A relación do médico co paciente non é unha cuestión técnica: é un encontro entre seres humanos. Nese encontro hai unha persoa que sufre e outra que ten recoñecida pola sociedade a capacidade para aliviar os seus males. O principal instrumento terapéutico do sanitario é a palabra. Un acollemento cordial, respectuoso e afectivo ao doente ten, por sí mesmo, capacidade curativa. Nas Facultades de Medicina dáselle moito valor á aprendizaxe da anatomía, da fisioloxía e das técnicas exploratorias; á comunicación humana préstanlle menos atención. A propia sociedade idolatra a tecnoloxía sanitaria; máis, cando a doenza chega, todos nos decatamos da importancia do trato humano.
En Galicia temos dous idiomas: a nosa lingua propia, o galego, e tamén o castelán, que está instalado desde hai moito tempo neste territorio por razóns históricas. O que debería ser considerado unha riqueza (dispor de duas linguas que nos permiten a comunicación con millóns de persoas doutras xeografías) tense convertido nun problema lingüístico que cómpre arranxar. Na vez de celebrar e protexer este agasallo hai certos sectores que desexan a desaparición do galego e que Galicia sexa unha sociedade monolingüe. Nun dos seus libros escribeu Teresa Moure: “As linguas son a primeira e máis importante das manifestacións culturais, o seu exterminio é un atentado contra o patrimonio cultural da Humanidade. A diversidade lingüística é un ben de todos”. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade debe tamén protexerse a diversidade lingüística. Se unha lingua morre empobrécese o planeta. Cando unha sociedade dispón dunha lingua propia ten, tamén, unha forma diferente de interpretar a vida. Esto evidenciase de xeito moi notable no terreo da saúde e da enfermidade.
A coexistencia de dous idiomas condiciona a relación no ámbito sanitario. A persoa que usa o galego a cotío síntese mellor atendida si o profesional lle fala no mesmo idioma. Máis o certo é que o galego na sanidade ten unha presenza residual: somos moi poucos os sanitarios que o empregamos no exercicio da profesión. Dase, a miudo, o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente diríxise ao profesional en castelán, pois entende que colocarse no seu territorio lingüístico pode facilitar a comunicación. Por eso é tan importante que os profesionais fagamosunha oferta positiva, sendo nós os que falemos en galego desde o primeiro encontro. Esto facilitará a comunicación e a relación terapéutica.
A recuperación do galego no ámbito sanitario pode ter, ademáis, un efecto positivo para o propio idioma. A consideración social que ten a medicina e o grande número de contactos que se producen a diario co sistema sanitario contribúen a prestixiar o galego, de ser utilizado éste de xeito habitual. Eso é o que pretende un grupo de profesionais que veñen de constituir a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que ten como obxectivo principal potenciar o uso do galego na sanidade, por entender que é beneficioso para a relación terapéutica e moi favorable para a saúde do propio idioma, honxendía moi precaria.
Esta Irmandade, que nace baixo o paraugas da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, será presentada o vindeiro sábado, 29 de outubro, na Estrada, no transcurso dunha homenaxe ao doutor Manuel Reimóndez Portela, que traballou moitos anos nese concello e deixou relatadas algunhas das súas vivencias no libro “Un médico na aldea”. No transcurso dese acto recibirán un diploma de honra os primeiros 35 membros desta Irmandade; son profesionais de toda Galicia que se teñen distinguido polo compromiso coa língua no seu exercicio profesional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario