Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 7 de febreiro de 2015

A liña descendente que debemos erguer. Sobre o futuro do galego a partir da realidade actual

por Nel Vidal, na Revista de Llengua i dret:

Os últimos datos sobre o uso do galego feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a partir da Enquisa de Condicións de Vida das Familias de 2013, certifican a percepción xeral sobre o uso da lingua galega na xente nova: a da perda acelerada do idioma nos últimos anos. De non se aplicaren as medidas axeitadas canto antes, e de non chegarse a un acordo xeral e global para o mantemento do galego como lingua viva, esa liña descendente pode ir cara ao deixarmos de ser.
Quizais dúas das conclusións máis salientables deste estudo oficial do IGE son as que quero extraer dos dous seguintes gráficos: O uso do galego descende en todos os ámbitos de forma acelerada, e na poboación de menos de 15 anos, que é a poboación do futuro inmediato, o seu uso máis ou menos habitual anda tan só polo 25%. A liña do galego (no gráfico, a vermella) é dun descenso vertixinoso. En 50 anos perdéronse dous terzos dos seus falantes habituais, e a pendente é practicamente igual de acusada na xente que se formou na ditadura franquista e na xente que se formou na democracia actual, nomeadamente nos últimos anos.Os usos lingüísticos varían moito entre o rural e o urbano e entre a poboación maior e a máis nova, mais o que é ben significativo é que onde máis se usa o galego é nos ámbitos de maior vontade individual (casa, parella, amizades…), e onde menos nos ámbitos de maior dependencia da administración (escola, universidade, sanidade…), que, por outra banda son, ao mesmo tempo, os ámbitos máis públicos e visibles. Polo tanto, podemos concluír que lamentablemente a acción da administración é, en xeral, desgaleguizadora.

En definitiva, canto máis novas son as persoas menos usan o galego e, ao mesmo tempo, naqueles ámbitos públicos que son os de maior proxección e prestixio para as linguas, o galego é, na maior parte dos casos, secundario. Unha suma de dous factores que, de non mudaren as políticas lingüísticas e as accións e discursos de fomento do idioma propio, pon en perigo o futuro do galego como lingua normal.
A normalización lingüística é un proceso social que, para que sexa efectivo, debe ser asumido pola cidadanía. Ao final son as persoas as que deciden que lingua usan en cada situación, mais nesa decisión inflúen, claro, moitos factores externos que teñen que ver con prestixio, modelos, contextos, seguridade, prexuízos, comodidade, etc. Por iso os poderes públicos teñen a obriga, legal, e a responsabilidade, social, de apoiar e promover ese proceso de normalización lingüística dotando o idioma de prestixio, visibilizando modelos, creando contextos axeitados, garantindo o uso como lingua pública, dotando a cidadanía de competencia e seguridade para o uso en todas as situacións, lanzando mensaxes efectivas para rachar cos prexuízos, creando comodidade nas diversas situacións, etc.
E o continuo descenso no uso habitual do galego na cidadanía e da súa transmisión ás xeracións máis novas é o resultado da política lingüística aplicada. Cando se transmiten ideas desde os poderes públicos de que o galego pode ser unha traba (p. ex. a argumentación dada para eliminar en 2009 as probas en galego contempladas até o momento na Lei da función pública de Galicia); cando se reducen o número de horas no ensino na lingua propia ou cando esta non está permitida para o seu uso en materias como Tecnoloxía, Matemáticas ou Ciencias (p. ex., o chamado Decreto do Plurilingüismo aprobado en 2009); cando a lingua se asocia á conflitividade (p. ex., en tantas declaracións públicas); cando se reducen os orzamentos destinados ao fomento do idioma nun 70% en 5 anos (este foi o descenso dos orzamento para normalización lingüística na Xunta de Galicia nos últimos anos); cando non se apoian axeitadamente os medios de comunicación en galego (con redución de axudas, falta de políticas de fomento, invisibilización, secundarización para a contratación de publicidade…); cando a primeira escolarización non é na lingua propia do país (na práctica é imposible que un neno ou nena se poida escolarizar en galego nas cidades e vilas galegas); cando se reduce significativamente a axuda á creatividade galega e ás industrias culturais (drástica redución de apoio ao teatro, audiovisual, música, literatura…); etc. Cando isto acontece, os resultados sobre o uso do galego, como amosan os estudos, son acordes con esas actuacións.
Que o 74,88% da poboación de entre 5 e 14 anos use só ou maioritariamente o castelán cando o 73,82% da poboación de 65 ou máis anos usa só ou maioritariamente o galego é froito dun ensino, dunha sociedade da información, dunhas expectativas laborais, duns contextos de ocio e duns ámbitos xuvenís e urbanos castelanizadores, que fan que o galego estea máis no retrovisor que no horizonte do parabrisas.
Cómpre, polo tanto, decidir se queremos seguir a ser. Decidir se, como galegas e galegos, queremos seguir a existir. Cómpre poñer en valor a nosa lingua, a única que contén a nosa maneira de vermos o mundo, a que nos transmitiron os nosos antepasados. Temos que valorar se queremos que os nosos fillos e as nosas netas vivan nun mundo no que o galego é un valor, a lingua do país en que naceron e a lingua que queren seguir usando e transmitindo, ou se pola contra estamos dispostas/os a que vivan nun mundo en que o galego é pasado. Se apostamos pola primeira opción, cómpre mudar vontades, tomar medidas decididamente e cos recursos necesarios, implicar cidadanía e sumar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario