Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 25 de febreiro de 2015

De noite e de día

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:

Podería suxerir este título unha reflexión sobre o paso do tempo ou sobre o rutinario movemento de rotación terrestre que regula os nosos hábitos diúrnos e nocturnos.
Podería, se cadra, incitar a procura dunha opinión ao redor de certo investimento público galego de máis de 300.000 euros en aproximadamente 50 segundos de promoción turística (6.000 euros por segundo) enlatados, sen ningún tipo de identificación xeográfica, en abstracto e onde se aterra en helicóptero, no comezo e final do videoclip dun cantante de orixe española e asentado en Miami, neto de galego mais sen vínculo coñecido con esta terra, que renova os usos tradicionais dun mosteiro para achegalos a unha xuventude rendida ao culto ao corpo so pretexto de moito dance de calores e baías. A versión oficial do goberno é que este impresionante clip terá un impacto mundial, pois representa a imaxe de Galiza como un pobo moderno e alegre cunha mocidade preparada para todo (!)
Preparémonos, logo, para o que ha de vir se non o estabamos aínda após todo o que xa nos leva acompañado neste últimos anos.
A realidade do noso título é ben máis simple ou próxima.
Febreiro é sempre boa ocasión para retornar a esas lecturas das que non conseguimos desprendernos nunca. Calquera momento é óptimo, mais o 24 de febreiro anuncia a celebración do Día de Rosalía e miren por onde que descubrimos, nunha nova viaxe polas páxinas das Follas Novas e dos Cantares Gallegos, que a nosa mundial escritora, coñecida e valorada pola súa altura literaria sen límite de fronteiras nin valados xeográficos ou intelectuais, xa nos tiña dado versos precedentes de tan custosísimo título musical: Qu´eu día e noite sin cesar choraba / Coido d´ela noite e día.
Mentres as imaxes á moda sobrevoan os ceos de paraxes que, moi probabelmente, continuarán a ser apenas recoñecíbeis por quen xa sabemos delas, do seu valor cultural e potencial económico, afincamos os pés na terra ao pé do sentir rosaliano individual e colectivo.
Mostras abundantes desa cita anual que trascende o ámbito da lectura individual e privada para se converter en homenaxe de romaría colectiva, fomos vendo ao longo destes días en que centos de Rosalías inundaron espazos presenciais e virtuais para reconfirmar que segue aquí, connosco, presente nos nosos acentos e melodías.

#EuSonRosalía quere ser a voz de identificación individual desde cada ángulo persoal, desde cada aresta que cadaquén guste de tomar para si, desde as múltiples caras poliédricas en que eu ou ti nos podemos ver reflectidas, desde calquera das súas voces que precisamos nosas para fender os silencios submisos, desde as negras sombras que respiran vida en nós, desde os versos poderosos que nos impelen a reclamar a dignidade e a xustiza dun hoxe en proceso de expropiación, desde a inmensidade de razóns que a cerna dunha obra magna nos ofrece para nunca deixar de Sermos.
#EuSonRosalía porque co seu eco persistente consigo non perder de vista as estrelas para vivir na escuridade.
#EuSonRosalía porque os seus versos ratifícanme na necesidade de aprender a distinguir un Xan dun Pedro.
#EuSonRosalía porque o seu exemplo firme dáme azos para continuar no grave atrevemento de escribir na lingua que eu falo.
#EuSonRosalía porque cada vez que a leo recupero a forza precisa para lle dicir ao moucho que non lle teño medo!
Todas somos Rosalía! Ponlle a túa voz!

Ningún comentario:

Publicar un comentario