por Marga do Val no Nós Diario:
Difícil falar do mundo do dereito, dos dereitos no mundo, cando Palestina con todos os seus dereitos está sendo aniquilada. Gaza convértese nun cemiterio de vivas e mortas, nunha fosa común a ceo aberto, nunha paisaxe onde apodrece a dignidade humana, cunetas cheas de feridas, de fome, de sede. Como podemos falar de dereitos cando se bombardean todos os dereitos humanos? Hai quen me escribe e di: a humanidade colapsa e non estamos na rúa parando isto. Hai quen preocupada ante a pasividade se sente culpábel por atender asuntos que, sen seren banais, son menos importantes. Hai quen, consciente do que ocorre, pode sinalar que ocupa o seu tempo, que sempre foxe e non abonda, en sobrevivir, en inventarse ou en reinventarse en situacións precarias, falta de emprego, falta de vivenda, falta de... humanidade. Estas mesmas persoas que comparten esas respostas, poden engadir que senten non ter nin forza, nin dereito a ter tempo, para saír á rúa a berrar por Palestina, sumando ao seu estado de impotencia, máis culpabilidade. A humanidade ten que sentirse así, impotente, incapaz. Tamén a que agardaba pola fumata branca no Vaticano, polo nome do novo Papa, a mesma que espera que faga algo, coma quen cre nos milagres... A realidade é ben terríbel, ninguén detén Netanyahu na palabra conquista. Todo en vivo e en directo, xa se sabía, víase vir. É difícil de aceptar que nas mans de Europa trafican as armas de Israel, as mesmas armas que non deteñen Netanyahu, que son as súas.

