por Manuel Mera, no Sermos Galiza:
A mobilización do pasado domingo a prol do galego foi un éxito de participación. Foino malia que os medios de comunicación máis importantes silenciaron en boa medida a convocatoria, e cando se viron obrigados a comentala, fixérono dándolle sobre todo a voz á Xunta do PP para desalentar a protesta. Foi acertado que Queremos Galego anunciase a manifestación con moita antelación, para xerar así expectativa e ademais puidese chegar a toda a base social do nacionalismo, que ten un metabolismo moi lento ao carecer de medios de comunicación de masas propios. Mesmo, neste caso, resultou secundario que a consigna e máis o cartaz necesiten dun intérprete para entender cal era o obxectivo da convocatoria.
A masividade desta manifestación amosa cal é o estado de ánimo da xente, rexeitando na práctica as actitudes pesimistas que se albiscan nalgúns militantes e cadros do nacionalismo. Agora ben, o éxito da mobilización tamén implica facer fronte a novos retos, demostrando que non foi unha resposta puntual, ritual, ou para desafogar o noxo contido por tanta discriminación e cinismo por parte das clases dominantes. Trátase de manter a presión, de seguir mobilizando ate que o PP rectifique ou/e sexa substituído nas institucións por partidos sensíbeis ás reivindicacións do povo (ou sexa, o nacionalismo de esquerda, o BNG). Cómpre polo tanto un programa de mobilizacións, como mínimo ate final de ano, que fixen no imaxinario colectivo que o nacionalismo ten unha folla de rota, obxectivos claros e a capacidade e atrevemento necesarios para transformar a realidade. Unha campaña que tense o debate e obrigue a Xunta e os partidos estatais a se definir sen ambigüidades encol do tema.
Resulta evidente que o actual estado de ánimo da xente non se dá en exclusiva en relación á lingua, senón que se estende ao económico, ao social e ao político. E reflicte que non existe unha actitude tan pasiva como se pretende transmitir dende os medios hexemónicos, para poder controlar o reaxer social ou mediatizar a resposta política diante de tanta desigualdade, discriminación e inxustiza. A mobilización en relación coas cuestións xerais ten que reproducir aquela que ten éxito nos conflitos laborais e sociais, ou sexa, a que se mantén no tempo con obxectivos claros, e na que son os afectados os que deciden o fin da protesta. Ás veces, semella que o poder conseguiu que nos autolimitemos nas mobilizacións con carácter xeral, e polo tanto políticas.
O éxito desta manifestación amosou que o nacionalismo galego ten fortaleza, e que o atrevemento da dirección de Queremos Galego foi recompensado pola súa base social e recoñecido por outros segmentos da sociedade. Este é o camiño: mobilización, proposta e xestión rupturista, e abertura sen concesións ideolóxicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario