Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 30 de outubro de 2011

Nave sen rumbo

O oficio de redeira foi tradicionalmente asumido por mulleres. Elas eran as que se encargaban de restaurar as redes para deixalas preparadas para unha nova marea. Mais algunhas redes teñen tales buratos que é imposible reparalas. Eis o caso da Rede de Dinamización Lingüística  que se presentou o pasado venres.
Resulta que o armador, por mais voltas que estivo dando, non conseguiu contratar unha tripulación. Isto é certo ata tal punto que unha das adquisicións máis publicitadas para esa Rede foi a do mariñeiro concello de Ribeira, un concello desde o que se promove sistemáticamente a conculcación da Lei de Normalización Lingüística. E isto seino de primeira man. Os funcionarios dese concello vense presionados sistemáticamente para que en ningún documento apareza o nome oficial do concello.
O peor do caso é que non se enxerga o sentido que ten botar o barco ao mar sen mariñeiros (efectivamente, a CTNL, por motivos máis que razonables, desmarcouse da Rede) sen gasoil, e sen trasmallos (a SXPL vén de deixar sen orzamentos os SNL dos concellos [1], [2] e [3]). Tardouse un ano en montar esta Rede que non hai tripulación que queira cargar.
Isto lévame a pensar que para o único que serve o navío é para procesionar o día do Carme. Entón  a cuestión é se cómpre manter o navío en pé se sabemos que só se usa para montar a festa , ou se, dunha vez sería mellor levalo ao despezamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario