por Gonzalo Constenla, en Nós Diario:
O día 21 de setembro de 2004, o Pleno do Parlamento Galego aprobaba por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega (PNL). Por primeira vez na historia, a Cámara que simboliza a soberanía popular do pobo galego e na que naquel momento o Partido Popular tiña maioría absoluta e que sustentaba o último goberno Fraga, acadaba un consenso unánime sobre a política lingüística que había guiar a normalización do galego nos anos vindeiros.O documento fora coordinado por unha comisión técnica na que destacaban académicos da RAG e investigadores do ILG e da USC. Os tres partidos con representación parlamentar naquela altura (PP, PSdeG-PSOE e BNG), designaron cadanseu delegado/a nas sete comisións sectoriais que se crearon: Administración; Educación, Familia e Mocidade; Medios de Comunicación e Industrias Culturais; Economía; Sanidade e Sociedade (esta última con dúas subcomisións no seu seo, a de Servizos Sociais, Crenzas Relixiosas e Inmigración; e a de Asociacionismo, Deporte, Lecer e Turismo) e, por último, a de Protección Exterior da Lingua.
Tanto presidencias como vogalías das comisións estaban representadas por profesionais independentes dos diferentes sectores. Para alén, 26 persoas do ámbito da cultura galega fixeran achegas ao PNL, e a outras 959 pedíuselles opinión por carta. Tamén nunca antes se chegara a un consenso tan estendido e participado por persoas académicas, especialistas en sociolingüística e profesionais dos diferentes sectores.
Nos seu preámbulos, o PNL afírmase como un documento que procura a revitalización e a promoción do galego como lingua vehicular na Galiza. A iniciativa xorde nun contexto onde a diversidade lingüística é unha riqueza cultural, mais tamén un desafío debido á presenza dominante do español. A normalización do galego non só procura preservar unha parte fundamental da identidade galega, mais tamén garantir o dereito da cidadanía a usar a súa lingua propia en todos os ámbitos da vida. O PNL parte da detección de varios problemas que xa naquela altura presentaba o idioma. O máis grave, a de perda continua de falantes, moi especialmente no ámbito das novas xeracións urbanas. Para actuar sobre eles, o documento, de máis de duascentas páxinas, escolle un modelo de plan por obxectivos.
Cinco obxectivos xerais
Así, estabelécense cinco grandes obxectivos xerais do Plan: garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe; conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos; introducir na sociedade a oferta positiva de atender a cidadanía ou clientela en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística; promover unha visión afábel, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda e, finalmente, dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.Para alcanzar estes obxectivos, o plan propón unha serie de estratexias de actuación detalladas en cada un dos sectores sobre os que pretende incidir. En Educación, destaca a da integración do idioma en todos os niveis educativos, garantindo un terzo da docencia en galego en infantil e un mínimo do 50% en primaria, secundaria, bacharelatos e ciclos formativos, priorizando a Matemática. Para a Administración e Servizos Públicos, a utilización do galego en todas as administracións públicas, garantindo documentos oficiais e comunicación administrativa en galego.
Estabelécese apoio aos medios de comunicación en galego, incluíndo televisión, radio, prensa escrita e plataformas dixitais; a creación de contidos audiovisuais e a presenza do idioma nas redes sociais e novas tecnoloxías. Para a Cultura e o Ocio, indícase o apoio á organización de eventos culturais en galego e a creación de espazos de lecer onde o galego sexa a lingua principal, xunto co fomento da creación de contidos dixitais e multimedia en galego.
No campo da Economía e Mundo Empresarial, prevese incentivar as empresas a adoptaren o galego nas súas comunicacións internas e externas ou apoiar a etiquetaxe e a publicidade en galego, asegurando que os produtos e servizos ofrecidos en Galicia reflictan a identidade lingüística do territorio.
Un plan, pois, froito dun total consenso político, social e dos profesionais do sector, que representa un esforzo ambicioso e necesario para garantir a persistencia, reposición e uso do galego en todos os ámbitos da vida na Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario