por Sabela Bará, no Sermos Galiza:
A miña lingua nai é o galego e as primeiras palabras que falei foron nela. Os meus primeiros anos de vida foron en galego, mais a entrada na escola cambiou as cousas. A miña mestra non o falaba e as miñas compañeiras e compañeiros, tampouco. Os meus libros estaban en español e ensináronme os números, a ler e a escribir nesa lingua. O meu idioma, fóra do ámbito familiar, mudou. Nunca esquecín que nacera falando galego, ao contrario que lles sucede a moitas nenas e nenos, e dende moi pequena defendín o idioma, mais até acabar o instituto non fun quen de ser monolingüe en galego.