Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 3 de febreiro de 2015

Regulación lingüística e vía xudicial

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de Prolingua:

Cando españolizar significa descatalanizar (ou desgaleguizar), xorden vultos coma Wert e normas como a Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, de mellora da calidade educativa (LOMCE). Cando o galeguismo (é dicir, esencialmente o idioma galego) é unha mancha e non unha distinción, cómpre quen fregue na nódoa rabuda ata facela desaparecer, sen medo a lixar o fardo nin queimar as unllas.
Sobre a ideoloxía de quen lava non cómpren moitas consideracións. Daquela, calquera debate que ouse tocar, aínda de maneira tanxencial, a cuestión lingüística no Estado español zurricha irremediablemente a borra do asimilacionismo. No debate político e social da citada Lei pouco espazo quedou para o debate, para o político e para o social.
A terminoloxía na redacción da lei, por exemplo, promove a confusión. Consonte unha directriz europea consolidada na Comunicación da nova estratexia marco polo multilingüísmo de 2005, polo que a Unión Europea opta por potenciar o coñecemento de dúas linguas, ademais da lingua materna, a LOMCE cualifica no preámbulo como “prioridade educativa” o fomento do plurilingüismo. Nesta altura todo o mundo sabe que “plurilingüismo” funciona como eufemismo para referirse só ao inglés. A Lei enfronta na sinonimia “plurilingüismo” e “ensino plurilingüe”, cando en absoluto son conceptos equivalentes pois a plurilingüización non implica o uso vehicular de linguas estranxeiras (en detrimento da propia) na aprendizaxe.
As consecuencias da citada Lei non se fixeron esperar. Nos últimos días acábase de facer pública unha resolución xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña pola que a Generalitat é obrigada a indemnizar unha nena con 7,36 euros por cada hora de clase que debeu recibir en castelán e lle foi dada en catalán. Esta resolución fundaméntase na Disposición adicional 38ª da LOMCE, desarrollada polo Real Decreto 591/14, de 11 de xullo, que determina no artigo 5 os criterios para a baremación e cálculo da “compensación” estipulada para que pais ou titores poidan escolarizar fillos e fillas nun centro privado en castelán cando as administracións das autonomías con lingua propia non lles garanten unha escola pública ou concertada no que aquel idioma sexa lingua vehicular (acaba de informar o xornal Praza Pública a este respecto). No seu ámbito de aplicación a LOMCE dispón favorablemente nunha soa dirección, a da lingua oficial do Estado. Ademais de ser inxusta, esta lei abre innumerables vías de proveito para a picaresca.Establece a Teoría do Dereito como criterio na determinación da norma aplicable á hora de solucionar antinomías, entre os de xerarquía e temporalidade, o Principio de especialidade, que di que a lei especial prima sobre a lei xeral (lex posterior generalis non derogat legi priori especiali). Polo tanto, diante dun mesmo condicionante fáctico non se poden observar consecuencias xurídicas diverxentes.Téndomos de man, polo tanto, a xurisprudencia xerada pola citada Sentenza do TSXC, en Galicia sempre poderiamos solicitar tutela legal coa fin de ser restituídos economicamente polas horas de clase que, debendo, non foron impartidas en galego. Só cómpre denunciar para que as nenas e nenos galegofalantes en Galicia poidan gozar dos mesmos dereitos cás nenas e nenos castelanfalantes en Cataluña. Ou para que se evidencie que o que vale para defender o castelán en Cataluña (a LOMCE) non vale para defender o galego en Galicia. Velaí un exemplo máis contra a mentira da imposición do galego en Galicia. En calquera caso, abriríanse portas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario