Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 13 de outubro de 2011

Manifesto da Federación Galeusca


Manifesto da Federación Galeusca no seu XVIII encontro. A este manifesto fixo referencia Marta Dacosta na inauguración do VI Ciclo 'Escritores/as na Universidade' dándolle un novo toque de atención a Anxo Lorenzo, quen, como sempre, continúa coas orrellas tapadas.


Reunidos en Barcelona o día 1 de outubro de 2011, Nós, escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns, MANIFESTAMOS: 

1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns aqueles que usamos como instrumento de creación as nosas respectivas linguas, é dicir, galego, éuscaro e catalán. 
2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do "destino histórico" da cultura española.
3. Diante dos novos intentos de recentralizacion do estado unitario español, seguimos a constatar que, só se cada unha das nacións aquí representadas accedemos a maiores cotas de soberanía, haberá garantías de pleno restabelecemento a niveis de normalidade. 
4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.
5. Que, vinte e sete anos despois do Manifesto de Poblet, os sucesivos encontros anuais demóstrannos a preocupación intensa dos escritores a respecto da problemática das nosas nacións sen estado, pois constatamos aínda hoxe a existencia de novas formas de censura económica e ideolóxica, que tamén afectan aos escritores e escritoras. 
6. Reafirmámonos no compromiso firme de aprofundar nas relacións continuadas de intercambio e de acción conxunta entre as literaturas de Galicia, Euskal Herría e Países Cataláns, a través da Federación Galeusca. En concreto:
-Promover intercambios de escritores/as e experiencias das producións literarias respectivas.
-Pór en marcha publicacións comúns adaptadas aos novos formatos dixitais de edición.
-      Impulsar traducións mutuas destinadas a favorecer o transvasamento de experiencias culturais.
-      Velar pola defensa conxunta e solidaria dos intereses profesionais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario