Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 7 de febreiro de 2015

Xabier P. Docampo: "A situación da lingua cada día vai a peor desde que este goberno está no poder"

Carme Vidal entrevista a Xabier P. Docampo para o Sermos Galiza:

Xabier P. DoCampo, un dos escritores máis recoñecidos e queridos da nosa literatura, estará o domingo en Compostela para participar na manifestación de Queremos Galego.
-E se lle preguntara a cantas manifestacións pola lingua leva asistido?
Son incontábeis porque sempre que alguén se manifesta a favor da lingua, así sexa o mesmo demo, pode contar con que alí estarei. Niso son totalmente evanxélico. Aínda que se reúnan catro, alí estarei e estarei mentres sinta que a miña lingua non acada sequera o estatus de oficialidade que ten recoñecido, que é o mínimo.
-A do domingo en Compostela ten especial relevancia?
A forza que precisamos ten que quedar á vista. Agora mesmo estamos a ver a lingua atacada de fronte, sen ningún tipo de rubor e eu creo que o cen por cen dos galegos e galegas non consenten iso no seu corazón. Os negacionistas son moi poucos e, polo tanto, é necesario que todos estes que non negan a lingua -úsena ou non- se decaten da situación grave na que a están a poñer desde o goberno galego, do feito inaudito de que exista un goberno que traballa arreo contra a propia lingua.
-Por que se atreve o goberno se, como vostede di, ten toda esa vontade en contra?
Atrévese porque confía en que, mesmo que haxa oposición, o tempo fai que todas as falcatruadas queden, que perduren, e por iso actúa con esa aleivosía. O que acontece é que unha persoa que fala galego e desenvolve a súa vida na nosa lingua non é consciente dese perigo. Cómpre unha atención máis continuada e intensa para se decatar e reaccionar. Pouco a pouco a xente darase conta da gravidade da situación.
-Como profesor que foi e pola súa continua relación pola literatura coas xeracións máis nova, coincide no diagnóstico da situación crítica da lingua?
A situación de hoxe é peor que a de antonte e a de onte pola tarde. Cada día vai a peor desde que este goberno está no poder. O máis grave que fixeron non foi só lexislar en contra, senón desvalorizar o galego. Coas súas accións levan a que a xente pense: se eles son os encargados polo Estatuto e a Constitución de preservar a lingua, que vou facer eu se eles din que o galego non vale? A situación de hoxe é mellor que a de mañá con este goberno. Agora continúo indo aos centros de ensino e atópome con situacións que crin que xa non se darían, consideraba que estaba conseguido ter unha escola co galego como lingua vehicular de maneira que os nenos saísen competentes e preparados para escoller a lingua na que falaban e vexo que iso non só non é certo, senón que foi a peor. Con aleivosía crean situacións contra a lingua que son difíciles de reverter, mais eu son optimista e penso que todo ten remedio. Precisamos poñer mans no asunto.
-Que significa poñer man no asunto?
Simplemente con que se cumpra a lexislación actual, a Lei de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización comezamos a reverter a situación. O que acontece é que eles non din que deixan o asunto. Cando a Real Academia Galega aproba a súa declaración institucional, o que di o goberno é que está de acordo e o está a facer Con esta resposta fan de menos á propia Academia.
-O lema da manifestación é “Polas fillas dos nosos fillos”. Está aí o perigo, na perda da transmisión ás xeracións máis novas?
Cando vou polos colexios e institutos encóntrome por vez primeira na miña vida con nenos e nenas que non saben a nosa lingua. Xa non é sequera cuestión de querer ou non. De toda a vida o cen por cen entendía o galego e sabía falalo, mais agora iso xa non se dá. Xa hai quen non coñece a nosa lingua na nosa terra. O lema está ben, como todos os das manifestacións, mais o que importa é todos os que imos detrás da faixa de saída. Temos que ir e non só polas fillas dos nosos fillos, senón tamén porque debemos coidar e preservar os moitos falantes infantís e mozos da lingua que quedan, temos que valoralos e facer que se mesturen con outros para que se contaxien.
-De todas maneiras, vostede que é persoa optimista, tamén cre que poderemos saír desta situación?
Está nas nosas mans. A xente nova ten que tomar conciencia. A situación é reversíbel e todos sabemos na man de quen está. O tema é se imos seguir tendo gobernando o futuro da nosa lingua a negacionistas lingüícidas.
-Se a manifestación é multitudinaria, que tería que pasar o día despois?
Non sei se podemos confiar en que pase nada con respecto a quen tivo o cinismo de ir polo peor camiño para a lingua. O que si teremos é a sensación de vernos reforzados no que estamos facendo. Por iso tamén son necesarias as manifestacións. Estamos, repito, no camiño de reverter a situación e para iso é preciso implicarse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario