Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 31 de outubro de 2011

A propósito da publicación de Lingua galega e variación dialectal. Globalización, diversidade e preconceptos lingüísticos

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:

Tempos paradoxais os que está a pasar a lingua galega! En canto perde falantes a cachón coa participación cómplice dun Goberno galego empeñado no seu exterminio e en canto se van deturpando na oralidade as súas estruturas internas perante a presión abafante do idioma estatal, florecen como nunca os estudos filolóxicos serios e rigorosos sobre ela. O último destes é unha monografía publicada recentemente por Laiovento so o título de Lingua galega e variación dialectal, da autoría do profesor da UDC Xosé Manuel Sánchez Rei. Tanto este como a editora xa teñen unha consolidada e frutífera folla de servizos en prol da filoloxía galega. No catálogo de Laiovento figuran algunhas das obras máis importantes sobre a nosa lingua, entre elas a Gramática histórica galega, de Manuel Ferreiro, por exemplo, e outras que son da autoría de Sánchez Rei: Se o vós por ben teverdes. A interpolación pronominal en galego (1999, Premio de Investigación Lingüística Carvalho Calero) ou A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros (2006, finalista dos Premios da Crítica). A elas débese acrecentar a tradución para o galego do Curso de lingüística xeral (2005), de Ferdinand de Saussure, precedido dunha ampla introdución que constitúe máis un importante contributo de Sánchez Rei aos estudos filolóxicos, pois alén de pór en galego a obra fundacional da moderna lingüística por primeira e única vez, sitúanola con relación ao contexto dos estudos filolóxicos galegos. Á parte de en Laiovento, este autor tamén publicou importantes traballos especializados sobre a nosa lingua no ámbito editorial universitario, como ben mostras dúas monografías da Revista Galega de Filoloxía, unha sobre Os pronomes demostrativos: do latín ao galego contemporáneo (2002) e outra sobreO complemento preposicional en galego, tirada do prelo en 2010, que constitúe unha relevante e innovadora achega ao estudo da sintaxe desde o marco teórico da gramática de valencias. Alén destas obras, Sánchez Rei é autor de importantes traballos sobre lingüística galego-portuguesa publicados tanto en revistas especializadas como en volumes colectivos e actas de congresos.

Mais entre toda a súa abundante produción, a pesar de se tratar dunha persoa aínda nova, éLingua galega e varicación dialectal a que marca o punto culminante, a se converter a súa saída do prelo nun evento de primeiro nivel entre os moitos traballos filolóxicos que, felizmente, se viñeron publicando no último cuartel do século XX e nos primordios do XXI. Con certeza, a filoloxía galega tivo un grande pulo nesta última etapa, de que esta obra é unha mostra senlleira, de modo que, paseniñamente, se van enchendo baleiros existentes e o coñecemento científico da lingua galega se equipara co das linguas do noso contorno. Infelizmente, esta situación non vai acompañada do avanzo nos usos sociais pola vontade lingüicida dos gobernantes e tamén por desleixo de moitas persoas galegas. Cando no século XVIII o Padre Sarmiento sentiu a curiosidade e a necesidade de coñecer o seu propio país e a súa lingua, decatouse de que sabía máis da China do que da Galiza e de que non dispuña de obras filolóxicas onde se documentar sobre o galego. No entanto, nas sucesivas viaxes polo país na procura da súa descuberta ouvía falar galego por toda a parte. Hoxe dispomos de grandes obras filolóxicas, que van desde as do propio Sarmiento até esta de Xosé Manuel Sánchez Rei, mais cada vez o galego fálase menos. Eis o paradoxo a que nos enfrontamos na actualidade, onde se nos vende o valor 'indiscutíbel' dunha falsaria globalización ao servizo dos poderosos que está a matar a diversidade, tamén a lingüística, e a provocar a ruína dos pobos e das persoas máis necesitadas.

No canto de globalizaren as liberdades e os dereitos das persoas -á educación, á sanidade, á vida digna e á propia subsistencia-, os poderes dominantes tencionan acabar coa diversidade cultural e lingüística na procura dunha uniformización que sirva para satisfacer mellor o seu insaciábel afán de acaparación de poder e de riqueza. Así entendida, a globalización non é máis do que un outro modo de dominio, de explotación e de animalización da sociedade. "Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo da Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal...", escribira Castelao. Cada día están a desaparecer linguas no mundo, no camiño de pór fin a unha característica básica do xénero humano, a súa diversidade. Reputados especialistas, como Krauss, calculan que no presente século desaparecerá o 90% das linguas da humanidade; pois, de ser así, con el desaparecerá tamén o 90% das culturas e das maneiras de ollar e interpretar o mundo. Porque isto é o que son as linguas, moito máis do que simples medios de nos comunicarmos. Cada lingua constitúe un mundo en si mesma, coa súa propia diversidade. As linguas son elas mesmas a mostra máis evidente da diversidade e a antítese da uniformidade. Por iso os uniformizadores ou globalizadores se mostran tan inimigos das linguas, menos das súas, claro. Inclusive falándomos unha mesma lingua, todos falamos diferente porque lingua é sinónimo de variación. Variación xeográfica, diatópica ou dialectal, variación etárea, variación de xénero, variación diastrática ou social, variación diafásica ou estilística, variación contextual, mesmo variación diacrónica... Nada máis plural e diverso que as linguas, que todas e cada unha das linguas. Tamén a lingua galega, embora os servos dese poder omnímodo tencionasen e aínda tencionen acabar con ela e co seu xenio diverso e creador. Felizmente, os galegos e as galegas aínda podemos hoxe exprimir na nosa propia lingua toda a riqueza de matices e rexistros que a consubstancial variedade intralingüística permite, desde unha conversa espontánea até á exposición maxistral, dun poema lírico ao artigo científico, do galego labrego ou mariñeiro ao urbano, do eonaviego ao baixomiñoto. E aínda podiamos traspasar de todo as fronteiras administrativas da Galiza e falarmos do portelego, ou do valverdeiro, do lagarteiro e do mañego; ou, vencéndomos a barreira psicolóxica que nos impón a división estatal, falarmos tamén do galego-portugués algarvío, açoriano, madeirense, caboverdiano ou guineense; e inclusive de galego-brasileiro caipira, fluminense, baiano, sulista, mineiro, paulista etc. Queren globalización? Eis a nosa lingua estendida polo mundo e convertida nun dos idiomas máis falados, con toda a súa ricaz diversidade.

Da variación dialectal da lingua galega é do que trata o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei, embora nas súas máis de 650 páxinas transparezan frecuentes referencias aos outros tipos de variacionismo. A descrición dialectal do galego é unha importante tarefa investigadora no substancial xa realizada polo Instituto da Lingua Galega da USC e que deu orixe á publicación en varios volumes do Atlas Lingüístico Galego, tamén obra de grande transcendencia na filoloxía galega, e a outras publicacións como a sintética e clarificadora Dialectoloxía da lingua galega de Francisco Fernández Rei. Porén, Lingua galega e variación dialectal é unha obra de teor diferente, pois foca o variacionismo dialectal desde unha óptica teórica, tradicionalmente bastante esquecida nos estudos lingüísticos galegos en xeral, feito que viña revelando unha real subordinación ao español neste ámbito. Por tanto, non repite, mais complementa os traballos anteriores, a encher así un baleiro existente nos estudos dialectolóxicos galegos, pois non existía un traballo teórico desta natureza aplicado ao noso idioma. Con base na propia experiencia docente universitaria do autor, esta obra, máis do que describir, analiza e interpreta os feitos lingüísticos de natureza dialectal, resultando neste sentido plenamente orixinal e innovadora. Non se trata, por conseguinte, dun contributo práctico e exhaustivo sobre información dialectal, acerca da cal xa dispomos de abondoso material, mais dunha obra teórica enmarcada na dialectoloxía sincrónica de carácter territorial. Aínda que a visión alargada do autor sobre a nosa lingua favorece as frecuentes referencias ao ámbito internacional da galegofonía, a necesidade de fixar os obxectivos nuns límites razoábeis e abranxíbeis, ben como o seu ámbito da dedicación profesional e mesmo as propias limitacións de espazo, con seguranza o obrigaron a centrar o campo de pesquisa e análise na variante galega dun sistema lingüístico que se estende por varios continentes. Claro está, sen perder de vista a perspectiva xeral, como moito ben se pode deducir da lectura desta obra.

Ao longo e largo das súas numerosas páxinas vanse tamén desfacendo ou combatendo, de modo claro e rigoroso, con acompañamento dun adecuado aparello crítico, preconceptos relativos ao variacionismo dialectal que infelizmente fixeron fortuna entre nós e que se converteron en obstáculos para a normalización do galego. Un deles é a propia existencia das variantes dialectais na Galiza, como se iso fose unha eiva singular da nosa lingua face á uniformidade das linguas realmente importantes; con base no feito de na Fonsagrada se daren uns trazos lingüísticos diferentes dos que aparecen en Carballo ou en Tui, tense tirado a conclusión -e aí están os textos do século XIX ou de parte do XX para o demostraren- de o galego non ser un idioma serio como os demais e por tanto de non servir para desempeñar as funcións propias dunha lingua oficial; como se o español, o francés ou o inglés non presentasen un grao de variación dialectal igual ou maior; que llo pregunten, se non, a quen estuda inglés en Madrid e logo vai practicalo a Escocia, por exemplo; ou a quen estuda español en Londres e se desloca a Granada. Máis outro preconcepto lingüístico é xustamente considerar o variacionismo como un aspecto negativo e empobrecedor, cando na realidade é unha mostra de vitalidade e de riqueza dunha lingua; o que acontece realmente é que estas consideracións pexorativas da variación se costuman aplicar só ás linguas minorizadas; o que nunha lingua estatal é vigor e poderío, tórnase defecto e corrupción na nacional ou local, o cal nos fai lembrar aquel dito popular: "Cando o rico se embebeda, que engrazado está o señor; mais cando se embebeda o pobre..." Tamén a equiparación das linguas minorizadas cos dialectos, en canto se reserva o termo de 'lingua' para as linguas oficiais dos estados, constitúe máis un preconcepto que se ten aplicado reiteradas veces nos séculos pasados á lingua galega co obxectivo de provocar o seu desprestixio social. Ou mesmo a equiparación da corrección lingüística co estándar, reducindo a rica e lexítima variación dialectal a simple desvío ou vicio que debe ser corrixido; non se pode tratar por igual, con certeza, o que é variación e o que é produto da interferencia alleante e desnaturalizadora: en canto esta debe ser combatida, a primeira ten de ser respectada e valorizada, con independencia da necesidade de existir unha norma común na escrita. En Lingua galega e variación dialectal analízanse e rebátense cientificamente estas e outras falsas ideas a respecto da variación lingüística, pondo sempre en confronto a situación do galego coa do resto das linguas á luz dos estudos máis relevantes e actualizados sobre a materia.

Este libro, pois, alén de ser un excelente estudo teórico sobre o variacionismo dialectal galego, constitúe tamén un antídoto contra vellos preconceptos lingüísticos aínda vigorantes nunha parte da sociedade galega e mesmo entre a mocidade. É evidente que canta máis información sobre un tema tiveren as persoas, máis posibilidades haberá de se sentiren atraídas e mesmo de empatizaren con el. Non se pode amar, con certeza, aquilo que se ignora; e sobre as linguas descoñécense moitas cousas ou, o que é peor, posúense nocións equivocadas que son produto de falsificacións históricas interesadamente difundidas, sempre co obxectivo de impor o discurso do poder en beneficio dos poderosos. Así é precisamente como xurdiron os preconceptos lingüísticos, que operan en prol das grandes linguas dos estados, e en contra das linguas nacionais minorizadas, na procura da uniformización daqueles e da eliminación das diferenzas. No fondo está sempre o afán de dominio do forte sobre o débil e a asimilación lingüístico-cultural favorecedora dos intereses do primeiro. De aí a necesidade de alicerzar a defensa da lingua galega no valor da diversidade de linguas e culturas como patrimonio enriquecedor da humanidade. Na defensa, en definitivo, do ecolingüismo ou ecoloxía das linguas como parte irrenunciábel da manutención da biodiversidade no mundo, pois as linguas tamén son seres vivos que nacen, medran, minguan ou mesmo morren segundo o tratamento que se lles der. Neste sentido, a monografía científica Lingua galega e variación dialectal é, tamén, un manual para aprendermos a amar e defender a diversidade lingüística e, particularmente, a lingua galega e a súa variedade dialectal, que é ao que, como galegos e galegas, estamos obrigados. Só nós o podemos facer e nosa é, pois, a responsabilidade de mantermos unha lingua viva que, como todas as demais, é patrimonio común da humanidade.

Parabéns, por tanto, ao autor por esta magnífica obra e tamén á editora pola súa publicación. Parabéns adiantados igualmente aos lectores e lectoras que se animaren a lela, pois sairán da súa lectura con moitos máis coñecementos sobre a lingua galega e sobre o funcionamento das linguas en xeral, alén de visualizaren un modelo de galego escrito auténtico e de calidade que sen dúbida contribuirá para unha mellor valorización da lingua propia e para o incremento da autoestima dos seus utentes. En fin, é este un libro que nos axuda a sabermos máis, a sermos mellores galegos e galegas, e tamén a sermos mellores persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario