Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 11 de febreiro de 2015

Novamente o PP nos obriga a defender a nosa lingua

por Francisco Calo Lourido, en Terra e Tempo:

Perdín a conta das manifestacións que levamos feito por mor da lingua e, vista a progresiva baixada de falantes que denuncian os resultados estatísticos
O 30 de decembro do 2009, baixo unha manta de auga, percorremos en manifestación as rúas de Santiago para nos manifestar a prol da nosa lingua e denunciar as aldraxes que xa estaba a perpetrar contra dela unha tríade de antigalegos con mando en praza como Núñez Feijóo, Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo, nomes que ningún galego que ame as súas esencias deberá esquecer ata que, perdido o poder, lles poidamos aplicar con ignominia a damnatio memoriae, mesmo, ao estilo romano, co repicado público de placas.

Cheguei á casa e a dor pola miña lingua aldraxada sentoume a escribir un artigo que, o día 7 dese novo ano 2010, se puido ler no desaparecido Xornal de Galicia. O 9 de marzo seguinte escribín a miña primeira colaboración mensual, ininterrompida desde aquela, en Terra e Tempo e, novamente, quixen principiar a xa longa serie cunha defensa do cerne de Galicia. Perdín a conta das manifestacións que levamos feito por mor da lingua e, vista a progresiva baixada de falantes que denuncian os resultados estatísticos, ata dubido da súa virtude terapéutica máis alá de afianzar a idea de que un non está absolutamente illado nesta loita pola Terra. Se eu fose Hermann Tertsch, estarían vostedes lendo aquí a crónica da manifestación de onte; pero a miña capacidade como vidente é semellante á dos economistas, magnificamente preparados para explicar as causas do que non foron quen de prever. Retomarei hoxe algunhas citas daqueles devanditos primeiros artigos, porque, desgraciadamente, seguen a ter tanta ou máis actualidade que hai cinco anos.
Cando Otero Pedrayo matinaba, en 1931, sobre os vieiros de resurrección dunha Galicia derrotada e morta, puxo en primeiro lugar a obriga de exaltar a lingua, “forma psicolóxica da Raza (...). Pois co uso e cultivo cotidián chegarase axiña ao punto de unanimidade mínimo para que a galeguidade sexa a fórmula completa das arelas de tódolos galegos. Pénsese que ao caer a lingua cae tamén a vida galega”. Tomou prestada Otero esta frase de De Valera, presidente da república de Irlanda, aplicándoa á nosa terra: “Podemos asegurar ser mellor unha Galicia pobre falando galego que unha Galicia rica usando outra lingua”; pero matizou: “aínda que a realidade nos ensine que para ser ricos e fortes non hai outro camiño que o de ser cada día máis xurdiamente galegos”. Estamos fartos de escoitar individuos que din que non se consideran galegos, senón cidadáns do mundo, algo irracional, pois, como dixo Nietzsche, “as árbores, canto máis queren subir ás alturas e á luz, máis fortemente afunden as raíces na terra...”. Un home sen raíces anda desnortado, a son de vento. É por iso polo que Losada Diéguez dixo que “canto máis se cultiva o propio espírito (entendendo por tal a lingua, a cultura e o goberno galego) máis universal se é”. É ben coñecida e repetida a sentencia de Castelao: “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Engadía eu, no primeiro daqueles artigos que: “Os inimigos de Galicia saben que esta deixará de ser, desaparecerá como tal e diluirase nunha amorfa e homoxénea España, cando o faga a única lingua que lle é propia. E o mesmo Castelao nos lembrou que ‘só Galiza vai salvar a Galiza”.

Tomo novamente prestadas unhas citas alleas recollidas, en 1916, por Villar Ponte. Cando as empreguei naquel xaneiro de 2010 dixen que mantiñan tal frescura que mesmo semellaban “escritas para seren pronunciadas na manifestación do tristísimo serán do pasado día 30”. Podo engadir que acaerían igualmente ben se alguén as tivese pronunciado onte. O grande poeta e políglota tradutor de Goethe, Novalis, Homero ou o citado Nietzsche, Joan Maragall deixou dito: “O sangue do meu espírito é a miña lingua; a miña patria está onde ela resoa”. Compartín esta frase cun grupiño de galegos e portugueses, cando puidemos mudar a lingua de Shakespeare pola nosa, despois dunha conferencia que impartín en Cambridge a raíz do meu libro sobre os celtas. Foron bastantes os que me aconsellaran non publicalo en galego, porque non me lerían fóra; hai libros que si se len. Algúns nunca entenderán a Miguel de Cervantes, cando, tras recomendar o uso das linguas rexionais, dixo: “O grande Homero non escribiu en latín, porque era grego; nin Virxilio escribiu en grego, porque era latino”. Cánovas del Castillo, sempre admirado por Fraga e con fundación eclipsada pola FAES de Aznar, escribiu: “A lingua e, sobre todo, a súa sintaxe é a expresión máis acabada de toda raza e de todo pobo... a lingua é a alma exteriorizada”. Cánovas era de dereitas, pero historiador e non precisamente analfabeto; outros dirixentes actuais só son de dereitas. E remato as citas con Pi y Margall, federalista e presidente da I República Española, cando se pregunta se “pode darse nada máis ilóxico que confiar a administración nin a xustiza a homes que non coñezan as linguas do país no que teñan que exercelas”.

A pregunta anterior trasladeilla no devandito artigo ao presidente Feijóo polos nomeamentos que fixera para o seu goberno. Como é obvio, os iletrados non len e non houbo resposta; pero si repetición en sucesivos cargos, polo que a reitero aquí, ampliándoa a el mesmo. A falta de respecto que ten pola nosa lingua, xunto cun nulo sentido do ridículo, lévao a falar nun castrapo estraño co ilusorio convencemento de que, porque naceu nos Peares, xa trouxo o galego incorporado de serie. O conselleiro de educación e cultura (supoño que galega), que non se decatou aínda de que a lingua forma parte intrínseca dela, disque vai disputar a alcaldía de Ourense; e a cidade de Vigo ten que estar gafada necesariamente, pois, se nunca ouvín ao seu alcalde Caballero –en liña co xornal da súa cidade- dicir unha verba en galego, a que Feijóo envía alí como missa ou legata domini, cando foi tocada polo dedo divino do presidente para conquistar o concello, comunicouno na radio en lingua española. Con Mariano Rajoy na Moncloa o idioma español da puntos. Non me preocupa que uns descastados non queiran falar a nosa lingua; prefiro iso a que a esnaquicen, e mesmo me doe fondamente ver que moitos representantes dos outros partidos, BNG incluído, cando poñen ben un pronome é por casualidade, cando suprimen o dun verbo non reflexivo é porque lle cadrou e así un longo etc. que prefiro obviar neste artigo.

Escribín hai cinco anos que Feijóo “saberá por que escolleu para conselleiros persoas iletradas en lingua galega e vai ter que facer un enorme esforzo pedagóxico (é evidente que non o fixo) para convencernos de que non está tentando esnaquizar a esencia de Galicia a mantenta, poñéndoa aos pés dos cabalos carpetovetónicos na procura dun futuro máximo recoñecemento político alén do Padornelo”. Non me negarán que o que escribín segue a ter hoxe o mesmo valor.

Remato coas mesmas verbas coas que dei fin aos dous artigos citados: “semella que (...) estamos fanados e que polo solar galego sempre teñen que galopar bárbaros Atilas, mesmo que cheguen disfrazados de modernidade e ‘cosmopaletismo”. Sabemos tamén que unha asociación denominada Galicia Bilingüe, na que destaca Gloria Lago, xogou e segue a xogar aínda estes días un papel ancilar na loita contra o noso único idioma propio. Pois ben “Galicia non esquecerá nin a uns nin a outros e, por moita unción relixiosa que lle poñan, por moito fanatismo que consigan crear e por moito papaleisón que lles siga, mentres quedemos galegos nesta nosa terra, esta patulea de libitinarii non conseguirán enterrar a lingua propia desta vella nación que sempre remata respondendo con xenio, cando as cousas se torcen e non queda outra que meterlle a proa ao mar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario