A Mesa anuncia que na tardiña do vindeiro 28 de outubro, no pontevedrés Pazo da Pedreira desenvolverase un acto de sinatura colectiva de últimas vontades. Unha boa iniciativa. Polo menos, deixar este mundo con algo de dignidade.
Con motivo da proximidade da data de Santos, o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) desa cidade organizan, coa colaboración do colectivo "Galegos de por vida" e do notario de Pontevedra Luís Darrieux, un acto que se vai celebrar no Pazo da Pedreira, o vindeiro venres 28 de outubro, á tardiña.
O acto consistirá na sinatura ante notario do texto que vos achegamos a seguir. Se queredes participar no acto de sinatura pública, podedes enviarnos o voso nome completo xunto co número do DNI. Ese día teredes que levar o voso DNI, xunto cunha fotocopia para lle entregar ao notario.
Eis o texto proposto:
"Entendemos que a normalización lingüística debe abranguer todos os eidos da existencia das galegas e dos galegos sobre a terra, incluso aqueles arredor do intre da extinción da persoa. Entendemos que o exercicio da galeguidade e o noso compromiso individual ou colectivo coa terra e a lingua debe ser continuado e sen desfalecementos ata a mesma morte. Somos conscientes da enorme perda de identidade cultural e histórica, incluso das contradicións e incongruencias que acontecen en todo o relacionado cos actos fúnebres onde, paradoxalmente, a persoa xa desaparecida semella renegar da lingua nai que defendeu, empregou e aproveitou en vida.
Por iso, as persoas aquí presentes, abaixo asinantes, convocadas polo Concello de Pontevedra e pola Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) no Pazo da Pedreira da cidade de Pontevedra, o día vinte e oito de outubro de dous mil once, manifestamos o seguinte:
"Que a lingua galega é a miña lingua, a lingua do pobo ao que considero pertencer e a lingua que quero que me acompañe ata a morte.
Que achegada a hora do meu pasamento, quero que todo o relativo ao meu funeral e enterro sexa realizado exclusivamente en lingua galega e, polo tanto, pido á miña familia, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que fagan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito.
Que, se terceiras persoas, sexan da familia ou autoridades relixiosas ou civís, tentasen impedir a realización desta miña derradeira vontade, pido a calquera outro familiar, amiga ou amigo que tivese coñecemento deste desexo meu, que tome todas as medidas para facelo cumprir e, en caso de absoluta imposibilidade, que faga que se me enterre en silencio."
Ningún comentario:
Publicar un comentario