Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 28 de febreiro de 2015

Velada poética. A nosa casa da lingua

por Manuel González Prieto, nas voces de Prolingua:
Pra haber bon pan, ten que haber boa sementeira
Onde o rapaz sachou, nunca millo faltou
Quen pranta e cría, ve alegría 
Si queres ter que comer, tes que sementar e coller 
Si ques ter bon viño, inxerta de boa cepa 
Xunto á auga pon carballeiras e verás que logo medran 
Unha palla non fai palleiro, pero axuda o compañeiro.
                                                                 O saber popular


Diante da situación pola que está a atravesar a lingua galega, as veciñas convocan a unha cea a aqueles que tanto esforzo fixeron en cultivala e coidala, para facer un chamamento á organización para a súa defensa cunha velada poética.Unha xuntanza amiga de persoas que gustan da escrita, da boa oratoria e da lingua. Destas horas todos agradecen un bocado acompañado de cadanseu neto de bo viño, indispensable en persoas que teñen as súas navallas tan ben afiadas. A cea está preparada e os comensais sentados na mesa.Sen querer ser fachendoso por expresarse primeiro, vai ser Fole quen, con espírito rexoubeiro, abrirá a conversa facendo canción da lenda para causar sensación :

Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan as persoas. E isto non é certo. O segredario de Caldas foi comido por iles cando voltaba da feira de Viana. Algús que o mataran por arroubalo e que despois o comeran os lobos; mais a douscentos metros de ondia o comeran foi atopado un lobo morto coa gorxa afuraiada por unha bala.
Ánxel Fole
Barriga farta, tambor e gaita, pensa o Pedro Xosé, non amigo de moita leria. Por non ser menos levanta a man, interrompendo o seu colega lugués. E como xa está animado o cotarro, alegra o ambiente coas súas coplas grolo a grolo, suxeitando na man esquerda o xerro de viño bo. O frade perde a compostura e manifesta con ton elevado:
Prefiro ser vaga mundos e botar coplas ao mundo.
Refraneiro popular
E continúa coa súa copla:
Frangullas de pan,
migallas de queixo,
castañas mamotas
ou froita do tempo.
Frei Martín Sarmiento
O resto dos comensais non dubidan en se sumar á festa da palabra, pasando a testemuña á provincia da Coruña. O Añón embeleca Rosalía, presumido do seu repertorio:
O través d'aguzados penedos
penso ver empinados petoutos,
viñas, hortas, devesas e soutos,
q'apouvigan os ventos d'o Sul.
Francisco Añón
Rosalía, alma do grupo, recita agarimosa:
Hay antr'a sombr'a amante d'as nosas carballeiras,
e d'as curtiñas frescas, no vívid'esprendor,
e n'o romor d'as fontes, espritos cariñosos
que só ôs qu'aquí naceron, lles dan falas d'amor.
Rosalía de Castro
É quenda do Fernández y Morales, máis preocupado de dar conta do cocido que de afiar a súa lingua para achegar algún verso. Recita unha peripecia da rapazada berciana,dedicada toda ela a apañar, tanto castañas e crouchos coma algunha labazada.
(...)
Pingaban negras castañas
que apañaban nos seus megos
os lacazais rapaciños
sin o permiso do dueño.
Fernández y Morales
Con esta “Antífona da Cántiga” decide pechar a sesión o Cabanillas, cambadés, o gran poeta da raza.
Cumplida será a mollada das que nas longas noites de inverno, a carón da lareira, debullando mazarocas, namentres a trandeira vai en vén e as lingoatadas do lume lamben potes e cazolas, tomaron pulo na folgada cociña campesía, estrado de honra, escola de sabencia aldeán e sala de consello, na que se consideran e remoen de vagar acordos e trasacordos encol dos máis outos puntos da vida cotián, seituras, mallas, decotas e parreas, e na que fan o gasto e recollen o máis vivo intrés do rueiro, témeras estorias de feitíos fazañosos, lendas de miragros, ensalmos e desconxuros c-o seu cortexo de campaíñas e fachos da Santa Compaña, encontros co-a Estadea e falcatruadas do Trasmo e do demo Maniguiño.
Ramón Cabanillas
Algún dos comensais non é quen de atopar o camiño de volta? Sen problema, o Uxío marca o rumbo.
Das Ferrerías á Veiga i Ambasmestas.
Volver por Vilafranca á empinada
por Corullón e Oencia/por Vilarrubín
a Ferramulín/pasados Vilarrubín
Ferramulín Horreos pechado/
hastra a Boca do Couto i a Parada.
Uxío Novoneyra
Parten cara ao seu lugar, mais María non dá creto, parapeto do seu soño é á espera do retorno.
Hoxe do souto de ouro,
onte do meu recordo!
María Mariño

Ningún comentario:

Publicar un comentario