Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 30 de outubro de 2011

Ciencia que conta. Tamén en galego!

por Eduardo García Parada, en Terra e Tempo. Un artigo que se me pasou, publicado o 27/10/2011

Nos tempos do global é cando ten máis sentido o propio, o diferenciador. Os actuais sistemas de comunicación mundial permítenos compartir coñecemento de contado. O que se fai en Galiza de xeito case instantáneo pode ser coñecido nas nosas antípodas. 

Mais, paradoxalmente, esta globalización do coñecemento e nomeadamente da ciencia leva parella unha alienación, un alleamento por parte dos máis próximos cada vez maior: maior información non significa necesariamente que chegue a máis xente, que chegue aos galegos e galegas. 

A ideoloxía neoliberal dominante instala na nosa sociedade a cultura do consumo rápido e fácil. Mentres que o noso actual sistema educativo está a crear un cada vez máis amplo grupo de analfabetos científicos, a ciencia forma xa parte da nosa cultura e do noso día a día: falamos a cotío de transxénicos, de teoría da relatividade, de penicilina, do "Big-Bang"... sen termos unha mínima idea do que se está a dicir. Isto leva parello o afortalamento das falsas ciencias ou pseudociencias, como a astroloxía ou a homeopatía, pois a fascinación tecnolóxica leva ás veces a unha fe cega na ciencia que desde o descoñecemento pode convertirse nunha nova relixión.

Cómpre salvar a distancia entre a ciencia e a sociedade, entre as persoas que fan ciencia e a cidadanía. Pois a ciencia e o coñecemento debe ser de todos e todas. E para isto é imprescindíbel achegarlle os coñecementos científicos e o interese pola ciencia, dun xeito comprensíbel, ameno e conectado coa nosa realidade, coa nosa cultura e na nosa lingua.

É innegábel que o inglés é a lingua hexemónica da comunicación científica e técnica. En xeral, un artigo, presentación ou informe científico faise no idioma determinado polo público ao que vai dirixido. Outros idiomas máis prestixiados e menos minorizados có noso como o catalán e por suposto o castelán fican relegados a idiomas secundarios ou utilizados para temas de interese local ou nacional, cousa que tamén lle ocorre, de xeito máis pronunciado, ao galego. É verdade que o noso idioma ten como potencial receptor o mundo lusófono, mais na actualidade esta vía está pouco desenvolvida. O galego, por tanto, debe procurar de xeito intelixente e realista o seu sitio, para non ficar definitivamente apartado da ciencia e da comunicación científica.

E un destes lugares é sen dúbida o do ensino das ciencias e o da divulgación científica. A situación actual do uso do galego nas ciencias vén agravada pola aplicación polo Partido Popular do seu Decreto 79/2010 do mal chamado "Plurilingüismo" e que limitaba en xeral o xa limitado uso do galego no ensino obrigatorio -ademais de crear unha conciencia social de que o noso idioma era o opresor no canto do oprimido- e no que salienta a prohibición do seu uso en materias de alto prestixio social como as matemáticas, a física, a química ou a tecnoloxía. Unha consecuencia directa deste Decreto é a desaparición de todo tipo de libros de texto e material de apoio destas materias científico-tecnolóxicas no noso idioma, alén por suposto da case nula presenza do galego en páxinas web e contidos virtuais.

Á marxe das resistencias individuais que boa parte da comunidade educativa está a manter no cotío das aulas, hai unha chea de iniciativas colectivas que mostran o errado das políticas da actual Xunta e que teñen como obxectivo achegar e facer atractiva a Ciencia a todos os galegas e galegas, nas escolas e fóra delas, e en galego. Ademais de asociacións de profesorado de ciencias como ENCIGA (Ensinantes de Ciencias de Galicia) -xa cun longo percorrido- ou as que agrupan ao profesorado de matemáticas (AGAPEMA) e tecnoloxía (APETEGA), ou a Institución Galega de Ciência (IGACIENCIA), temos en Galiza recoñecidos e premiados divulgadores que tamén utilizan a cotío o galego como Xurxo Mariño ou Jorge Mira. Recentemente creouse a Asociación Galega de Comunicación da Cultura Científica e Tecnolóxica, que ten entre os seus obxectivos traballar pola alfabetización científica e tecnolóxica da sociedade galega, promover o uso do galego no campo da comunicación científica, e dar visibilidade á ciencia, innovación e tecnoloxía desenvolvidas en Galiza ou relacionadas con Galiza.

O vindeiro 4 de novembro celébrase o II Día da Ciencia en Galego: o dereito a gozar daCiencia en galego en todos os centros de ensino do pais, dedicado este ano á muller na ciencia e á química, pois 2011 é o Ano Internacional da Química en conmemoración do premio Nobel de Química concedido a Marie Curie en 1911 polo seus descubrimentos dos novos elementos químicos Radio e Polonio. 

E até o 10 de novembro podedes participar no 4º Concurso de relatos curtos sobre ciencia: Ciencia que Conta 2011 (CQC11), un concurso xa consolidado no noso país que aproxima ciencia, literatura e galego para todas as idades e que organiza o grupo de divulgación científica FA3 da Universidade de Vigo.

Dúas magníficas mostras de ciencia para todos e todas, de ciencia que conta e ademais na nosa lingua. Anímovos a todos e todas a participardes! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario