por José Luís Sucasas, na Praza Pública:
Logo e 35 anos do actual sistema monárquico parlamentario e no que se atinxe a Galiza, o BNG xa é considerado un partido da “casta”. Aos bloqueiros pódenos gustar máis ou menos que así nos consideren; eu diría que máis ben menos, xa que ingresamos no sistema “por imperativo legal” e sen acordar cos principios xerais do movemento, pero coa esperanza de traballar pola causa nacionalista dende o interior das institucións. Dende o comezo da súa andaina, o BNG fixo da lingua o seu estandarte e paseou o pendón en tódalas procesións. E fíxoo con tanta ansia e determinación que conseguiu inserir nos miolos da xente a imaxe de parella única, eterna e indisoluble: BNG e Lingua Galega; ou Lingua Galega e BNG, que tanto monta monta tanto. Póñovos un exemplo: Xosé Crespo, o alcalde de Lalín, subiu ao seu feisbu un artigo meu en Praza coa seguinte introdución: “Chamoume a atención este comentario, na revista dixital do BNG Praza Pública do Concelleiro do BNG José Luís Sucasas ....” Como Praza utiliza o galego, daquela é unha revista do BNG, debeu ser o seu razoamento municipal. E ollo, Crespo é do PP e galegofalante, dou fe.
Pero podía o BNG ser menos belixerante no asunto da lingua? Penso que non. Podería facelo doutro xeito, pero levaba a lingua no seu ADN e non lle quedaba outra que loitar por ela, aínda coa súa propia vida. Como partido nacionalista debía poñer por diante os sinais de identidade, e se hai un sinal de identidade por riba de todos, ese é a lingua propia. Así o recoñece o Estatuto do 81 (artigo 5.1: “A lingua propia de Galicia é o galego”), redactado e aprobado por xente que non era do BNG, que aínda non nacera. Errou, logo, no xeito de defendela? Se cadra, si, pero é moi doado falar da feira unha vez rematada. O caso é que, a día de hoxe, a identificación bng=galego está xa no imaxinario da xente, coma pode estalo que 2+2=4 ou que as andoriñas chegan na primavera. E como corolario da igualdade, a súa propiedade conmutativa: Un bloqueiro é unha persoa que fala galego, e o galego é a lingua que falan os bloqueiros. Outro estigma que engadir á lingua de pobres e pailáns.
Agora veñen as preguntas. Esta identificación automática coa lingua, inserida xa no subconsciente colectivo, é boa para o BNG? Penso que non. O BNG tivo e ten votantes que non son galego-falantes, ou só o falan de cando en vez, pero iso non empece que o sintan como propio e que non o desprezan. E pola contra, o PP e mailo PSOE teñen milleiros de votantes que si son galego-falantes, e moitos deles monolingües; e outro tanto acontece en IU e nas mareas de aquí e acolá. Mais aínda, penso que os rivais políticos aplauden coas orellas que o BNG faga causa xeral da defensa da lingua, xa que así eles poden coller peixes sen mollar os pes. O PP e mailo PSOE, partidos sistémicos por excelencia, saben que o galego é a lingua propia de Galicia e así o proclama o Estatuto, que é peza fundamental do sistema que eles defenden. Pero claro, se alguén se ofrece voluntario e ás carreiras a pelexar contra os que o aldraxan ou fan de menos, eles encantados. Como se se matan, pensarán eles.
E outra pregunta, aínda mais importante. Esta identificación BNG-Galego é boa para o galego? Pois penso que tampouco. E se tivera que estar xunguido -que non ten por que nin debería- a algún partido político, sería preferible que o estivera ao PP, como partido hexemónico na terra; ou ao PSOE, segundo na hexemonía, pero non ao BNG, un partido que nos intres de mais gloria acadou o apoio do 25 por cen do electorado. Ademais, identificando o idioma a unha opción política concreta, corremos o risco de que a xente non simpatizante desa opción remate trasladando a súa antipatía tamén ao idioma. E penso que, do que é mal, esa situación xa se ten dado e estase a dar hoxe en día. O BNG debería ir afrouxando as correas que o xonguen ao galego, e darlle a entender ás demais forzas políticas que o idioma non é unha teima particular súa, que o defendemos e respectamos todos ou rachamos a baralla (Reforma ou supresión do artigo 5 do Estatuto). Si, é un envite arriscado, con cheiro a farol descomunal; pero dada a situación do galego e maila do propio BNG, se cadra chegou a hora poñer o resto riba da mesa e que sexa o que Deus queira, que sempre é.
A lingua, coma calquera outro patrimonio común, non debería identificarse con ningún partido en particular. Casamos a Catedral de Santiago con algún partido? E a Gran Muralla de Lugo? Non, defendémolas todos como patrimonio noso e común. Por que non así a lingua? Acaso non vale por cen murallas e cincocentas catedrais, que no fondo, non deixan de ser un morico de pedras colocadas con gusto?
A estas alturas tiña que ser así, que todas as forzas políticas asumisen a língua dunha vez e potenciasen pero imos ser realistas, poñendo esa opción derriba da mesa o galego sairía claramente desfavorecido.
ResponderEliminarAs xentes do BNG as que rescataron a língua da escuridade na que estaba agochada polos mesmos que hoxe no están dispostos nin siquera a falala a gusto, solo a empregan cando lles convén e porque as veces non lles queda outra pero o seu desenvolvemento natural é un idioma alleo.
É certo que algúns deles son galego falantes mais siguen na teima de falarlle os propios fillos-as en castelán e si me apuras, antes en inglés que en galego.
Gústame esta proposta en canto a desafío, esta ben, pero ollo, o galego aínda non rebosa de boa saúde como para deixalo nas mans de que non o sinten como propio.
No anterior comentario quería decir esto que se borrou sin darme conta:
ResponderEliminarForon as xentes do BNG as que rescataron a língua da escuridade na que estaba agochada polos mesmos que hoxe no están dispostos nin siquera a falala a gusto