O pasado 30 de xaneiro foi unha data para a multiconmemoración.
Por unha banda, a xornada lectiva vivía o Día Escolar da Paz e Non Violencia nunha data que quere ser homenaxe renovada a Mahatma Ghandi, defensor dun ideario de paz, tolerancia, solidariedade, respecto polos dereitos humanos e xustiza social que aínda hoxe, 67 anos após o seu asasinato, precisamos para nos protexer da agresión do actual poder depredador:
En canto alguén comprende que obedecer leis inxustas é contrario á súa dignidade de home, ningunha tiranía pode dominalo.
Pola outra, celebrabamos o 129 aniversario do nacemento de Castelao, rememorado no sitio web da RAG como todo un símbolo do nacionalismo galego, un loitador no exilio, que reflectiu na súa obra literaria e pictórica o fondo compromiso que o unía á súa terra, Galicia, ao tempo que aproveita a ocasión esta institución para nos ofrecer un dosier de prensa da repercusión mediática do Día das Letras Galegas de 1964, dedicado precisamente a Castelao.
Cadrando con esta efemérede, dentro do calendario do libro e da lectura instituído anualmente pola Consellaría de Cultura e Educación, enxalzouse o Día da Ilustración en Galicia.
Mais tamén foi xornada para lle darnos a benvida ás palabras para unha realidade que non quixeramos de urxencia.
Referímonos á declaración institucional da Real Academia Galega presentada ao pobo galego co simbólico titular: O galego dá vida, pola vida do Galego e escenificada nas voces da maioría da directiva desta institución e académicas de moi relevante prestixio dentro do ámbito investigador lingüístico e da creación literaria, con recoñecemento internacional.
Unha declaración institucional que di nacer do respecto por un idioma con historia propia, da confianza no amor e na lei que a inmensa maioría das xentes do país lle teñen e da alarma creada en amplos sectores sociais ante os últimos datos do IGE, que viñan ratificar en cifras a experiencia contrastada sobre o retroceso no uso do galego, nomeadamente nas novas xeracións, que fan perigar o seu futuro, mesmo para quen sexa de seu optimista.
E aínda que é ben certo que todas somos corresponsábeis activas e protagonistas principais desta páxina da historia da normalización lingüística que estamos a escribir para as que han vir, correspóndelle á Xunta de Galicia tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando.
Reincide o decálogo da RAG, como os comunicados e declaracións que nestes últimos tempos se fixeron públicos, no epicentro orixinario do desconcerto, na cerna xeradora da fenda lingüística programada desde complexos e prexuízos ultrapasados de moda: o goberno galego, quen, na lectura á inversa deste pronunciamento, resulta ser irresponsábel, descohesionador, descoidado coa infancia e mocidade, ignorante a respecto dos seus principios e deberes e irrespectuoso cos marcos lingüísticos superiores europeos.
O galego dá vida, pola vida do Galego é xa un chamado social para todas as persoas que queiran amosar o seu amor por este ben público e por todas as xeracións que nolo legaron para o seu continuo crecemento san e próspero.
Polas fillas dos nosos fillos. Queremos Galego! resoa como un eco de alianza cívica desde hai semanas cara o próximo punto de encontro no amor pola lingua, o domingo 8 de febreiro, para o fecundar nas crianzas que queremos lonxe da ignorancia do que é de seu.
A inmediata resposta gobernativa de quen se sabe principal destinatario desta declaración institucional, a Xunta de Galiza, a través do seu portal educativo-cultural virtual, que, segundo definición do dicionario da RAG, é en potencia pero non na realidade, xa recorda á sociedade que está a facer todo o posíbel e ademais ben, polo que non hai lugar para a autocrítica, mais si para o tirón de orellas a quen teimamos en non ver os datos positivos nin as melloras no coñecemento, na actitude e na percepción do uso do galego na sociedade.
E xa que a contrarresposta require de sentido común e de todos os sentidos corporais que nos identifican como ser humano intelixente, imos botar man da sempre sabia tradición popular, que demostra que a lingua é moito máis que un código de signos ou unha combinación de regras morfolóxicas e sintácticas, para traer ao presente deste inminente febreiro rosaliano algún refrán clarificador: Non hai peor xordo que o que non quere oír; A palabras tolas, orellas xordas; Ollos que non ven, corazón que non padece; O que escoita e asexa, oe e ve cousas que despois lle pesan; Quen di o que non debe, oe o que non quere; A dúbida é o comezo da sabedoría.
E xa que Castelao e Ghandi nos introduciron neste novo encontro lector, despidámonos coas palabras do seu pensamento exemplar:
¿Qué diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e a ledicia de moitísimas xeracións.
Un covarde non é capaz de amosar amor; facelo está reservado para os máis valentes.
Sexamos valentes na nosa resposta de amor polo galego!
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 3 de febreiro de 2015
Declaración non institucional
por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario