Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 6 de febreiro de 2015

8F: respostas xa para o galego

editorial do Sermos Galiza:

A lingua está nunha situación límite, dramática, e as respostas deben ser agora e, visto o visto, só poderán vir do impulso social. Estamos no tempo do desconto, por empregarmos terminoloxía deportiva, e ou se reverten as políticas en curso ou en moi poucos anos o galego terá na Galiza un status similar ao do gaélico en Irlanda. Ou talvez peor, pois que o gaélico na república celta goza dunha protección legal da que carece o galego na Galiza, tratado como se fose unha lingua estranxeira de segunda (a lingua estranxeira de primeira, o inglés, camiña cara se converter na segunda do ensino no país).
De nada vale facermos un exercicio de profecía apocalíptica se non contribuírmos para pór remedio á situación. E o remedio pasa inescusabelmente por exercermos os nosos dereitos como cidadás e cidadáns. Facelo no día a día e no plano individual, séndomos esixentes coas administracións públicas e até coas empresas privadas, póndomos no debate social que hai un dereito humano elemental, o dereito a vivir con normalidade na nosa lingua, que está moi lonxe de se respectar.

Exercermos os nosos dereitos no plano individual, si, mais no colectivo tamén. E aí temos este domingo unha cita imperdíbel, a grande manifestación que convoca Queremos Galego (12 horas, Alameda) baixo o lema de "Polas fillas dos nosos fillos", un lema cargado de futuro, mais tamén unha mensaxe para actuar desde o presente. Queremos galego e querémolo xa. Porque -as estatísticas do IGE móstrano ás claras, nomeadamente no que ten a ver coa rotura da transmisión xeracional- non hai tempo que perder.
Este domingo Compostela ten de ser un clamor. Unha esixencia multitudinaria de mudanzas profundas na política lingüística. 2015 é un ano electoral. Un bon momento para o partido no poder recibir un recado clarísimo da sociedade: non se pode gobernar na Galiza contra a lingua galega. Mais non todo consiste en dicir que non ao PP. É básico que as forzas da oposición poñan o galego no centro das súas alternativas políticas, porque sen lingua -sen conciencia de sermos o que somos- este país no ten futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario