por Susana Méndez, no Sermos Galiza:
Desde a Plataforma Queremos Galego convocamos para o 8 de febreiro vindeiro unha grande mobilización na defensa da nosa lingua. Terá a súa saída ás 12h dese domingo días 8, desde a Alameda de Santiago.
Por que temos que manifestarnos para defender a lingua? Pois temos razóns abondo, moitas vimos expoñéndoas desde Queremos Galego, e desde outras entidades como A Mesa, xa desde hai tempo. Razóns de sobra para loitar polo galego, razóns colectivas e tamén razóns individuais. Convídovos a que as compartamos. Eu vou deixar aquí algunhas desas razóns que fan que o vindeiro 8 de febreiro eu participe nesa manifestación e que día a día trate de traballar por unha vida normal en galego. Engadídelle vós tamén as que consideredes.
Por que defendo a lingua galega?
Porque o galego é unha lingua milenaria, cuxa orixe se perde no tempo, e que temos a obriga de manter e continuar, para que non desapareza.
Porque a nosa lingua foi e é a construción máis elaborada e marabillosa que deu o pobo galego e non podemos consentir que presidentes da Xunta renegados ou gobernos indignos a estraguen.Porque o galego é o idioma que nos define e co cal expresamos o noso xeito de ser e de estar no mundo. Como ben dixo Manuel María: “seríamos, sen fala, uns ninguén”.Porque nos permite interaccionar e comunicarnos en múltiples lugares do mundo, porque a través da lusofonía formamos parte dunha comunidade de millóns de persoas que se expresan coma nós.Porque é a herdanza que nos deixaron quen nos precederon. Tanto as nosas nais, coma os nosos avós, e tod@s @s nos@s devanceir@s, e debemos deixárllela tamén a quen vén detrás.Porque o galego é unha lingua útil, que nos permite comunicarnos, con infinidade de matices fermosos que só na nosa lingua teñen sentido.Porque con ela non só expresamos ideas, expresamos as NOSAS ideas.Porque só nós, o pobo galego, as galegas e galegos, temos a honra de posuír esta riqueza, ninguén máis pode presumir diso, e deberiamos sentirnos orgullosas e orgullosos.Porque un futuro sen galego sería un futuro máis pobre e menos noso.Por nós, polas nosas fillas e polas fillas dos nosos fillos.E ti, por que defendes a lingua?
Ningún comentario:
Publicar un comentario