Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta María Xesús Nogueira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Xesús Nogueira. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de abril de 2016

O meu Manuel María

por María Xesús Nogueira, en EL Progreso:


SON DÍAS estes de falar de Manuel María nos centros de ensino de Galicia. A súa obra lese, recítase, cántase, interprétase... A celebración da súa palabra polas nenas e os nenos habíalle gustar a quen escribiu tantas páxinas pensando neles. Talvez sexa esa, senón a mellor homenaxe, a máis natural que se lle poida render a unha figura recoñecida pola banda das letras: lela. Seguramente foi o colexio o lugar onde moitas persoas construímos o noso Manuel María particular. O que cimenta a memoria. O que queda. O que subxace a aqueloutro Manuel María que, anos despois, leriamos na vida adulta, estudariamos e mesmo acabariamos explicando na aula. Hai palabras que, lidas, escoitadas e aprendidas, deixan pegadas indelébeis das que, se cadra, tardamos en decatarnos.