos tamén do galego-portugués algarvío, açoriano, madeirense, caboverdiano ou guineense; e inclusive de galego-brasileiro caipira, fluminense, baiano, sulista, mineiro, paulista etc. Queren globalización? Eis a nosa lingua estendida polo mundo e convertida nun dos idiomas máis falados, con toda a súa ricaz diversidade.

Da variación dialectal da lingua galega é do que trata o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei, embora nas súas máis de 650 páxinas transparezan frecuentes referencias aos outros tipos de variacionismo. A descrición dialectal do galego é unha importante tarefa investigadora no substancial xa realizada polo Instituto da Lingua Galega da USC e que deu orixe á publicación en varios volumes do Atlas Lingüístico Galego, tamén obra de grande transcendencia na filoloxía galega, e a outras publicacións como a sintética e clarificadora Dialectoloxía da lingua galega de Francisco Fernández Rei. Porén, Lingua galega e variación dialectal é unha obra de teor diferente, pois foca o variacionismo dialectal desde unha óptica teórica, tradicionalmente bastante esquecida nos estudos lingüísticos galegos en xeral, feito que viña revelando unha real subordinación ao español neste ámbito. Por tanto, non repite, mais complementa os traballos anteriores, a encher así un baleiro existente nos estudos dialectolóxicos galegos, pois non existía un traballo teórico desta natureza aplicado ao noso idioma. Con base na propia experiencia docente universitaria do autor, esta obra, máis do que describir, analiza e interpreta os feitos lingüísticos de natureza dialectal, resultando neste sentido plenamente orixinal e innovadora. Non se trata, por conseguinte, dun contributo práctico e exhaustivo sobre información dialectal, acerca da cal xa dispomos de abondoso material, mais dunha obra teórica enmarcada na dialectoloxía sincrónica de carácter territorial. Aínda que a visión alargada do autor sobre a nosa lingua favorece as frecuentes referencias ao ámbito internacional da galegofonía, a necesidade de fixar os obxectivos nuns límites razoábeis e abranxíbeis, ben como o seu ámbito da dedicación profesional e mesmo as propias limitacións de espazo, con seguranza o obrigaron a centrar o campo de pesquisa e análise na variante galega dun sistema lingüístico que se estende por varios continentes. Claro está, sen perder de vista a perspectiva xeral, como moito ben se pode deducir da lectura desta obra.

Ao longo e largo das súas numerosas páxinas vanse tamén desfacendo ou combatendo, de modo claro e rigoroso, con acompañamento dun adecuado aparello crítico, preconceptos relativos ao variacionismo dialectal que infelizmente fixeron fortuna entre nós e que se converteron en obstáculos para a normalización do galego. Un deles é a propia existencia das variantes dialectais na Galiza, como se iso fose unha eiva singular da nosa lingua face á uniformidade das linguas realmente importantes; con base no feito de na Fonsagrada se daren uns trazos lingüísticos diferentes dos que aparecen en Carballo ou en Tui, tense tirado a conclusión -e aí están os textos do século XIX ou de parte do XX para o demostraren- de o galego non ser un idioma serio como os demais e por tanto de non servir para desempeñar as funcións propias dunha lingua oficial; como se o español, o francés ou o inglés non presentasen un grao de variación dialectal igual ou maior; que llo pregunten, se non, a quen estuda inglés en Madrid e logo vai practicalo a Escocia, por exemplo; ou a quen estuda español en Londres e se desloca a Granada. Máis outro preconcepto lingüístico é xustamente considerar o variacionismo como un aspecto negativo e empobrecedor, cando na realidade é unha mostra de vitalidade e de riqueza dunha lingua; o que acontece realmente é que estas consideracións pexorativas da variación se costuman aplicar só ás linguas minorizadas; o que nunha lingua estatal é vigor e poderío, tórnase defecto e corrupción na nacional ou local, o cal nos fai lembrar aquel dito popular: "Cando o rico se embebeda, que engrazado está o señor; mais cando se embebeda o pobre..." Tamén a equiparación das linguas minorizadas cos dialectos, en canto se reserva o termo de 'lingua' para as linguas oficiais dos estados, constitúe máis un preconcepto que se ten aplicado reiteradas veces nos séculos pasados á lingua galega co obxectivo de provocar o seu desprestixio social. Ou mesmo a equiparación da corrección lingüística co estándar, reducindo a rica e lexítima variación dialectal a simple desvío ou vicio que debe ser corrixido; non se pode tratar por igual, con certeza, o que é variación e o que é produto da interferencia alleante e desnaturalizadora: en canto esta debe ser combatida, a primeira ten de ser respectada e valorizada, con independencia da necesidade de existir unha norma común na escrita. En Lingua galega e variación dialectal analízanse e rebátense cientificamente estas e outras falsas ideas a respecto da variación lingüística, pondo sempre en confronto a situación do galego coa do resto das linguas á luz dos estudos máis relevantes e actualizados sobre a materia.

Este libro, pois, alén de ser un excelente estudo teórico sobre o variacionismo dialectal galego, constitúe tamén un antídoto contra vellos preconceptos lingüísticos aínda vigorantes nunha parte da sociedade galega e mesmo entre a mocidade. É evidente que canta máis información sobre un tema tiveren as persoas, máis posibilidades haberá de se sentiren atraídas e mesmo de empatizaren con el. Non se pode amar, con certeza, aquilo que se ignora; e sobre as linguas descoñécense moitas cousas ou, o que é peor, posúense nocións equivocadas que son produto de falsificacións históricas interesadamente difundidas, sempre co obxectivo de impor o discurso do poder en beneficio dos poderosos. Así é precisamente como xurdiron os preconceptos lingüísticos, que operan en prol das grandes linguas dos estados, e en contra das linguas nacionais minorizadas, na procura da uniformización daqueles e da eliminación das diferenzas. No fondo está sempre o afán de dominio do forte sobre o débil e a asimilación lingüístico-cultural favorecedora dos intereses do primeiro. De aí a necesidade de alicerzar a defensa da lingua galega no valor da diversidade de linguas e culturas como patrimonio enriquecedor da humanidade. Na defensa, en definitivo, do ecolingüismo ou ecoloxía das linguas como parte irrenunciábel da manutención da biodiversidade no mundo, pois as linguas tamén son seres vivos que nacen, medran, minguan ou mesmo morren segundo o tratamento que se lles der. Neste sentido, a monografía científica Lingua galega e variación dialectal é, tamén, un manual para aprendermos a amar e defender a diversidade lingüística e, particularmente, a lingua galega e a súa variedade dialectal, que é ao que, como galegos e galegas, estamos obrigados. Só nós o podemos facer e nosa é, pois, a responsabilidade de mantermos unha lingua viva que, como todas as demais, é patrimonio común da humanidade.

Parabéns, por tanto, ao autor por esta magnífica obra e tamén á editora pola súa publicación. Parabéns adiantados igualmente aos lectores e lectoras que se animaren a lela, pois sairán da súa lectura con moitos máis coñecementos sobre a lingua galega e sobre o funcionamento das linguas en xeral, alén de visualizaren un modelo de galego escrito auténtico e de calidade que sen dúbida contribuirá para unha mellor valorización da lingua propia e para o incremento da autoestima dos seus utentes. En fin, é este un libro que nos axuda a sabermos máis, a sermos mellores galegos e galegas, e tamén a sermos mellores persoas.

domingo, 30 de outubro de 2011

Ciencia que conta. Tamén en galego!

por Eduardo García Parada, en Terra e Tempo. Un artigo que se me pasou, publicado o 27/10/2011

Nos tempos do global é cando ten máis sentido o propio, o diferenciador. Os actuais sistemas de comunicación mundial permítenos compartir coñecemento de contado. O que se fai en Galiza de xeito case instantáneo pode ser coñecido nas nosas antípodas. 

Mais, paradoxalmente, esta globalización do coñecemento e nomeadamente da ciencia leva parella unha alienación, un alleamento por parte dos máis próximos cada vez maior: maior información non significa necesariamente que chegue a máis xente, que chegue aos galegos e galegas. 

A ideoloxía neoliberal dominante instala na nosa sociedade a cultura do consumo rápido e fácil. Mentres que o noso actual sistema educativo está a crear un cada vez máis amplo grupo de analfabetos científicos, a ciencia forma xa parte da nosa cultura e do noso día a día: falamos a cotío de transxénicos, de teoría da relatividade, de penicilina, do "Big-Bang"... sen termos unha mínima idea do que se está a dicir. Isto leva parello o afortalamento das falsas ciencias ou pseudociencias, como a astroloxía ou a homeopatía, pois a fascinación tecnolóxica leva ás veces a unha fe cega na ciencia que desde o descoñecemento pode convertirse nunha nova relixión.

Cómpre salvar a distancia entre a ciencia e a sociedade, entre as persoas que fan ciencia e a cidadanía. Pois a ciencia e o coñecemento debe ser de todos e todas. E para isto é imprescindíbel achegarlle os coñecementos científicos e o interese pola ciencia, dun xeito comprensíbel, ameno e conectado coa nosa realidade, coa nosa cultura e na nosa lingua.

É innegábel que o inglés é a lingua hexemónica da comunicación científica e técnica. En xeral, un artigo, presentación ou informe científico faise no idioma determinado polo público ao que vai dirixido. Outros idiomas máis prestixiados e menos minorizados có noso como o catalán e por suposto o castelán fican relegados a idiomas secundarios ou utilizados para temas de interese local ou nacional, cousa que tamén lle ocorre, de xeito máis pronunciado, ao galego. É verdade que o noso idioma ten como potencial receptor o mundo lusófono, mais na actualidade esta vía está pouco desenvolvida. O galego, por tanto, debe procurar de xeito intelixente e realista o seu sitio, para non ficar definitivamente apartado da ciencia e da comunicación científica.

E un destes lugares é sen dúbida o do ensino das ciencias e o da divulgación científica. A situación actual do uso do galego nas ciencias vén agravada pola aplicación polo Partido Popular do seu Decreto 79/2010 do mal chamado "Plurilingüismo" e que limitaba en xeral o xa limitado uso do galego no ensino obrigatorio -ademais de crear unha conciencia social de que o noso idioma era o opresor no canto do oprimido- e no que salienta a prohibición do seu uso en materias de alto prestixio social como as matemáticas, a física, a química ou a tecnoloxía. Unha consecuencia directa deste Decreto é a desaparición de todo tipo de libros de texto e material de apoio destas materias científico-tecnolóxicas no noso idioma, alén por suposto da case nula presenza do galego en páxinas web e contidos virtuais.

Á marxe das resistencias individuais que boa parte da comunidade educativa está a manter no cotío das aulas, hai unha chea de iniciativas colectivas que mostran o errado das políticas da actual Xunta e que teñen como obxectivo achegar e facer atractiva a Ciencia a todos os galegas e galegas, nas escolas e fóra delas, e en galego. Ademais de asociacións de profesorado de ciencias como ENCIGA (Ensinantes de Ciencias de Galicia) -xa cun longo percorrido- ou as que agrupan ao profesorado de matemáticas (AGAPEMA) e tecnoloxía (APETEGA), ou a Institución Galega de Ciência (IGACIENCIA), temos en Galiza recoñecidos e premiados divulgadores que tamén utilizan a cotío o galego como Xurxo Mariño ou Jorge Mira. Recentemente creouse a Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica, que ten entre os seus obxectivos traballar pola alfabetización científica e tecnolóxica da sociedade galega, promover o uso do galego no campo da comunicación científica, e dar visibilidade á ciencia, innovación e tecnoloxía desenvolvidas en Galiza ou relacionadas con Galiza.

O vindeiro 4 de novembro celébrase o II Día da Ciencia en Galego: o dereito a gozar daCiencia en galego en todos os centros de ensino do pais, dedicado este ano á muller na ciencia e á química, pois 2011 é o Ano Internacional da Química en conmemoración do premio Nobel de Química concedido a Marie Curie en 1911 polo seus descubrimentos dos novos elementos químicos Radio e Polonio. 

E até o 10 de novembro podedes participar no 4º Concurso de relatos curtos sobre ciencia: Ciencia que Conta 2011 (CQC11), un concurso xa consolidado no noso país que aproxima ciencia, literatura e galego para todas as idades e que organiza o grupo de divulgación científica FA3 da Universidade de Vigo.

Dúas magníficas mostras de ciencia para todos e todas, de ciencia que conta e ademais na nosa lingua. Anímovos a todos e todas a participardes! 

Nave sen rumbo

O oficio de redeira foi tradicionalmente asumido por mulleres. Elas eran as que se encargaban de restaurar as redes para deixalas preparadas para unha nova marea. Mais algunhas redes teñen tales buratos que é imposible reparalas. Eis o caso da Rede de Dinamización Lingüística  que se presentou o pasado venres.
Resulta que o armador, por mais voltas que estivo dando, non conseguiu contratar unha tripulación. Isto é certo ata tal punto que unha das adquisicións máis publicitadas para esa Rede foi a do mariñeiro concello de Ribeira, un concello desde o que se promove sistemáticamente a conculcación da Lei de Normalización Lingüística. E isto seino de primeira man. Os funcionarios dese concello vense presionados sistemáticamente para que en ningún documento apareza o nome oficial do concello.
O peor do caso é que non se enxerga o sentido que ten botar o barco ao mar sen mariñeiros (efectivamente, a CTNL, por motivos máis que razonables, desmarcouse da Rede) sen gasoil, e sen trasmallos (a SXPL vén de deixar sen orzamentos os SNL dos concellos [1], [2] e [3]). Tardouse un ano en montar esta Rede que non hai tripulación que queira cargar.
Isto lévame a pensar que para o único que serve o navío é para procesionar o día do Carme. Entón  a cuestión é se cómpre manter o navío en pé se sabemos que só se usa para montar a festa , ou se, dunha vez sería mellor levalo ao despezamento.

venres, 28 de outubro de 2011

Por un Depor en galego

Os que me coñezan saberán que a min o único que me pode interesar do fútbol é a esfericidade do balón... e as baixas cotas de normalización que farían que sobre todo os equipos galegos máis importantes merecesen, neste ámbito,  o descenso ás categorías máis baixas das que en tempos lle chamaban rexionais.  Por iso é aínda mellor recibida esta iniciativa, xestada en GalegoLab, e da que deixo aquí a pegatina que me chegou vía Filipe Díez.
"Por un Depor en 1ª e en galego"

xoves, 27 de outubro de 2011

Dúas alegrías: Praza Pública e Tempos Dixital

A pimeira alegría chegoume coa lectura destas palabras: "Porque hai milleiros de galegas e galegos que non teñen un medio de comunicación na rede no que confíen, que queren ler un xornal de calidade, en galego e que lles conte a parte da realidade que o resto das cabeceiras non lle está contando". Palabras que forman parte da presentación que fai Marcos S. Pena, quen xunto con Manolo Barreiro e e Filipe Díaz, levan un tempo traballando nun novo xornal dixital, Praza Pública.
A infografía estará a cargo da Navalla Suíza, e isto é toda unha garantía de calidade; basta lembrar o defunto Flocos ou excepcional Eufalo.tv
Como moitos outros, agardo poder ver pronto este soño materializado no mundo virtual.

mércores, 26 de outubro de 2011

A voz de Noam Chomsky

O lingüista Noam Chomsky fala neste curto vídeo sobre o catalán e a importancia de que os falantes defendan co  uso as súas linguas.

martes, 25 de outubro de 2011

En galego, agora e sempre

Presentado por Xosé González Martínez, un parladoiro da canle de televisión de Galeguizar Galicia con Baldo García, párroco en Redondela e Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización do Concello de Pontevedra. Conversan arredor do Día de Defuntos e da campaña de Galeguizar Galicia, xa realizada outros anos, co lema 'En galego, agora e sempre'

luns, 24 de outubro de 2011

O galego e a saúde

por Pablo Vaamonde, no Galicia Hoxe:



A relación do médico co paciente non é unha cuestión técnica: é un encontro entre seres humanos. Nese encontro hai unha persoa que sufre e outra que ten recoñecida pola sociedade a capacidade para aliviar os seus males. O principal instrumento terapéutico do sanitario é a palabra. Un acollemento cordial, respectuoso e afectivo ao doente ten, por sí mesmo, capacidade curativa. Nas Facultades de Medicina dáselle moito valor á aprendizaxe da anatomía, da fisioloxía e das técnicas exploratorias; á comunicación humana préstanlle menos atención. A propia sociedade idolatra a tecnoloxía sanitaria; máis, cando a doenza chega, todos nos decatamos da importancia do trato humano.
En Galicia temos dous idiomas: a nosa lingua propia, o galego, e tamén o castelán, que está instalado desde hai moito tempo neste territorio por razóns históricas. O que debería ser considerado unha riqueza (dispor de duas linguas que nos permiten a comunicación con millóns de persoas doutras xeografías) tense convertido nun problema lingüístico que cómpre arranxar. Na vez de celebrar e protexer este agasallo hai certos sectores que desexan a desaparición do galego e que Galicia sexa unha sociedade monolingüe. Nun dos seus libros escribeu Teresa Moure: “As linguas son a primeira e máis importante das manifestacións culturais, o seu exterminio é un atentado contra o patrimonio cultural da Humanidade. A diversidade lingüística é un ben de todos”. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade debe tamén protexerse a diversidade lingüística. Se unha lingua morre empobrécese o planeta. Cando unha sociedade dispón dunha lingua propia ten, tamén, unha forma diferente de interpretar a vida. Esto evidenciase de xeito moi notable no terreo da saúde e da enfermidade.
A coexistencia de dous idiomas condiciona a relación no ámbito sanitario. A persoa que usa o galego a cotío síntese mellor atendida si o profesional lle fala no mesmo idioma. Máis o certo é que o galego na sanidade ten unha presenza residual: somos moi poucos os sanitarios que o empregamos no exercicio da profesión. Dase, a miudo, o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente diríxise ao profesional en castelán, pois entende que colocarse no seu territorio lingüístico pode facilitar a comunicación. Por eso é tan importante que os profesionais fagamosunha oferta positiva, sendo nós os que falemos en galego desde o primeiro encontro. Esto facilitará a comunicación e a relación terapéutica.
A recuperación do galego no ámbito sanitario pode ter, ademáis, un efecto positivo para o propio idioma. A consideración social que ten a medicina e o grande número de contactos que se producen a diario co sistema sanitario contribúen a prestixiar o galego, de ser utilizado éste de xeito habitual. Eso é o que pretende un grupo de profesionais que veñen de constituir a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que ten como obxectivo principal potenciar o uso do galego na sanidade, por entender que é beneficioso para a relación terapéutica e moi favorable para a saúde do propio idioma, honxendía moi precaria.
Esta Irmandade, que nace baixo o paraugas da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, será presentada o vindeiro sábado, 29 de outubro, na Estrada, no transcurso dunha homenaxe ao doutor Manuel Reimóndez Portela, que traballou moitos anos nese concello e deixou relatadas algunhas das súas vivencias no libro “Un médico na aldea”. No transcurso dese acto recibirán un diploma de honra os primeiros 35 membros desta Irmandade; son profesionais de toda Galicia que se teñen distinguido polo compromiso coa língua no seu exercicio profesional.

Sún

A foto roubeina do blogue de Xabier Docampo, foi sacada na nova terminal de Lavacolla.
Nun principio pensei que o 'sún' viña sendo unha preposición; soábame como 'so' e ata tiña algo de sentido a frase "comprobe que a etiqueta baixo a equipaxe coincide con resguardo". Pero parecíame demasiado rebuscado. E que sería iso de resguardo? Será como lle chaman agora á tarxeta de embarque? Comencei a  intranquilizarme.
Tiña un problema. Debía abordalo por partes. Comencemos polo caso do 'sún'. Non sería unha variante dialectal?, non sería como din 'de seu' nalgúns lugares do bloque oriental ?: 'de sún'. Soaba ben. Preguntabame eu se quererían poñer "Comprobe que a etiqueta da equipaxe de seu (de sún) coincide con resguardo". Despois de reflexionar un pouco cheguei á conclusión de que non podía ser este o caso. Estabamos diante da sinaléctica dun aeroporto e non escollerían nunca unha forma dialectal para rotulalo.
Podía ser un préstamo. 'Sun' en inglés é 'sol'. Nese caso "sun equipaxe" viría sendo algo así como equipaxe luminosa ou relucinte. Mais tendo en conta como tratan as maletas nos aeroportos non tardei en decatarme de que non podía ser que no de Lavacolla agora comenzaran a preocuparse máis polo seu aspecto que polo seu peso...
Tería que ver algo co verbo 'sum'? Que pena que non cursara máis que un ano de latín na escola! O galego deriva do latín, tiña sentido. Pero o resto non cadraba, no seu contexto a frase ficaba incomprensible. Desboteino.
Algo deseperado mirei no TILG (Tesouro Informatizado a Lingua Galega). Alí viñan textos como "eu sun un bárbaro, eu sun un bruto". Isto viña sendo o mesmo que o do latín. A miña desorientación era total.
Daquela decateime de que poñía 'sún', con acento, non era 'sun'. O til do 'sún' tiña que ser un til diacrítico, non había outra. Entón, aínda que por algunha razón chegara a atopar o significado de 'sún' (con til) quedaríame por pescudar a semántica de 'sun' (sen til). E isto, xa era demasiado para min. Así que, finalmente, quedeime coa explicación de Xabier Docampo.


Últimas vontades

A Mesa anuncia que na tardiña do vindeiro 28 de outubro, no pontevedrés Pazo da Pedreira desenvolverase un acto de sinatura colectiva de últimas vontades. Unha boa iniciativa. Polo menos, deixar este mundo con algo de dignidade.

Con motivo da proximidade da data de Santos, o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) desa cidade organizan, coa colaboración do colectivo "Galegos de por vida" e do notario de Pontevedra Luís Darrieux, un acto que se vai celebrar no Pazo da Pedreira, o vindeiro venres 28 de outubro, á tardiña.

O acto consistirá na sinatura ante notario do texto que vos achegamos a seguir. Se queredes participar no acto de sinatura pública, podedes enviarnos o voso nome completo xunto co número do DNI. Ese día teredes que levar o voso DNI, xunto cunha fotocopia para lle entregar ao notario.

Eis o texto proposto:

"Entendemos que a normalización lingüística debe abranguer todos os eidos da existencia das galegas e dos galegos sobre a terra, incluso aqueles arredor do intre da extinción da persoa. Entendemos que o exercicio da galeguidade e o noso compromiso individual ou colectivo coa terra e a lingua debe ser continuado e sen desfalecementos ata a mesma morte. Somos conscientes da enorme perda de identidade cultural e histórica, incluso das contradicións e incongruencias que acontecen en todo o relacionado cos actos fúnebres onde, paradoxalmente, a persoa xa desaparecida semella renegar da lingua nai que defendeu, empregou e aproveitou en vida.

Por iso, as persoas aquí presentes, abaixo asinantes, convocadas polo Concello de Pontevedra e pola Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) no Pazo da Pedreira da cidade de Pontevedra, o día vinte e oito de outubro de dous mil once, manifestamos o seguinte:

"Que a lingua galega é a miña lingua, a lingua do pobo ao que considero pertencer e a lingua que quero que me acompañe ata a morte.

Que achegada a hora do meu pasamento, quero que todo o relativo ao meu funeral e enterro sexa realizado exclusivamente en lingua galega e, polo tanto, pido á miña familia, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que fagan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito.

Que, se terceiras persoas, sexan da familia ou autoridades relixiosas ou civís, tentasen impedir a realización desta miña derradeira vontade, pido a calquera outro familiar, amiga ou amigo que tivese coñecemento deste desexo meu, que tome todas as medidas  para facelo cumprir e, en caso de absoluta imposibilidade, que faga que se me enterre en silencio."

domingo, 23 de outubro de 2011

40 razóns para cesar a Anxo Lorenzo

por Bieito Lobeira, en Terra e Tempo:


Apenas dous anos de goberno do Partido Popular na Galiza teñen provocado efectos devastadores sobre o estado de saúde da lingua galega, multiplicando os casos de discriminación lingüística, e relegando -mesmo excluíndo- a presenza do idioma propio de Galiza en ámbitos nos que posuía unha tímida visualización. É este o auténtico bienio negro para o noso idioma no contexto dos últimos trinta anos de andaina autonómica.

O maxistral recital de inutilidade, ineptitude, hipocrisía e frivolidade do Secretario Xeral de Política Lingüística durante todo este tempo non oculta a máxima responsabilidade política que ostenta o Presidente da Xunta, nado -seica- nos Peares, mais campión da apostasía contra a súa propia Terra e Lingua. Contudo, é o Secretario Xeral de política Lingüística quen obedientemente acatou e aplicou os mandatos de exterminio do idioma galego. Aí van algúns -lamentabelmente hai moitos máis- dos "logros" do Partido Popular en tan só dous anos de goberno en materia lingüística. Son, tamén, razóns que de sermos un país "normal" explicarían o cese deste individuo:

1.- Porque laminaron, seguindo unha calculada estratexia de afogo e asfixia económica, oito medios de comunicación (tres en prensa escrita, cinco en formato dixital) integramente en galego, liquidando o noso idioma da prensa escrita e empobrecendo -máis aínda- a democracia.

2.- Porque reduciron ostensibelmente a presenza -xa residual- do galego nos medios de titularidade privada que utilizan o español como lingua vehicular, mentres lles inxectan un importante volume de cartos públicos, paradoxicamente destinados á normalización da lingua. Moitos destes medios subsidiados non permiten nin respectan declaracións ou comunicados en galego, e algúns nin a propia toponimia oficial e xenuína do noso país. E aínda así resultan beneficiados.

3.- Porque impediron, dende maio de 2010, calquera tramitación en galego na administración de xustiza, aínda existindo vontade de todas as partes implicadas nun xuízo, pola incorporación da aplicación informática "Minerva", adquirida polo departamento autonómico que dirixe Alfonso Rueda. Galiza é a única nación do Estado no que a súa lingua non pode ser utilizada na xustiza. Hai menos galego na xustiza hoxe que hai vinte anos.

4.- Porque eliminaron as "Galescolas", substituíndoas por unhas "Galiñas Azuis" que xa non garanten a incorporación do galego na franxa de idade entre os 0 e 3 anos.

5.- Porque impuxeron un Decreto no ensino non universitario que prohibe expresamente a impartición en galego de matemáticas, física, química e tecnoloxía. Segundo os dados existentes, a presenza do galego rondou o 20% do horario escolar, fronte ao 80% do español.

6.- Porque suprimiron no presente ano 2011 as axudas para a edición de libros en galego.

7.- Porque, desprezando a legalidade vigorante (Lei  4/2006), Presidente, Conselleiras, Conselleiros e altos cargos do Goberno exclúen o galego no desempeño público das súas funcións.

8.- Porque por vez primeira realizaron campañas institucionais (valados, cuñas radiofónicas, inserimentos en prensa escrita) integramente en español, eliminando o galego: Galicia Calidade, administración electrónica, prevención da SIDA, campaña de condución segura, etc.

9.- Porque eliminaron o galego como proba nas oposicións e procesos selectivos á administración pública.

10.- Porque utilizaron ilegalmente en documentación e anuncios oficiais da propia Xunta toponimia deturpada e españolizada. Mesmo en sinalizacións de estradas de titularidade autonómica.

11.- Porque ameazaron con modificar a Lei de Normalización Lingüística para oficializar, impoñéndoa, a toponimia deformada.

12.- Porque degradaron o uso do galego, e en ocasións o substituíron polo español, en servizos como Emerxencias 112, Meteogalicia, FIMO-Ferrol, oferta formativa da EGAP, Centro Arqueolóxico de Campolameiro, Xacobeo, etc.

13.- Porque eliminaron no 2011 as axudas para a promoción do galego nos concellos, facendo desaparecer numerosos servizos de normalización lingüística.

14.- Porque utilizaron o inglés como coartada para xustificar a eliminación do galego en parte da programación infantil e xuvenil da TVG: Teletubbies, Xuíza Amy, Dawson Creek, etc.

15.- Porque, en colaboración co PSOE, pretenden pór en marcha un novo marco legal regulador da CRTVG que non garante o uso do galego na TVG e Radio Galega.

16.- Porque permitiron a vulneración da lei por parte de numerosos concellos e pola Deputación Provincial de Pontevedra no tocante ao uso do galego.

17.- Porque enviaron cartas ameazantes aos concellos (o Director Xeral de Administración Local, ex-candidato falanxista) ameazando con impugnar calquera proba de selección de persoal que incluíra criterios lingüísticos.

18.- Porque calan e iníbense cando se producen situacións de aberrante discriminación lingüística sufridas por persoas do noso país, que fican abandoadas e en situación de plena indefensión institucional.

19.- Porque permitiron que os bancos e as entidades financeiras incumpran a lei en relación co uso do galego.
20.- Porque se negaron a aplicar o Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) no cinema, impedindo así a exercer o dereito a podermos asistir á exibición de filmes en galego nas salas comerciais do noso país. 

21.- Porque suprimiron o envío de libros en galego a centros da emigración, para evitar a aprendizaxe do noso idioma polos descendentes dos emigrantes galegos.

22.- Porque enviaron instrucións internas, dentro da administración galega, en español, contrariando a normativa existente.

23.- Porque censuraron, caricaturizaron e manipularon nos medios públicos as actuacións en defensa do galego. Porque impediron, de xeito inquisitorial e sectario, ao Presidente d'A Mesa, Carlos Callón, presentar o libro "En castellano no hai problema" na Casa de Galiza en Madrid.

24.- Porque eliminaron as axudas ao "Correlingua", carreira popular na que participan milleiros de dúceas de mozas e mozos na defensa do galego.

25.- Porque permitiron a vulneración das cláusulas de concesión de emisión ás televisións privadas "Popular TV" e "V Televisión" no tocante ao uso do galego.

26.- Porque abandoaron completamente ás comunidades lingüísticas galego falantes actualmente fóra dos lindes administrativos da Comunidade Autónoma de Galiza nas comarca do Eo-Navia, Bierzo e As Portelas de Seara. Similar trato no caso dos tres concellos estremeños de fala galega.

27.- Porque non quixeron garantir a atención en galego, telefónica ou presencial, nas dependencias da propia Xunta. E aínda existen formularios en español na administración autonómica.

28.- Porque degradaron e reduciron os cursos CELGA. Mesmo os suprimiron en comarcas enteiras.

29.- Porque se negaron a promover campañas de coñecemento da realidade galega e de dominio lingüístico en galego á comunidade inmigrante na Galiza.

30.- Porque no combate contra o galego non practicaron a "austeridade", e gastaron un enorme volume de cartos públicos na substitución do galego polo español: en libros de texto, na realización de "consultas" no ensino, na sinaléctica de "galescolas", etc. Esta política antigalega sáenos moi cara.

31.- Porque hoxe, no ano 2011, na Galiza, non somos libres para nos expresar e recibir atención en galego.

32.- Porque se lles nega a nenas e nenos do noso país o seu dereito a aprenderen e a se formaren en galego.

33.- Porque o Partido Popular pretende exterminar o uso do galego na Galiza a fin de aniquilarnos como pobo diferenciado, impoñendo así o seu proxecto político imperial.

34.- Porque foron quen de impoñer as medidas máis agresivas contra o galego dos últimos trinta anos.

35.- Porque non lles valeron nin os acordos nin os consensos unánimes en torno ao PXNLG (2004).

36.- Porque practicaron o terrorismo lingüístico, facendo crer que o galego estaba imposto na Galiza, e reproducindo os peores esquemas de autoodio na nosa sociedade, segundo os cales o galego non é idioma apto para calquera lugar, circunstancia ou ámbito social.

37.- Porque renegaron da súa Terra, vendéndoa ao servizo dos seus amos de Madrid.

38.- Porque nos dixeron que o uso do español era un acto de liberdade e o galego imposición, convertendo ás vítimas en verdugos.

39.- Porque non tiveron escrúpulos á hora de manipular e prostituír a memoria de patriotas galegos como Daniel Castelao, chegando a traducir ao español fragmentos do "Sempre en Galiza" en intervención oficial no Parlamento Galego, mesmo insinuando que Castelao e Rosalía, de viviren, farían parte do PP.

40.- Por todo iso, e por outras máis de 2.700.000 razóns máis. Unha por cada habitante desta nobre, castigada e digna nación galega.

"Torpedean aos medios que propoñen unha información libre e plural na nosa lingua"

entrevista a Henrique Harguindey, en Galicia Confidencial:


Hai uns días, o GC daba conta dunha iniciativa abandeirada por Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Henrique Harguindey Banet e Francisco Pillado a prol da conservación e a difusión do galego nos medios de comunicación.

Unha semana despois da súa presentación, o manifesto publicado na rede xa conta con máis de 3.300 apoios. Galicia Confidencial mantivo unha conversa con Henrique Haguindey para coñecer de primeira man de que se trata esta iniciativa.

Xurxo Salgado. Cal é o obxectivo último deste manifesto?
Henrique Harguindey. A iniciativa xurdíu respondendo a unha necesidade que non fora abordada por colectivos dos que poderías esperalo. De feito, mesmo algún de nós, en actos públicos e mais en privado, temos xa dende hai moitos meses lanzado a idea para ver se era plasmada por quen tiñan estrutura para facelo doadamente. Vímonos obrigados a facer as cousas dun xeito bastante artesanal e voluntarista, mais está claro que a nosa análise e as nosas reclamacións eran compartidas por un amplísimo sector da sociedade galega, que se volcou a respaldalas asinando o escrito masivamente.

X.S. Como e por que xurdiu?
H.H. O obxectivo da iniciativa é acadar nos medios de comunicación privados en Galiza esas tres cousas tan sinxelas e xustas  a) A presenza do galego nun 50% da totalidade do espazo escrito e do tempo da grella de programación; b) A reprodución literal das nosas declaracións e intervencións na lingua que as expresamos; 3)A transcrición literal dos eslógans e textos das pancartas das mobilizacións na súa lingua orixinal. Estas tres reclamacións constitúen un mínimo de respecto para o noso idioma.

Para acadar este obxectivo é preciso que se poña de relevo o amplo apoio social destas reivindicacións, cousa que está á vista. Decorridos dez días da presentación da páxina web, apoiaron xa o escrito coa súa sinatura unhas 3.400 persoas e varios colectivos. E , como se pode ver no listado da páxina, trátase dunha fiel radiografía da sociedade galega. As máis variadas profesións e actividades aparecen alí relacionadas ; penso que serán moi escasas as profesións existentes hoxe no noso país que non estean representadas. E,naturalmente, o que para nós é motivo de enorme satisfacción, hai unha masiva mobilización de persoas do eido do Ensino (en todos os seus niveis) e da Cultura. Un sector que ven sufrindo intensamente -e resistindo heroicamente- unha política de represión da Lingua, da Cultura e da Liberdade.


X.S. Tedes pensado reunirvos cos directores dos medios para plantexar isto?
H.H.Ao se cumprir unha semana da presentación e acadarmos as tres mil sinaturas, remitimos aos directores dos medios un escrito nos que lles transmitiamos as reivindicacións e o apoio social acadado e a nosa vontade da mellor colaboración para acadarmos a normalización do galego neses medios. Remitiamolos á páxina web, que acolle o escrito e á longuísima relación de asinantes. Rogabámoslles que publicasen o noso escrito e mais esa carta ao director, fornecéndolles un teléfono de contacto. Ata o momento non tivemos resposta ningunha, o que non é novo porque os máis deses medios non deran nin mesmo noticia da presentación do escrito en Compostela.
X.S. E cos políticos para levalo ao Parlamento?
H.H. No escrito dicimos que, de os medios continuaren na súa actitude de discriminación lingüística, estudiaremos facer valer os nosos dereitos ante os tribunais de Xustiza e as instancias internacionais pertinentes. Parece desexábel que os milleiros de galegas e galegos que reivindicamos un dereito elemental non teñamos que chegar a ese extremo, mais se for preciso emprenderemos esa vía.

Entendemos que os políticos deben estar atentos en por eles para dar resposta ás necesidades e arelas da sociedade. Esperamos, logo, que recollan e apoien unánimemente estas xustas reivindicacións que xurdiron de xeito espontáneo, plural e apartidario, aínda que, lóxicamente, dentro dos asinantes se poden supoñer todo tipo de ópticas e ideas, e hai asinantes que, con lexitimidade, fan constar a súa adscrición ideolóxica ou partidaria.


X.S. E por que desaparecen medios en galego?
H.H. De maneira particular e persoal opino que a situación dos medios e a lingua en Galiza, cómpre enmarcala no contexto dunha lingua non normalizada. Por iso, no seu día, o Plano de Normalización Lingüistica aprobado unánimemente por todos os grupos do Parlamento de Galiza (si, tamén o PP) prevía unha serie de medidas e axudas (que non son simplemente económicas) imprescindibeis para acadar a viabilidade dos medios en galego. O que acontece é que neste país estánselle a regalar substanciosas cantidades de diñeiro público (é dicir dos nosos impostos) precisamente a certos medios que marxinan o galego, torpedeando (con potentes torpedos) aqueles que se propoñen unha información libre e plural na nosa lingua.

Sobredimensionar a necesaria implicación dos lectores como compradores e subscriptores é non ter en conta que a esquilmada cidadanía está xa a soster económicamente a Lingua, a Cultura e a Liberdade todos os días, mercando libros, cds e discos, asistindo  a funcións de teatro, de cine, música, etc. E que numerosos galegos e galegas están no limiar da pobreza e moitísimos tiveron que reemprender o vello camiño da Emigración.

Naturalmente, a cuestión é moito máis ampla e habería que abordala con vagar.

Desde Galicia Confidencial animamos aos nosos lectores a que apoien este manifesto que atoparan no sitio web http://marxinaciondogalegonosmedios.es

Contra a normalizaçom

por Isaac Lourido, en Novas da Galiza nº 106, tirado de Diario da liberdade:


A ideia de normalizaçom tem estado presente na maior parte dos debates sobre a identidade e a cultura galegas nas últimas três décadas. Assim, é mui freqüente ouvir falar na necessidade e no desejo de normalizar a língua galega, de viver numha cultura normalizada ou de fazer da Galiza um país normal.Porém, a maior parte das vezes é difícil compreender de forma precisa o que significa o termo. Ou o que é pior, a ideia do que constitui um país, umha cultura e umha língua normais adoita ser representada pola mimese (nem sempre contrastada ou relativizada) dos modelos hegemónicos percebidos nas sociedades ocidentais (democracia representativa, capitalismo, sociedade do espetáculo).
Na encruzilhada da questom convergem três assuntos: que modelos usamos para nos construirmos, com quem nos relacionamos e como conseguimos o reconhecimento. No processo normalizador que acompanhou o desenvolvimento da Comunidade Autónoma Galega, os modelos ensaiados movêrom-se entre dous polos fundamentais: 1) a reduçom do cultural ao filológico e ao literário, com problemas para articular definiçons e princípios de carácter dinámico e nom essencialista; 2) a promoçom acrítica de umhas indústrias culturais construídas em torno às supostas necessidades de 'fazer país', 'encher os ocos da cultura galega', 'em galego tem que haver de todo', etc. Nom há motivos para fazer um balanço satisfatório, nem para carregar a responsabilidade unicamente na desídia das políticas governamentais: tampouco o nacionalismo soubo 'normalizar' nem assumir a pertinência de um reposicionamento.
Quanto aos ámbitos e às redes escolhidas para a revalorizaçom da cultura galega, tem sido avondo discutida a operatividade do relacionamento com a Lusofonia. É umha opçom que nom necessariamente se vincula com o primeiro polo antes anotado e que nos últimos anos verifica sugestivas aberturas de diferente perfil: Brasil e África. Há outras possibilidades. Por exemplo, a que vincula a Galiza com o continente americano, numha estratégia que permite incorporar com pleno direito as migraçons, os exílios e as mestiçagens à sua história e à sua cultura.
Sobre as relaçons da cultura galega com as de outras 'naçons sem estado' retomo várias perguntas: Em que medida o relacionamento com o País Basco e a Catalunha nom reforça o quadro jurídico-administrativo estatal? Em processos como o flamengo, o fator nacional nom obscurece um projeto social e culturalmente desprezível partindo de posiçons de esquerda? Nom é necessário aspirar também, ou sobretodo, ao reconhecimento das naçons e culturas com estado?
Estou convencido de que comunidades como a galega podem fazer da necessidade virtude: podem ensaiar opçons diferentes e próprias para construir a sua diferença. Sem prescindir daquelas estratégias que dérom mostra da sua eficácia mas, ao mesmo tempo, ajeitando-se aos reptos colocados nos últimos lustros. Penso, neste sentido, em formulaçons propostas polas teorias do pós-colonialismo e a subalternidade, proclives a incorporar o conflito, a hibridaçom, a ferida, as cisons, as fraturas e o silêncio ao relato da identidade. No melhor dos casos, sem martírios nem heroísmos, sem mitos fundacionais e sem paraísos futuros. Articular novas formas de olhar, de conhecer e de pensar para a instauraçom de realidades sociais inéditas.
Frente à normalidade, pois, a diferença. Dado que o normal nom se constrói mais que na violência dos consensos impostos polas classes e grupos hegemónicos, na anulaçom da disensom, na negaçom dos conflitos. Haverá quem pense que, neste quadro de pensamento e intervençom, já nom se sabe o que é a comunidade, a cultura ou a naçom. Anoto três posiçons básicas: a consolidaçom de umha sociedade civil radicalmente crítica com as instituiçons políticas oficializadas, capaz de instaurar agendas próprias de debate e açom; a aposta numha ideia de cultura integrada polas práticas gerais de organizaçom, funcionamento e coesom social; finalmente, e nom é fácil, a compreensom da construçom nacional como um processo dinámico, dialético, conflituoso, autocrítico, interminável.