por Sabela Bará, no Sermos Galiza:
A miña lingua nai é o galego e as primeiras palabras que falei foron nela. Os meus primeiros anos de vida foron en galego, mais a entrada na escola cambiou as cousas. A miña mestra non o falaba e as miñas compañeiras e compañeiros, tampouco. Os meus libros estaban en español e ensináronme os números, a ler e a escribir nesa lingua. O meu idioma, fóra do ámbito familiar, mudou. Nunca esquecín que nacera falando galego, ao contrario que lles sucede a moitas nenas e nenos, e dende moi pequena defendín o idioma, mais até acabar o instituto non fun quen de ser monolingüe en galego.
A partires da miña experiencia persoal, que moitas comparten, é indubidábel que a loita polo idioma é precisa. Érao cando eu era nena e éo agora, cando os ataques ao galego se volven cada vez máis fortes. As políticas lingüicidas que a Xunta de Galiza puxo en marcha intentan conseguir que vivirmos en galego sexa algo fóra da normalidade e contribúen a que menos da metade das galegas e galegos falen na nosa lingua.
Das que tivemos o galego como lingua nai ou das que decidiron que o galego era a súa lingua, moitas fomos escolarizadas en español e non puidemos desenvolvernos en galego máis alá das relacións familiares. Mais gañámoslles nalgo, fomos quen de impedirlles que nos fixeran esquecer cal era o noso idioma. Somos as mozas e mozos que agora reclamamos vivir en galego con normalidade. Temos razóns para facelo porque a marxinalización do idioma no ensino por culpa do “decreto do plurilingüismo”, a dificultade de atopar series, películas ou videoxogos en galego, a desaparición da lingua dos bares, comercios e cinemas contribúen a que o feito de vivir en galego sexa algo antinatural e que cada vez sexan menos as mozas e mozos que comezan a vivir na nosa lingua.
Sobran razóns para saír á rúa a reclamar o dereito a vivir con normalidade na nosa lingua. Temos que ser nós mesmas as que rexeitemos abertamente as súas falsas políticas que só buscan aparentar normalidade cada 17 de maio, mentres humillan e atacan o noso idioma o resto do ano. Temos que ser nós mesmas as que nos rebelemos e loitemos contra a desaparición do noso idioma, pois corremos o risco de perdelo, e é a nosa razón de ser e existir.
Non é o momento de resignarnos, é o momento de encher as rúas. A loita pola lingua galega é precisa e inaprazábel. O 8 de febreiro, mobilicémonos en Santiago de Compostela. Os demais días do ano, mobilicémonos e rebelémonos falando a nosa lingua e animando a outras a que tamén o fagan. Unha vez máis, de nós depende. Por nós, a nosa lingua seguirá viva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario