Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 7 de febreiro de 2015

Voltamos a Compostela

por Carme Adán, no Sermos Galiza:

Voltamos a Compostela o domingo 8 de febreiro con gañas de festa. Con gañas de cantar e bailar pola nosa lingua. Con gañas de sentir a familiar humidade da Quintana ateigada de xente. Voltamos a Compostela porque nos peta. Porque somos así, teimosas e teimosos.


Voltamos a Compostela fartas e fartos de mentiras sobre a lingua. Fartas de aturar seis anos de políticas de ultraxe ao galego, fartos de que o goberno de Feijóo contribuíra a desprestixiar a lingua como era difícil imaxinar desde o franquismo. É certa unha acusación tan grave coma esta?
Si. Primeiro, porque Feijóo puxo en marcha unha campaña de desprestixio das políticas de normalización lingüística desde que como líder da oposición decidiu facer do tema campo de batalla electoral. De aí, o seu recurso a imaxe da “imposición del gallego” e o apoio a sectores ultras contrarios á nosa lingua. Foi exactamente un cálculo político para a súa posíbel carreira madrileña o que o levou no ano 2007 desmarcarse completamente do Plan de Normalización do ano 2004. Fíxoo enfrontando a concreción deste Plan no ensino mediante o decreto do 124/2007. Plan que, só a modo arqueolóxico, quero lembrar que contaba con todos os informe a favor, incluído o ditame favorábel do Consello Escolar de Galiza.
Segundo, porque Feijóo leva seis anos gobernando desde a soberbia propia de quen renega da súa lingua. No proceso de confección e aprobación do decreto denominado do Plurilingüismo sucedéronse manifestacións e informes contundentes sobre o desatino de tal norma. A propia RAG chegou a tildar o borrador en termos de inconsistente legalmente, “confuso e non rigoroso, co perigo de converter a cuestión lingüística nun motivo de permanente conflito na sociedade galega, é insólito desde o rigor pedagóxico e sociolingüístico.” Desoíu os informes da Real Academia e do Consello da Cultura, desoíu ao pleno do Consello Escolar de Galicia que rexeitou por maioría o anteproxecto do decreto. Os e as membros do propio Consello aprobaron unha emenda á totalidade impulsada por un total de sete organizacións – CIG-Ensino, FETE-UXT, CC.OO. Ensino e Confapa, entre elas-, con 24 votos a favor e 16 en contra, que esixían a devolución do texto para a súa reelaboración. Tamén desoídos.
Terceiro, porque o novo decreto converteuse nunha perversión normativa, xa que, pretende equiparar o ensino das dúas linguas oficiais en Galiza co ensino dunha terceira lingua estranxeira, servindo de coartada para contrapoñer inglés e galego. Asemade, por pretender interpretar a desexábel participación das familias como unha consulta sobre aspectos curriculares como son as competencias lingüísticas. Por último, por iniciar a etiquetaxe de centros educativos co obxectivo de incrementar indirectamente as subvencións a determinados centros privados. Ao final, menos galego e máis privada.
A isto podemos sumarlle o incesante labor por reducir a cultura galega mediante o esmagamento económico. E se alguén ten dúbidas da intencionalidade pode comparar o apoio ao audiovisual galego, ao teatro, á edición, á tradución, á música... e á promoción de Enrique Iglesias. Nunca un contrato foi tan elocuente do valor que ten para Feijóo a cultura galega. Nada novo por certo xa que o último Xacobeo foi un negocio para as empresas de Madrid.

Non é un problema das familias. Non é un problema de H&M ou El Corte Inglés que non teñan formularios en galego. Non é un problema dos medios de comunicación que traducen até os fonemas antes de seren pronunciados. O problema está en quen ten un mandato estatutario de defender unha lingua e obrigar aos medios que subvenciona a publicar en galego, velar para que as empresas privadas inclúan ao lado do catalán e o euskera tamén ao galego ou impulsar unha imaxe diferente dunha lingua que soporta séculos de humillación. Feijóo teno claro. Non é unha cuestión de convencelo ou de argumentar mellor. A súa aposta é contribuír a eliminar o galego nunha situación sociolingüística complicada para a súa supervivencia. A folla de servizos o require.
Nós tamén o temos claro. Queremos galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario