Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 1 de outubro de 2011

Queixa contra Queija

El País trae hoxe unha reportaxe sobre o esperpento que presenta a Wikipedia en español no relativo á toponimia galega. A deturpación é variada, incluso podíamos comentar que un tanto aletoria. Así aparece o municipio de *Cabanas, na provincia de *La Coruña, porén tamén aparece Cabaña de Bergantiños. As Pontes  vén sendo *Puentes e Ponteareas hai que buscalo como *Puenteareas, pero non como *Puentearenas. Curiosamente si aparece Vilasantar pero temos tamén *Villarmayor.
Nalgúns casos aínda pretenden xustificar o disparate atendendo ás recomendacións de organismos como a dunha Real Academia Española que sempre dou mostras de desprezo por todas as linguas que non fosen precisamente o español. Baste comentar que se un escribe, por exemplo, Ourense no 'Dicionario de Dudas' da RAE, acaba lendo o seguinte:

OrenseNombre tradicional en lengua castellana de la provincia y ciudad de Galicia cuyo nombre en gallego es Ourense. Salvo en textos oficiales, donde es preceptivo usar el topónimo gallego como único nombre oficial aprobado por las Cortes españolas, en textos escritos en castellano debe emplearse el topónimo castellanoEl gentilicio, para todo tipo de textos, incluidos los oficiales, es orensano.


(Os subliñados son meus) O texto coméntase por si mesmo: comprobamos o seu enorme rigor filolóxico e, sobre todo,  a insistencia na exclusión do uso das formas galegas en todos os casos nos que isto sexa posible. Despois disto un comenzan a entrarlle dúbidas de se o meu xentilicio provincial é o de pontevedrés ou *puentevedrés. Terei que consultar na Wikipedia en español, ou mellor, nos dicionarios da RAE.
Eu, polo si ou polo non, deixei a miña queixa no artigo da Wikipedia relativo a *Queija (*Chandreja de).

Ningún comentario:

Publicar un comentario