por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:
Hai agora seis anos a cimeira do PPdeG partillaba canda Rosa Díaz (UPyD) e os sectores máis extremistas contra o “status” xurídico e social da nosa lingua unha demostración nas rúas compostelás contra o Decreto do Goberno de coalición que regulaba o galego no ensino. Decreto que obtivera a aprobación da representante do PP, Manuela López Besteiro, malia trasacordasen no último intre por razóns de cálculo electoral.
Deste xeito, o PP rachaba o consenso lingüístico ( presente no Plan de Normalización do 2004, aprobado pola unanimidade do Parlamento) para tentar apañar uns milleiros de votos. Poucos cuantitativamente, pero fulcrais para acadar cadanseu escano adicional nas circunscricións d’A Coruña e Pontevedra. A ladaíña, o conto, da imposición do galego comezaba.
Xa Feijóo na Xunta, aprobouse unha reforma da lexislación de emprego público que eliminou a obrigatoriedade das probas en galego e promulgouse un Decreto de plurilingüismo que, na práctica, excluiu o galego do ensino infantil nas cidades e do ensino das matemáticas e das ciencias nos níveis educativos obrigatorios. Os orzamentos para a normalización lingúística, mentres, diminuían un 60%.O Goberno de Feijóo non é o único responsábel dos dados alarmantes reflectidos na última enquisa do IGE, pois que existen outros factores históricos, sociais e económicos. Mais si é responsábel de boa parte da tendencia de devalo dos últimos anos. Nun contexto no que o Estado español non recoñece a igualdade xurídica do galego na Constitución e tende, na práctica, ao monolingüismo, os Poderes autonómico e locais son os únicos que poden compensar, só en parte, esta tendencia abafante. Por outra banda,o desleixo, cando non neglixencia, do Goberno de Feijóo e dos gobernos locais d’A Coruña e Vigo (éste socialista) emitiu unha clara mensaxe: aos que mandan non lles interesa o galego nin que os axentes sociais evolúan cara un escenario de normalización. E as mensaxes do Poder sempre se entenden a xeito.
Velaí que sexa urxente chegarmos a novos consensos sociais para lle dar un novo pulo á lingua, que comece por arrincar o galego da liorta política. Liorta onde, por certo, meteuno o PP ao racharen o consenso lingüistico hai agora seis anos
Ningún comentario:
Publicar un comentario