Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 12 de outubro de 2011

VOSG, un modelo necesario para un cinema galego

por Alberte Mera García, en Terra e Tempo:

Uns multicines galegos veñen de renovar a carteleira incorporando a versión orixinal subtitulada; un servizo demandado polos espectadores desde hai tempo. Sería unha oportunidade que se impulsase a VOSG (versión orixinal subtitulada ao galego), pois se comezaría a introducir a nosa lingua nos cinemas. 

Estes multicines de Vigo nada teñen que ver cos grandes estabelecementos habituais que nos últimos anos inundaron o país causando o peche das medianas salas a pé de rúa. Eses cines de multinacionais son fomentadores dunha forma de lecer baseada no consumismo ao seren situados no interior de centros comerciais, estar ligados e ser dependentes das grandes majors estadounidenses que ditan o que se proxecta e o que non na gran pantalla.

Os pequenos multicines 'resistentes' en Vigo non son un centro de cinema independente, alternativo nin moito menos de autor (salvando algunha proxección ocasional nesta liña). Ás veces se lles denomina coma cines alternativos xa que, lamentabelmente, son os únicos onde poder ver filmes de éxito internacional, comerciais mais fóra da órbita das 'iankiladas', así o caso por exemplo de Beginners (Mike Mills, 2010) estreada días atrás. 

Semella que a iniciativa destes multicines vén atraendo nos últimos meses un lixeiro maior número de espectadores, pois certo é que se trataba dunha demanda reiterada.

É unha experiencia que, independentemente do seu éxito ou non, xa marcou un punto de inflexión na oferta e na satisfacción da demanda de bo número de espectadores, que lle dan importancia a un sistema no que a voz, ton e timbre orixinais dos e das intérpretes se valora coma feito narrativo cargado de significado, fronte á posibilidade de que estes valores poidan ser susceptíbeis de seren variábeis dependendo do orzamento e profesionalidade da dobraxe. Do mesmo xeito, óptase por unha revalorización da atmosfera creada polos sons intradiexéticos e extradiexéticos de cara á redución da distancia entre espectador e filme, distancia que pode ser modificábel na dobraxe ao reducirse a intensidade de sons da atmosfera ou ao alterarse a textura das voces en relación aos espazos onde se sitúan.  

Ademais da preferencia pola versión orixinal subtitulada que algúns teñamos, este tipo de oferta, no caso de realizarse na nosa lingua, cumpriría valorala como unha aposta factíbel para a normalización do galego; outra cuestión é que haxa vontade desde as institucións da Xunta para fomentar a súa realización e exhibición. 

É obvio que nos cines, en competencia entre filmes dobrados e en VO subtitulada, os primeiros ostentarían unha demanda moi superior. A dobraxe é por tanto un servizo no que tamén hai que reclamar os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas á hora de podermos ver unha película na nosa lingua. Hai que loitar para romper as barreiras de acceso do galego aos cines esixindo tanto a oferta da VOSG como dunha dobraxe ao noso idioma. 

Mais a mesquindade coa que se trata á lingua reflíctese de forma alarmante na indiferenza da legalidade e das subvencións públicas. Non pode ser que as produtoras e empresas que reciben ou recibiron cartos públicos da Xunta para a realización dunha película en lingua galega, roden o filme en castelán. Posteriormente realizan unha dobraxe ao galego (moitas veces de forma apresurada) para unicamente entregar copia á administración, dando cumprimento ás esixencias legais para a acceder á subvención. Iso si, finalmente o filme exhíbese en castelán. A copia dobrada ao galego visualízase no mellor dos casos case de forma testemuñal.

Fronte a esa desidia, cómpre sermos esixentes no cumprimento dos nosos dereitos, temos dereito ao acceso á cultura na nosa lingua, temos dereito a acudir ás salas de cine para vermos unha película dobrada ao noso idioma e temos tamén dereito á versión orixinal subtitulada ao galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario