Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 10 de febreiro de 2015

"O galego resúltalles un moribundo demasiado lento e molesto", Begoña dixit

por Goretti Sanmartín, no Sermos Galiza:

Hai cinco anos asistiamos a unha reacción social sen precedentes após decidiren os gobernantes do PP comezar unha cruzada contra o noso idioma. Non é unha casualidade que o inicio de todo este proceso se situase no ensino, por máis que porfíen en afirmar que hoxe crianzas e mocidade reciben moito máis estímulos lingüísticos de fóra do sistema educativo, neses espazos de lecer onde "din dirixir" as súas medidas de política lingüística. Porén, o conflito -por algo sería- estivo situado desde o primeiro momento en anular as posibilidades de teren nenas e nenos das primeiras idades unha importante porcentaxe de exposición ao galego e de facer irreal a aposta por un ensino en galego, con competencias exercitadas día a día nas diferentes materias. De aí que fixesen públicas as Bases para o decreto da persecución do galego un 30 de decembro e que non escoitasen as voces nin os pronunciamentos da comunidade educativa, científica, cultural nin asociativa para daren un paso atrás nas súas pretensións. O obxectivo estaba moi claro naquela altura.

"O galego resúltalles un moribundo demasiado lento e molesto". Eis a contundencia con que falaba Begoña Caamaño nunha entrevista concedida ao desaparecido xornal Galicia hoxe o 25 de xaneiro de 2010. É importante volver ás súas palabras nestes tempos de reaxir contra tanto silencio, contra tanto inmobilismo, contra tanta reapropiación do que dicimos para executar, sen a menor vacilación, todo o contrario. Mentres as persoas que defendemos a lingua exiximos medidas favorábeis ao galego, a comezar pola derrogación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, desde o PP e o goberno da Xunta afirman, cínica e hipocritamente, que cumpren coa lingua e que a fomentan, ao tempo que se negan a mudar de rumbo unha política lingüística baseada nun asasinato planificado. Porque era xa unha evidencia as intencións lingüicidas na campaña previa para impulsar este decreto. Novamente, as palabras de Bego:
O termo "bilingüismo harmónico", cuñado pola administración Fraga, foi de seu unha falacia, unha completa mentira; non podemos falar en termos de harmonía cando hai unha situación tan disimétrica entre o castelán e o galego. A sociedade galega en xeral, e a rapazada e a mocidade aínda máis, están sometidas a unha presión constante do español: a televisión, a radio, o cine, os videoxogos..., todo o seu ocio transcorre baixo unha xerarquía castelanizante. Xa que non se toman as decisións políticas e económicas para mudar esa realidade, o ensino debería actuar, cando menos, como elemento equilibrador, potenciando o coñecemento, estudo e uso da lingua minorizada, que é a nosa. Con este novo decreto queren facer o contrario. Van asinar non a defunción, senón a execución do galego. Fraga pretendía que o idioma morrese "de morte morrida", pero seica estes son máis impacientes e o galego estalles a resultar un moribundo demasiado lento e molesto. Non deixa de ser curioso que sexan os representantes políticos de quen está en contra da eutanasia os mesmos que se apresuren a darlle morte a un ser tan vivo como é un idioma.A denuncia do que se ocultaba tras o "bilingüismo cordial" deu paso ao combate contra o "trilingüismo" galego/español/inglés (mesmo que agochado nunha palabra que nos roubaron e modificaron: plurilingüísmo):

O trilingüismo, creo que xa o dixen, paréceme unha falacia. O que realmente se agocha tras desa palabras, é dicir, perpetuación da subordinación da nosa lingua até a súa extinción si que é unha barbarie, e non só lingüística. Tamén, como apuntas, en termos económicos, políticos e sociais é un atentado contra a nosa identidade.Reapropiármonos dos conceptos terxiversados ao longo destes últimos anos non é tarefa doada, sobre todo en momentos de confusión e de represión. Estas causas deberían poder tamén presentarse nos xulgados, para condenar a usurpación ilexítima do significado das nosas reivindicacións. A liberdade, só posíbel coa eliminación da subordinación e a dominación lingüísticas e co coñecemento lingüístico como paso previo e imprescindíbel -hoxe tamén un dereito fanado-, pasou a traducirse nunha elección descontextualizada en que parece que Galiza camiña por onde desexa facelo. Tras ser preguntada por un posíbel prezo de liberdade, a activista e escritora fía unha resposta para reclamar a dignidade, individual e colectiva:
Ah, pero somos libres (he, he)? No sentido máis estrito do termo, a liberdade non debería, non podería ter prezo. Non é unha mercadoría nin nada que se poida comprar, aínda que tanto se esforcen en convencernos do contrario. E ademais é que o conseguen. Semella que cada vez hai máis xente disposta a renunciar á liberdade por un falso concepto de "seguridade". Incluír na mesma fase as palabras prezo e liberdade demostra de seu canto calou en nós o concepto de servidume, vasalaxe ou escravitude. Convencéronnos de que a liberdade haina que mercar. Deberiamos falar máis ben do que estamos dispostos a arriscar para non perdela. Cada quen, individualmente, debería facer a súa valoración e como colectivo teriamos que consensuar uns mínimos irreunciábeis. Non se trata de declaracións de heroicidade, senón de saber cal é o punto de non retorno, a liña que unha vez traspasada xa non nos permite ollarnos ao espello sen vergoña. Por falarmos en prezos, eu poño un igual difícil de cuantificar, o da dignidade.Velaquí o primeiro motivo para acudir á manifestación a favor da lingua, a dignidade. Mais hai moitas outras razóns para enchermos as rúas este 8 de febreiro, porque os ataques ao galego foron constantes, pinga a pinga, afogando e eliminando todos cantos espazos podían desenvolver calquera mínima acción normalizadora.

E temos que facelo polas fillas dos nosos fillos, polos fillos das nosas fillas, pola sobriñanza que nos acompaña, por tanta mocidade expulsada que temos que volver a traer a Galiza, ollando para o futuro mais sen esquecermos que somos un elo na cadea. Lúcida, á pregunta de Manuel Vidal de se "somos máis pasado ignorado que presente activo", Begoña Caamaño responde aquilo que exerceremos este domingo polas rúas de Compostela:
Somos presente, e futuro. Somos aquilo en que queremos converternos, aquilo que aspiramos a ser, un proceso, un devir. Pero que non nace da nada, creámolo co que nos foi dado, e mellor saber que é o que cargamos nas nosas mochilas se queremos avanzar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario