Son unha radical. Pero unha radical de libro. Ou mellor incluso, unha radical de dicionario, porque a RAG dinos que radical, na súa primeira acepción, corresponde co relativo á raíz.
Así que, como son unha radical, cando me pete, vou dicir «escordadura». Tan radical que xa nos tempos do meu bisavó, cando alguén escordaba un pé, achegábase ao compoñedor, a ver se llo amañaba. Compoñer e amañar tamén serán termos radicais? As tres proceden do latín. É aí a súa raíz.
As orixes tamén están na lingua. Sen raizames coas que agarrarnos fortes á terra, por moito que queiramos engrosar o tronco, acabaremos por caer.
É ben preocupante esta teima de sementar o autoodio. Ollo! Poñamos o foco correctamente. O problema non é que unha persoa que nunca escoitou o de «escordadura» pense que esta sexa unha palabra inventada. Non é de estrañar o uso de castelanismos por aqueles que levan falando galego toda a vida. Porque a situación da lingua xa hai ben tempo que é a dunha doente que precisa coidados.A cuestión está nas institucións que teoricamente defenden a nosa identidade. O propio sería que recoñecesen que estamos inzados de palabras impostoras, agora que tanto se fala desta síndrome, que aproveitasen a ocasión para lembrarnos cal é a situación real do idioma. Iso é o que agardamos delas, non que fagan disto unha anécdota para chancear e facernos dubidar sobre o termo «radical» co sentido de actuar de xeito extremo. Como se falar na nosa lingua e facelo segundo a norma fose un delito.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 24 de xuño de 2024
Son unha radical
por María Canosa en La Voz de Galicia:
Etiquetas:
La Voz de Galicia,
María Canosa,
Opinión,
prexuízos,
TVG,
zunantes
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario