Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 30 de setembro de 2010

Triatleta trilingüe

Javier Gómez Noya é un triatleta de Ferrol, campeón do mundo de triatlón. Fala galego, español e inglés. "Enténdome en galego cos portugueses e brasileiros [...] falar a túa lingua é unha forma de sentir que estás aquí [...] vivindo en Galicia ten que ser obrigatorio coñecer ben o galego, estou a favor de que todos os galegos falen galego".
Unha pena que el non sexa o secretario xeral para o deporte.

Camiño de Santiago pola Lingua

A Asociación Amencer en colaboración con Queremos Galego! e  a Concellaría de Voluntariado de Ourense propoñen unha actividade en defesan da lingua. Trátase de facer un percorrido pola Vía da Prata do Camiño de Santiago, os domingos 10, 17, 24 e 31 de outubro. Pode un apuntarse os dias que queira.
Para enterse de todos os detalles, e para participar no Camiño de Santiago pola Lingua, basta con premer na ligazón.


P.S.: Peregrinaxe en defensa do idioma

mércores, 29 de setembro de 2010

STEG: "En 10 anos teremos unha xeneración excluída do galego"

"O decreto de plurilingüismo é unha aposta da Xunta para facer desaparecer o galego da nosa sociedade". Así se expresa Sonia Fernández do STEG. Para min é unha satisfacción especial escoitala pois lembro perfectamente que ela comenzou a carreira de matemáticas na facultade da USC xusto cando eu a rematei. Vese que a algúns as matemáticas non nos espaparon o cerebro.

martes, 28 de setembro de 2010

A nossa sorte

por Valetim Fagim, presidente da AGAL,  no Xornal:

Quando duas ou mais línguas compartilham o mesmo espaço social, é comum terem umha funcionalidade diferente. Tradicionalmente tem-se dado o nome de língua A àquela que ocupa o espaço central da sociedade e de língua B a que ocupa o lugar periférico. A língua A é a das elites, o código que se usa na administraçom, na escola, no exército, no mais moderno. A língua B é umha língua marcada, é a língua menos urbana, menos jovem, menos rica, menos cool.
Este processo, como é sabido, nom é estável mas dinámico. O inglês nom era cool durante a monarquia normanda. Era assim como se queixava um nobre inglês em 1298:
“Se alguém nom sabe francês nom é tomado em consideraçom ... Creio que nom existe nenhum país no mundo que nom adira à própria língua, a exceçom do da Inglaterra”
Podíamos deixar em branco onde aparece “Inglaterra” e preenchê-lo com quase todas as línguas do mundo nalgum momento da sua história.
É inusual que um idioma presente em vários países tenha o estatuto de língua A em todos eles. É frequente, no entanto, que todas as variedades de umha língua tenham estatuto de língua B, em grande medida, porque há pouco lugares para a língua A; a concorrência é dura. Outras vezes, no entanto, o que acontece é que a sorte acaricia umhas variedades e nom outras.
Sirvam algum exemplos. Houvo um momento da história em que o francês do Quebeque ou o neerlandês da Flandres eram línguas B. Hoje, o castelhano da Califórnia ou da Flórida som língua B mas nom o da Argentina ou o México. Enfim, o catalám de Valência é claro que nom tem o mesmo estatuto que o da Catalunha.
Para umha variedade com funcionalidade B é umha fortuna o facto de existirem variedades com funcionalidade A por diversas razões:
A primeira de tipo sociológico ao servir como modelo social. Se a minha língua noutro país funciona como Língua A, também o pode fazer no meu. Isto é importante porque sobre as línguas B se tece toda umha rede de expetativas negativas que impossibilitam sequer a vontade de mudar o estado de cousas. Quem nom tem ouvido com o sotaque mais genuíno: O galhegho é umha merda, nom vale para nada!
A segunda vantagem é de tipo formal. Quando a coexistência entre a língua A e B é duradoura, a segunda adopta elementos linguísticos da primeira, sendo o léxico a área mais afetada. Se ambas as línguas pertencem à mesma família linguística torna-se difícil discernir o que é material próprio do que é alheio. O facto de haver umha variedade com funcionalidade A permite fazer esse esclarecimento. Perante umha frase como esta «Que onda, entonces que? te wacho en la party? Recuerda que es no cover.», um hispano-falante de S. Francisco é capaz de identificar o que é alheio com só pegar num dicionário de castelhano.
A terceira é de tipo funcional. Quando se quer promover umha língua de B para A é preciso fazer enormes investimentos. O plano de dotar os usuários da língua B de quase tudo aquilo de que desfrutam os usuários da língua A tem um preço e nom costuma ser barato. Pensemos em literatura universal, programas informáticos ou canais de televisom. O facto de existirem produtos que emanam da variedade com funcionalidade A tornam tudo muito mais fácil e... económico. Durante muitos anos o mercado de Portugal, onde a nossa língua é A, nom justificava as edições do Tio Patinhas ou do Conan e estas chegavam do Brasil (edições de que também usufruíamos alguns galegos e galegos com as mesmas carências).
A nossa sorte como galegos e galegas é que temos variedades que tivérom êxito e se tornaram línguas nacionais dos seus países. Um escritor romeno, Alexandru Vlahuta, dizia que a sorte é um acaso, e a felicidade umha vocaçom. Teremos vocaçom de ser felizes?

Foto sociolingüística

Atopei esta foto remexendo no Google earth.  Cando a vin pareceume un retrato da situación social do galego. A nosa língua que, como as vacas, vai a modiño pola pista. Aínda así, as autoridades  póñenlle un sinal de prohibición de circulación.
No entanto o castelán, con paso preferente, corre pola autoestrada.
Cal é o obxectivo final desta política lingüística? A foto tamén nos da a resposta: queren pechar a nosa lingua nunha reserva, o mesmiño que as vacas na herbeira. Para iso levan o pastor eléctrico.

luns, 27 de setembro de 2010

Carta a Ezequiel Mosquera

Desta volta dándolle os merecidos parabéns a Ezequiel Mosquera,  Prolingua volve a acertar porque sabe que defendendo e profundizando a nosa identidade estamos blindando o orgullo polo galego.

Estimado e, por moitos de nós, ademais benquerido Ezequiel:
Dende a Plataforma Prolingua querémoste felicitar polo teu faiscante labor desenvolvido no Xacobeo Galicia de Ciclismo, co que acadaches o segundo posto en La Vuelta a España 2010.
Mais non só as túas calidades deportivas se fixeron notar a longo desta e doutras competicións; aboiou, así mesmo, o compañeirismo (virtude que xa tes demostrado durante toda a túa traxectoria profesional) e non unicamente cos membros do Xacobeo, senón incluso con aqueles dos que fuches rival pero ante todo compañeiro.
Felicitámoste, como non, pola túa humildade, por saber recoñecer que un non é ninguén se non hai, canda el, un grupo de persoas que colabora nun proxecto, sexa deportivo, cultural ou nos ciclos que dá a roda da vida. Porque te acordas das túas orixes (e non renegas delas), porque te lembras dos que están ao teu carón día a día (familiares, amigos/as e seareiros/as); porque comprendes que hai que tender unha man ao veciño sobre todo cando escorren as últimas pingas de suor; porque sabes atender e entender aos que te seguen, escoitan e te fan vibrar (e ti a eles) no intre en que rubes cara aos máis altos cumios do mundo...
Velaí que cando andas, Galicia vai contigo; a cada pedalada, o país (este que nos enche e nos ateiga de esperanza) ascende os máis elevados horizontes; e con el milleiros de persoas aos que emocionas. Como ben declaraches, para ti é “unha grandeza poder defender a bandeira de Galicia” e un orgullo telo feito “no equipo da túa terra”, nese equipo de futuro incerto por mor dos que non queren ver a realidade, maila ter demostrado a súa valía nesta e en anteriores campañas.
Canda ti, Ezequiel, soben aos podios do triunfo centos de ciclistas galegos (profesionais e afeccionados), deste ou doutros momentos, que non puideron agatuñar ata esas alturas, mais que se sentiron eles aí enriba, que se sentiron Galicia cando a cadea se prolongaba dende a saída ata a meta marcando o cansazo que provoca o asfalto e o clima. Xa que, como nalgún lugar se subliñou, demostraches ser o heroe do pobo, e cando menos do noso (ou sexa do teu); título que, xurdido do amor e da admiración, hai que sualo… e non se distingue abofé con camisetas, nin con maillots nin maglias, senón con actitudes e compromisos.
Felicitámoste, e permítenos chamarche irmán, porque é para ti un orgullo falar a diario a túa lingua; e porque para nós é un orgullo escoitarcha pronunciar ou escribir, nos medios, na internet, nas redes sociais, nos foros abertos... diante da pantalla. Grazas por subir, e por pronunciar, e por ser... e por ter no celeste o motivo do esforzo, do compromiso e da loita.
Saúde irmán, e saúde ao idioma galego!!

Maiorías e minorías

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:

Ao compañeiro Francisco Romaní, que se nos foi hai pouco, mais que nos lega o exemplo da súa simpatía, da súa entrega polos desfavorecidos e o seu compromiso patriótico

Tras o Consello da Xunta, a Alberto Núñez Feijóo preguntáronlle pola súa opinión sobre o tremendo desfase entre a cantidade de familias que responderon "Galego" no sobre de matrícula da educación infantil nas cidades (arredor do 40%) e a cantidade de nenas e nenos que nestes lugares van ter neste curso o ensino no idioma de Galiza (o 12%). A resposta do presidente foi, máis unha vez, que as maiorías deciden sobre as minorías.
Para alén doutras consideracións, o xefe do Goberno galego segue a mentir cando fala dunha inexistente opción de escolla das familias sobre a lingua da educación dos seus nenos e nenas nos primeiros anos. É radicalmente falso. Trátase dunha mentira deplorábel.
O que el e o seu partido tentan vender como un hipotético "dereito de opción" concrétase nunha pregunta no sobre de matrícula sobre cal é o idioma familiar. Quen responde non sabe (en ningures se informa diso!) que o que está a facer na realidade é votar pola lingua que quere que sexa a de uso normal na aula da súa filla ou fillo. En fin, que se escolle sen saber que se está a escoller nin as dimensións da escolla. Un calote en toda regra co que se pretende varrer o galego nas cidades, evitando que as familias falantes de castelán poidan chegar a solicitar o ensino en galego para os seus pequenos, como ten acontecido no pasado, mesmo no tan castelanizado centro de Vigo.
Mais imaxinemos por un momento que a realidade non é esta, senón o mátrix propagandístico de Núñez Feijóo: que os pais votaron, sumáronse os resultados e fixéronse as distribucións. Sería nese caso xusto e democrático que un 60% da poboación decidise erradicar a lingua que formalmente solicitou o outro 40%? Sería así máis xusto e democrático que máis do 75% das familias que optaron por un dos idiomas non visen atendida a súa petición? A que el chama minoría, a parte da sociedade que fai uso normal da lingua propia do país, pasa a carecer de dereitos? Tan mao é ser galega, ser galego, que mesmo o gobernante que nos considera unha minoría na nosa propia terra nos nega os mínimos dereitos que a nivel internacional se lle recoñecen ás minorías? Que concepción democrática é esa? Que sociedade se constrúe con eses vimbios?
Alberto Núñez Feijóo bota man dos conceptos "maioría" e "minoría" con moita frecuencia e sempre dunha postura de demagoxia belicosa. A idea central é que, xa que o seu partido detenta a maioría absoluta no Parlamento galego, ten capacidade ilimitada e plenipotenciaria para adoptar calquera medida, calquera. É esta unha visión retorta e perversa da democracia, non só discursivamente senón tamén pola vía dos feitos, pois nega a diversidade intrínseca da sociedade; mesmo nega o pluripartidismo, xa que as outras opcións políticas que non son "a maioría", as adxectivadas como "minoritarias", carecerían de lexitimidade e validez para defenderen as súas propostas. Repárese, sobre isto, no que o presidente do PP de Galiza defende nos seus discursos a respecto do nacionalismo galego.
No que di respecto á lingua galega, Feijóo considera que tamén conta co visto e prace social para asfixiala, xa que el gañou as eleccións autonómicas. Mais estamos de novo ante un discurso mentirán.
En primeiro lugar, porque o PP conta coa maioría absoluta na Cámara galega por só un escano: 38 deste partido fronte a 37 da oposición (25 do PSOE + 12 do BNG). Visto así, trátase dunha maioría moi exigua, pola mínima. Que o 50% da poboación goberne, con agresividade e prepotencia, contra o outro 50% non semella un bo camiño para ninguén.
Ademais, se sumarmos os sufraxios individuais, o voto persoal e intransferíbel de cada cidadá ou cidadán, o resultado é que, a suma de PSOE e BNG é de 5.000 apoios por riba do partido gobernante. En fin, que se a xornada das autonómicas a tivermos que considerar como un referendo, cousa que ás veces defenden desde a dereita, deberían recoñecer que ese referendo o perderon. Cal sería, aí, a "maioría" e a "minoría"?
Mais, de acordo, ninguén o cuestiona, o PP conta coa forza suficiente para gobernar nesta lexislatura, de acordo coas actuais regras do xogo. Porén, canto ten de verdade que o desmantelamento da oficialidade do galego que están a practicar a levaban no programa no programa electoral? Onde?! Eu procuro con detemento e insistencia e non encontro ningún documento (nin discurso) onde dixesen, por exemplo, que ían prohibir a docencia en galego de Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía. Tampouco por ningures figura que varrerían a lingua de Galiza da educación infantil nas cidades. Se isto non o prometeron, cal é o respaldo da maioría á que tanto apelan?.

Incompetencia e ilegalidade

Galicia Confidencial entrevistou a dous membros de "Profes co Galego". Eles destacan dúas características do funesto decreto de plurilingüismo: incompetencia e ilegalidade.
Cibrán lembra que os datos oficiais din que un de cada cinco mozos remata os estudios obrigatorios sen saber conversar correctamente en galego. “Que é o que se pretende, que en vez de un de cada cinco, haxa dous ou tres de cada cinco incompetentes en galego?”, pregúntalle ao Goberno.
Beatriz argumenta que o “ilegal” Decreto contradí a Lei de Normalización, que fixa un progresivo uso do galego na escola, e  lembra que a súa obriga como funcionaria é, no caso de contradición, cumprir a norma de maior rango.

domingo, 26 de setembro de 2010

Eu chorar, chorei

 A ONG "Shanga India" con sede en Cangas de Morrazo, leva adiante o desenvolvemento e financiamento da escola María Soliña en Pubai-Orissa (India). Un proxecto que permite a formación e alimentación de nenas e nenos dunha rexión aillada e pobre que sen axuda non tería futuro.



Mentras na India cantan en galego por iniciativa da creadora da ONG, en Marín os nenos aprenden "La falda de Carolina" así, en español. Sonche cousas dos novos valores.

Efervescencia

Efervescencia recunca na Radio Galega. Dese hoxe volve a emisión do que é un exemplo do debe ser un programa de servizo público, entretenenmento e coñecemento. Nesta sociedade nosa temos aínda sen desenvolver aspectos fundamentais para procurarmos un futuro que veña da man da renovación tecnolóxica e científica ou, polo menos, da procura de que as vindeiras xeneracións teñan unha cultura científica digna e centrada no desenvolvemento social.
Programas como este a dun danlle folgos para continuar o labor diario de impartir aulas das materias de ciencias en galego. As emisións serán os sábados de 16:00 a 17:00. Parabéns polo voso traballo.
Como sei que eu son pouco convincente, roubo do blogue do programa esta explicación do acelerador de partículas, o LHC.

sábado, 25 de setembro de 2010

A importancia de ser de Castañeda

Cando dixo aquilo de que era da Castañeda, con ese orgullo, reconcilieime con ela, que me falaba desde a pantalla da televisión, no programa Tardes con Ana. Antes diso, por rebeldía interxeneracional,  eu non era quen de aturar as súas cancións xa que eran a banda sonora da xeneración dos meus pais, dos que naceran cando a guerra.
Ana Kiro proclamou enchida de razón que era dunha aldea da Arzúa e entón comprendín a importancia do que fixera, que non era só cantar. Aquela xeneración, afectada polas miserias derivadas da guerra e da dictadura, tivera que emigrar masivamente. Moitos fixérono a fóra de Galicia, o resto na propia terra, onde tiñan que disimular que eran galegos. Ana Kiro levoulles a todos eles un anaquiño da terra, o orgullo de seren galegos, o orgullo e a visibilización da lingua.
Se Ana Kiro non recoñecera a importancia de ser de Castañeda non sería ninguén. Por iso eu teño por certo que ela sen a axuda de ninguén fixo moito máis pola nosa lingua e polo recoñecemento de sermos galegos que todas as accións e campañas que, desde o seu nacemento ata o día de hoxe argallou a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Nos últimos anos a cantante relatou unha e mil veces a mesma historia. Nin Houston, nin Navarra eran mellores que Santiago para ir a tratarse do cancro que padecía. Ela, que sabía onde residía o importante e distinguíao do prescindible con enorme lucidez, dounos unha última lección e explicounos co seu propio exemplo que podemos desprezar o que somos para convertirnos en ninguén, ou declarar con orgullo que un levou unha vida plena precisamente por iso, por non esquecer nin renegar nunca que era de Castañeda.

Un 10% de galego

Moir recomendable:
por Antón Patiño, artista plástico, no Xornal:

Seica vén ser a porcentaxe de galeguidade que figuran conservar no corpo os que dirixen a política educativa deste país: un escaso 10%. Veñen de perpetrar outra nova manipulación: xogando con enquisas e trucos estatísticos. Instrumentalizando ao país de novo como coartada: para facer logo o que lle peta (que por aquelo da ventriloquia política vai coincidir punto por punto co ideario máis alleo). Seica camiñan cara un seu paradigma dun 0% de galeguidade: non andan lonxe! Por iso é moi atinada a recente análise de Xoán Antón Pérez-Lema en Xornal de Galicia con relación aos atrancos que está sufrindo o ensino do idioma propio nos máis cativos. Un tema decisivo onde figuran deseñar un programa de galegoesclerose. Esquenceron a promesa inicial de gobernar para todos. Sen reparar na fraxilidade electoral: os votos do bipartito sumaron máis ca os deles. Un dato relevante que se cadra quererían esquecer. Non se pode ocupar unha institución e defender simultaneamente teses contrarias aos alicerces do sistema constitucional baseado no marco autonómico. Nese contexto constitucional de recuperación das liberdades o idioma é pedra angular dos dereitos cívicos dos cidadáns a expresar e defender a súa lingua.
Vitalidade do idioma propio
Contrasta esta actitude desleigada con relación á cultura e idioma de Galicia coas declaracións dende fóra do grande poeta Antonio Gamoneda que salienta a calidade da produción poética galega: falando de Xosé Luís Méndez Ferrín ata as novas voces. Tamén Víctor Freixanes, que presenta neste tempo unha nova novela, aportou claves de interpretación do momento cun criterio acertado. Así mesmo Julián Hernández, o líder de Siniestro Total (cun novo disco) amosou perplexidade diante dunha delirante política educativa con relación ao galego. Foi Ferrín estroutro día (no cárcere de Pereiro de Aguiar) quen atinou co diagnóstico: “A síndrome de Michael Jackson. Hai galegos que se operan a alma para non ter acento.”

Galegoescolas contra a galegoesclerose
Un 10% de ensino en galego para os nosos cativos é a esmola que ofrece a actual Xunta (a xeito de renovada aldraxe). Despois de amañar o resultado nunha curiosa distorsión: un 40% dos pais expresan apoio implícito (mesmo diante de preguntas trucadas). Chegou o momento onde cómpre apoiar os esforzos que están a facer colectivos do que se adoita chamar sociedade civil. Se dende instancias públicas propician un abandono desta magnitude: talvez sexa o momento de xerar iniciativas populares (que manteñan a luz do idioma nesta coxuntural travesía da tebra). Se o idioma aturou a “longa noite de pedra” tamén pode resistir esta forzada opacidade dunha penumbra artificial. Ata que un novo goberno (con máis luces e menos xenreira ao propio) exprese a realidade plural de Galicia: e perfile unha nidia sintonía coa nosa riqueza e manifesta policromía cultural. As galegoescolas privadas poden ser unha boa solución (cara contrarrestar os déficits públicos derivados desta situación anómala). Por iso é importante a campaña que se está a levar a cabo para garantir o acceso ao noso idioma dos nenos. Unha eiva que xa o informe do Consello de Europa sinalaba: carencia urxente que cumpría corrixir. Seica hai xa 2.000 membros en “Galiza co galego” e cómpre chegar aos 3.000. Está en xogo a transmisión xeracional do idioma. Amosan unha grave irresponsabilidade os que hoxe dirixen Educación. Están a traballar na minorización cultural, salientando deseguido a condición subalterna de todo o que atinxe á cultura na nosa lingua. As galegoescolas populares son a mellor receita contra o programa de galegoesclerose.

venres, 24 de setembro de 2010

La falda de Carolina

por Noela Rey Méndez, perdista, no Xornal:

O que che me faltaba por oír. Ou ler, neste caso. La falda de Carolina tiene un lagarto pintado, cuando Carolina baila el lagarto mueve el rabo. Toma xa! A popular canción galega está traducida nun libro de música de 6º de Primaria. O que faltaba por oír. Disque é porque o libro tanto vale para Marín e Burela como para Tordesillas e San Juan de Gredos. E que podería ser o seguinte?
Adiós ríos, adiós fuentes, adiós riachuelos pequeños. Y posa, posa, posa, y no me toques aquella cosa. Estaba yo en la capilla de San Simón y me cercaron las olas, qué grandes son. Cuatro viejos marineros, todos metidos en un bote. ¿Qué dicen los rumorosos en la costa que reverdece? Apaga la vela, Marica, chús, chús. Aquí viene el mayo de flores cubierto. Olitas vienen, olitas vienen, olitas vienen y van, no te vayas rianjera (¿?), que te vas a marear.
Só de escribilo, e xa me doe a vista. Pero será posible que nin as cantigas populares se poidan respectar?

6,6 millóns para isto

6,6 millóns para isto

xoves, 23 de setembro de 2010

Unha rede sen peixe

 Estas foron as propostas da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL) á hora de crear o que agora se vai chamar Rede de Dinamización Lingüística:
• As convocatorias de subvencións para a administración local deben facerse para cubrir o plan de polo menos un ano, e non con prazos de xustificación duns poucos meses ou incluso de dias. Ademais os criterios de valoración das convocatorias non poden seguir sendo discrecionais.
• Débese garantir orzamentariamente existencia dos actuais Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e establecer un plan de incremento co fin de dotar dun tal servizo a todos os concellos de máis de 3000 habitantes. No ano 2008 a dotación sufriu unha redución dun 25%.
• Non deben restrinxirse as atribucións aos SNL a seren simples tradutores. As súas tarefas deben desenvolverse transversalmente, en todos os ámbitos da administración.
• Non se pode garantir un traballo continuado no ámbito da normalización sen que se recoñezan uns dereitos laborais do persoal dos SNL acaídos ao seu nível profesional.
• Non ten sentido deixar de usar o termo "normalización" nas convocatorias da SXPL, pois é precisamente a normalización o fin que rexe os SNL.
• A Rede de normalización non debe pecharse a organismos que xa traballan neste ámbito como as universidades, o Consello da Cultura Galega,....

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) non tivo en conta ningunha das propostas. Entón, que peixe vai caer nesta Rede?

Eucaliptos e plurilingüismo

por Nel Vidal, da CTNL:

Que cómpre facer pola biodiversidade? Plantarmos eucaliptos e sequoias nos montes galegos ou contribuírmos a esa biodiversidade conservando as nosas árbores propias?
Como se pode dicir que se quere fomentar o plurilingüismo impoñendo aquí o uso do castelán? Non é iso fomentar o monolingüismo?
Prohibir o uso do galego nas matemáticas, que é máis que buscar o unilingüismo?
Que cómpre, entón, facer polo plurilingüismo desde Galiza? Impoñer o castelán ou contribuír a ese plurilingüismo conservando a nosa lingua propia?
As persoas que queremos a plena normalización do galego somos as únicas que realmente queremos unha sociedade plurilingüe. Somos as que queremos un estado español plurilingüe, unha Europa plurilingüe.
E son as que enchen a boca falando de bilingüismo, de plurilingüismo e de liberdade para xustificar a imposición do castelán no ensino as que o que realmente queren é unha (grande e libre) España monolingüe.

mércores, 22 de setembro de 2010

Patrimonio histórico

*Orense, *Castro de Rey, *La Coruña, *EL Bollo, *Vivero, *Villanueva de Lorenzana, *Villanueva de Arosa, *Junquera o *Junqueras, *La Puebla del Caramiñal, *Oza de los rios, *San Mamed de Moldes, *La Estrada, *Vivero, *Tordoya, *Noya, *Villavad, *Puertomarín, *Finisterre, *Villadecruces, *A Ouleiros -como a versión galega (?) de Oleiros-, *Caldas de Reyes, *San Miguel del Campo, *Ordenes, *San Andrés de Cabañas, *Cotobad, *San Jorge de Sacos, *Forcarey, *Golada, *La Guardia, *La Loma, *San Jorge de Mogor, *San Pedro de Domayo,....
Menos mal que son bens culturais protexidos

martes, 21 de setembro de 2010

O comenzo do curso segundo Queremos Galego

No dixital Galicia Confidencial dan un apunte sobre cal pode ser a realida lingüística no ensino. Segundo o STEG só o 12% das aulas de primaria nas cidadews se imparten en galego, e a CIG dá as seguintes cifras: menos dun 25% na pública, e menos dun 10% na pública.
Queremos Galego tamén ofrece a súa valoración do inicio do curso:

Benedicto contra Bieito

Ou Bento.

luns, 20 de setembro de 2010

O Amazonas pasou pola Estrada

Non podía eu ser veciño da Estrada desde hai 10 anos e, a un tempo, esquecerme de que Xosé María Lema recibiu o premio Reimóndez Portela deste ano. Lema é profesor no IES Losada Diéguez, membro de ProLingua e, por exemplo, é o autor do artigo "Unha pira no Obradoiro".
No acto de entrega do premio X. Mª. Lema regaloulles outra perla aos asistentes e que eu recomendo, pola emotividade e amor que amosa polo galego. O texto titulábase "Catro satisfaccións e un fondo pesar", eu recomendo a lectura do discurso completo, e para metrlle cobiza de premer na ligazón a quen lea isto (se hai alguén) van un par de anaquiños. O primeiro fai referencia á a que a entrega do premio éralle feita da man de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe:

Pero a don Víctor xa o coñecía de antes, pois fora o Conselleiro de Educación cando eu era director do instituto. E lémbroo con agrado pola campaña institucional Fálalle galego que el puxera a andar xunto con dona Paz Lamela Vilariño, directora xeral de Política Lingüística. Xente de todas as ideoloxías apoiara esta campaña; eu tamén desde o meu cargo, e mesmo me custou acedas críticas dun significado colega dun instituto veciño. Unha das causas fora a seguinte: como había no centro campionatos de fútbol-sala, a uns alumnos de 5º de Automoción e Electrónica, xurdiulles a idea de solicitar unha equipación de camisolas co lema “Fálalle galego” a Política Lingüística; a min pareceume boa idea e comuniqueilla a Paz Lamela, que se amosou algo reticente (era moi comedida cos gastos); pero logo ela díxollo ó Conselleiro, e a el debeulle gustar, pois quixo vir entregalas persoalmente ós rapaces acompañado de todo o seu séquito: delegado provincial de Educación, coordinador de FP, directora xeral de Política Lingüística…, e incluso o equipo de futbito dos funcionarios da Consellería, pois había que estrealas. Houbo dous partidos no pavillón Coto Ferreiro: un cos alumnos das camisolas e outro cos profesores. O noso partido perderámolo (sempre me cadrou estar no bando dos perdedores…), pero quedoume na memoria un gol que marquei de falta directa e con rosca na portería da Consellería; algo é algo.
¡Fálalle galego! ¡Tempos aqueles en que desde esta Consellería se promovía o uso do galego! Todos lembramos a foto daquela nai moza nunha ventá co seu neno no colo recibindo a suxestión coma un murmurio. Hoxe sería impensable, pois desde a propia Consellería se diría que a frase era impositiva e habería que poñela bilingüe (“Fálalle galego/ Háblale castellano” –o supostamente trilingüe de “Speak in English” todos sabemos que é unha vía-trampa para ir substituíndo en certos colexios as materias en galego polo castelán-), facendo logo unhas enquisas entre as nais embarazadas para determinar o idioma en que lle deben falar todos os pais e nais galegos ós seus fillos nos catro anos seguintes.
Quedan tamén na lembranza desa época os cursos de lingua e cultura galegas que impartimos para mestres, organizados polo ILGa e a Consellería. Houbera varios na Estrada, en Lalín… En fin, sinceramente, eu asinaría cos ollos pechados a volta de D. Víctor M. Vázquez Portomeñe como Conselleiro de Educación, e dou fe de que non son o único, e tamén de Paz Lamela, inspectora deste distrito ata o curso pasado e asinante coma min do manifesto de ProLingua, plataforma apartidaria e plural na defensa da lingua. Dona Paz criticou con acritude as tristemente famosas enquisas e o mal chamado Decreto do Plurilingüismo (“Non sei que raio queren facer co Decreto”, declaraba Paz a A Nosa Terra, 11-04-2010).

A segunda perla fai referencia a un dos artigos polos que lle concedron o premio a X. Mª Lema: "Antes tería que mudar o curso do Amazonas". Velaquí un anaquiño do artigo:

«Este é o motivo polo que cremos que esta é unha boa ocasión para que (…) fagamos da tradición de lles ensinar o noso idioma ós fillos un acto de vontade deliberado e consciente. (…)
Perséguense con isto dúas finalidades: a primeira, subliñar simbolicamente a nosa vontade xeracional de que o galego continúe a ser a lingua dos nosos fillos e do futuro do noso país, porque nun contexto histórico no que –diante da acelerada evolución das ciencias e da tecnoloxía- tantas cousas se volven incertas, é bo volver a mirada ó principal instrumento de comunicación entre os homes destes país, á primeira ferramenta de expresión das nosas ideas e da nosa cultura; (…).»

E o comentario que fai Lema a respecto del:

Eu só fun o simple transcritor deste texto, pois o seu autor foi o mesmísimo Presidente da Xunta. Non o actual -que ninguén o crería-, senón o anterior do anterior: Manuel Fraga Iribarne. É o contido da presentación da campaña ‘Non desherdes a túa lingua’, promovida no ano 2002 pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e o Concello de Redondela para impulsar os testamentos en galego.[...]
O noso idioma non tivo avances significativos nos dezaseis anos de goberno fraguista, entre outros motivos porque nunca se realizou unha política lingüística digna de tal nome, maiormente apoucada e ‘pasota’, aínda que é de salientar que fose o goberno Fraga, con Feijoo como vicepresidente, quen pulase por redactar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia.
Fraga non se excedería na promoción da lingua galega, pero polo menos non pasará á historia por unha actitude hostil cara a ela na súa etapa como Presidente da Xunta de Galicia como a iniciada polo actual, a quen xa ninguén imaxina asinando textos coma estes. Antes tería que mudar o curso do Amazonas.
 
Parabéns a Lema, e que continúe a nos ofrecer artigos como este que comentamos aquí e que, bastaría para que fose merecedor do premio.

Desde hoxe vou defender o decreto de plurilingüismo

Caín do cabalo e vin a luz.
Non sei se sería culpa da figueira ramona que teño na miña horta e que estes días está a darme moitos figos. Acabei mal, dores estomacais, urxencias no retrete, malestar. Ata creo que me atacou a febre. Pasei o día entre a cama e o sillón e tiven tempo de pensar. Teño que recoñecelo: estaba equivocado, e desde hoxe vou acatar, respectar e divulgar as bondades do decreto de plurilingüismo, e en definitiva, vou a aplicalo estritamente así que acudo ao DOG e léoo con avidez, e aprendo.
Aprendo que o decreto que agora defendo fundaméntase na Constitución e no Estatuto. Aprendo tamén que antes habia outro decreto, o 124/2007 que debía estar bastante mal porque aínda que establecía o estudo do castelán en todos os niveis, non indicaba para esta lingua unhas porcentaxes mínimas e por iso incurríase nunha discriminación, ata tal punto grave,  que o castelán corría perigo de desaparición na nosa sociedade. Por último aprendo que está ben establecer un novo decreto, o de plurilingüismo, e que a única e esencial razón da súa necesidade radica nos resultados da enquisa que a Consellería de Educación realizou ás familias do alumnado non universitario en xuño do 2009. Efectivamente, o propio DOG  di, as conclusións do cuestionario:

puxeron de manifesto a necesidade de revisar o marco legal que regula as linguas como elementos vehiculares do ensino

Como establecín como principio guía fundamental da miña acción este magnífico decreto, non podo crer as absurdas acusacións de que a nomeada enquisa carecía de fundamento científico por non ser realizada nin sistemática nin aleatoriamente ou non seguir os procedementos establecidos pola ciencia estatística. Non me importa que digan que aquela enquisa non fose fiable, e tampouco me importa que non se publicaran nin os resultados nin a metodoloxía seguida na súa realización. Eu agora son crente e creo radicalmente no decreto de plurilingüismo ata as súas últimas consecuencias. Porén pode haber alguén que pense que os figos me provocaron algún tipo de infección que me afectou ao cerebro. Pois para demostrarlle a eses desconfiados que isto non é así e que as miñas facultades mentais, aínda que moi limitadas, non sufriron alteracións, vou debullar un dos últimos debates que xenerou o decreto.
O STEG realizou unha enquisa nos centros das cidades de infantil e primaria das 7 grandes cidades de Galicia, o resultado foi resumido en dúas cifras: o 40% dos pais queren un ensino en galego e só o 12% das aulas se impartirán nesa lingua. Os resultados son absurdos, pero non me van pillar, eu asúmoos porque se admitín o cuestionario ás familias da Consellería de Educación, non me queda máis remedio que recoller como impecables os resultados do STEG que teñen un aspecto de fiabilidade claramente superior. Se os meus principios directores me levan polo camiño do equilibrio, e sendo o 12% unha cifra pouco equilibrada véxome na necesidade de admitir que

o establecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias impartidas en lingua castelá  podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía e aceptado por todos os galegos e galegas.

E agora aplico a lóxica do decreto, e asumindo toda a Constitución, o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística, os resultados dunha nova e reveladora enquisa, a aportada polo STEG,

puxeron de manifesto a necesidade de revisar o marco legal que regula as linguas como elementos vehiculares do ensino

Como é doctrina do decreto 79/2010 que se deben revisar as normas que regulan o uso da linguas no ensino cando o resultados de enquisas de factura non verificable así o determinan, non me queda máis remedio que pedir a derrogación inmediata deste mesmo decreto por outro que restaure o verdadeiro equilibrio que estableza a porcentaxe máxima de materias impartidas en lingua española.
Xa me vou encontrando algo mellor.

Contra a prohibición

por Carlos Callón, presidente da Mesa, no Galicia Hoxe:

Esta semana sóubose do auto do TSXG no que se desestima a solicitude da Mesa pola Normalización Lingüística para que se suspendese cautelarmente o mesmo. A Xunta coñeceu o posicionamento do Tribunal un día antes que a entidade recorrente e deu aos medios de comunicación a súa lectura terxiversada do mesmo. A CRTVG serviu como triste comparsa, mesmo dándolle as dimensións dunha noticia histórica, que cumpría anunciar no medio dun partido de fútbol, aínda que só ofrecendo un equívoco titular. Non é nova tal manipulación por parte do PP, mais por habitual non debe ser menos denunciada.
Malias as terxiversacións, hai que dicilo alto e claro: O auto do TSXG non referenda a legalidade do decretazo nin é unha sentenza. O Tribunal tampouco di, por moito que o repitan Alberto Núñez Feijóo ou o virachaquetas de Anxo Lorenzo, que non encontre indicios de ilegalidade no mal chamado decreto do plurilingüismo. Ben ao contrario, o que fai é pospor totalmente a súa decisión, pois será "a sentenza a que determine se o decreto impugnado implica unha desigualdade e discriminación da lingua galega ou unha violación tanto da normativa interna como da normativa internacional". Se tales indicios de ilegalidade non existiren, é evidente que o recurso da Mesa non continuaría o seu trámite.
É de lamentar que a Consellaría de Educación continúe coa súa política de mentiras compulsivas e de xogar a confundir a opinión pública, facendo pasar un auto por unha sentenza. A verdade é que unha resolución denegando unhas medidas cautelares non fornece o decretazo de ningún verniz de legalidade. De feito, a historia da xustiza no Estado español está inzada de medidas cautelares denegadas que despois desembocaron en sentenzas contundentes. Seguro que este vai ser tamén ese caso, á vista de todos os relatorios xurídicos existentes. A vía xudicial de oposición ao decretazo non fixo máis que comezar. Este camiño debe ir xunto coa loita social contra esta norma tan lesiva para a nosa cultura e para a convivencia.
Nun punto especialmente grotesco da nota da Consellaría de Educación chégase a dicir que o auto do TSXG "demostra que a normativa impulsada pola actual administración responde ás peticións da sociedade" (sic). Terá tales poderes o Tribunal, como para obrigar a mudar de opinión a todos os sindicatos, asociacións de nais e pais, organizacións estudantís e movementos de renovación pedagóxica que rexeitaron de forma unánime esta norma? Por que, facendo ouvidos xordos á Xunta, todos estes representantes da comunidade educativa continúan nas súas trece de teren opinións propias, lexitimamente discrepantes do PP?!

Movámonos!
Sen dúbidas, é ben triste que en pleno século XXI aínda teñamos que mobilizarnos contra a prohibición do galego e contra a destrución de libros en galego, feitos ambos que parecen propios do franquismo. Cómpre, ademais, falarmos de "prohibición", con exactitude, sen eufemismos nin autocensura. Non se pode utilizar ningunha outra palabra cando se quere impedir que unha profesora ou un profesor puider ministrar en galego as disciplinas de física e química, tecnoloxía e matemáticas, ou cando se quere impedir tamén que se puideren recomendar manuais no noso milenario idioma.
Teremos que agardar aínda á resolución da sentenza, algo que pode demorar arredor de dous anos, para vermos como se posiciona o TSXG sobre o fondo do asunto. Mais o que nos indican de momento todos os informes xurídicos, mesmo do Consello Consultivo de Galiza, é que este decretazo conculca normas de rango superior, desde a Lei de normalización lingüística até a Constitución española, pasando pola Lei orgánica de educación, o Estatuto de Autonomía e a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. Por iso, non aplicar o decretazo é cumprir a Lei con maiúsculas.
De feito, como teñen advertido prestixiosos xuristas, obrigar o profesorado a cumprir o decreto 79/2010 é un acto de insubmisión por parte da Xunta de Galiza, pois promove a violación de tratados internacionais e de leis estabelecidas. Todas as profesoras e profesores que vaian contra a prohibición de ensinar en galego ou recomendar libros neste idioma estarán a defender de xeito activo o cumprimento da legalidade, ao mesmo tempo que darán exemplo de civismo e sementarán o futuro da nosa cultura.
Sobre isto mesmo, debemos subliñar unha parte do auto do TSXG que a Xunta saltou premeditamente na súa nota aos medios. O Tribunal sinala que sería un motivo de fundamento para suspender este decretazo que se sancionar un profesor ou unha profesora por se expresar en lingua galega. Esta valoración dá novos azos a todos os docentes para que continúen a impartir as aulas en galego con seguridade, liberdade e normalidade.
En concreto, na páxina 7 do auto, o TSXG indica que se cumpriría o requisito do "periculum in mora" á hora de suspender o decreto se existiren "ameazas de sanción aos profesores que se expresen na lingua galega" (sic). Porén, non chega a tomar tal decisión porque non considera probado que tal situación se for producir. Isto significa que, no caso de que a Xunta chegue a sancionar un profesor ou profesora por impartir as aulas en galego ou recomendar libros de texto neste idioma, o decreto podería suspenderse. A Mesa podería volver solicitar as medidas cautelares nese momento. E farao se fixer falta, acompasando a batalla xudicial da imprescindíbel batalla social.

Premios Rosalía de Castro

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:

Entregáronse en Santiago de Compostela, no Salón Nobre de Fonseca, os Premios Rosalía de Castro instituídos polo PEN Clube de Galicia. E esta edición, a oitava, coincidiu cando se cumpren 125 anos da morte de Rosalía de Castro, a figura que, en palabras do profesor Carvalho Calero, "encarna dalgún xeito a personalidade colectiva do país galego". Ramón Piñeiro viu a Rosalía, "identificada coa Galicia popular, á que lle deu voz na súa propia lingua", como o noso (a nosa) "poeta nacional" e Darío Villanueva ve convertida a poeta nun dos "mitos de recreación popular máis inusitados da época contemporánea". "Nai da Nación" en palabras de Méndez Ferrín, Rosalía é figura fulcral da literatura galega de todos os tempos e a súa personalidade proxéctase, excecendo mesmo o eido do literario, no espazo universal. Por iso os Premios Literarios Rosalía de Castro do centro galego do PEN Clube, ideados no seu día por Carlos Casares, resultan perfectamente acaídos para celebrarmos fraternalmente, dende o centro mesmo da literatura galega, os sistemas literarios máis próximos a nós no espazo cultural e lingüístico: o castelán de España e Hispanoamérica; o portugués de Portugal, Brasil e África, e o eusquera e catalán que nos unen na irmandade literaria do Galeusca. E velaí como en Santiago de Compostela, através dos Premios Rosalía de Castro, únicos no ámbito iberoamericano, teñen sido celebradas as presenzas de Torrente Ballester, Pere Gimferrer, Ernesto Sábato, José Saramago, Bernardo Atxaga, Álvaro Mutis, Francisco Brines, Antonio Lobo Antunes, Juan Mari Lekuona, Manuel Vázquez Montalbán, Felipe Juaristi, Carme Riera e José Ángel Valente, entre outros moitos escritores que fican xa para sempre unidos simbolicamente a Rosalía de Castro. A partir da presente edición dos premios, os poetas e escritores Antonio Gamoneda, Lêdo Ivo, Francesc Parcerisas e Itxaro Borda serán xa tamén para sempre "rosalianos", e Rosalía de Castro formará parte, aínda que só for no espazo persoal da memoria, das súas vidas.

“Sen a lingua seriamos monicreques que dormen no faiado da Historia”

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Alfonso Costa, no Galicia Hoxe. Premer na ligazón para a entrevista completa.

Alfonso Costa Beiro (Noia, A Coruña, 1943) realizou en Xaén a súa primeira exposición en 1967. Dende entón, as súas mostras sucedéronse por toda España e no estranxeiro, sobre todo, en Suíza, Francia e Alemaña. Ilustracións, murais, cadros, gravados. En todos está presente o seu expresionismo lírico, figurativo e abstracto. O mito, o onirismo, a evocación e a ideación están presentes nas súas obras a través de perspectivas infinitas tocadas polo azoute do lírico.
O sinal identitario principal da cultura galega é, sen dúbida, a lingua, que o actual goberno do PP co seu miserábel "Decretazo", que agora queren "aliviar" e cinicamente "consensuar" cos demais grupos con representación parlamentaria, e con palabras que non garanten nada, despois desa desfeita? Cal é, xa que logo, a túa postura ou actitude diante desta transgresión e agresión aos piares da nosa cultura nacional?
O idioma é máis importante que a arte, e mesmo que as institucións. Cada palabra nosa trae a historia dos que nos precederon. Mentres exista a nosa lingua existimos como pobo, do contrario estamos abocados a ser unha va ilusión, monicreques inanimados que dormen no faiado da Historia. A nosa nula autoestima fainos quedar sempre como por debaixo dos demais e isto é lástima porque os nosos e nosas creadores, en todos os ámbitos, están á altura das máis importantes manifestacións do mundo. Sentírmonos orgullosos do noso idioma é, a todas luces, máis beneficioso para o conxunto do país que non andar gabando o de fóra, só por ser de fóra, en detrimento do que nos é propio.

A “Pax lingüística”

por Diego Taboada, no Xornal:

Os poderes públicos deberían regular os usos lingüísticos no espazo público, mais sen enganarse por falsas simetrías que non existen. Entre castelán e galego non existe unha convivencia, nin simétrica, nin harmónica. Máis ben é unha convivencia caracterizada pola disonancia que, como ben saben os músicos, e segundo as regras da harmonía, a disonancia é un intervalo desagradable ao oído.
A “pax lingüística” instaurada neste país é unha pax demasiado asimétrica, segundo as leis da simetría. Demasiado inharmónica e disonante, segundo as leis da harmonía, e demasiado ilóxica, segundo as regras da lóxica informal que, como ben saben filósofos e científicos honestos, adícase ao estudo dos procesos para obter conclusións a partir de información dada.
Imaxínense agora vostedes que o 80% –como mínimo– da información que lles chega aos cidadáns sobre cuestións legais e sociolingüísticas sexa fornecida por verdadeiros idiotas, e que eses idiotas teñan, ademais, unha relación íntima ou contractual cos propietarios de editoriais e medios de in-comunicación nacionais. As conclusións que pode sacar un, certamente, non poden ser moi atinadas. E se a iso lle engadimos o apoliticismo imperante e o populismo intelectual que permite a calquera produtor de odio opinar sobre X sen rigor formal ou empírico, a cousa empeora.
Utilizo a palabra idiota, por certo, na súa semántica orixinaria, cando os gregos facían referencia ao cidadán “privado e egoísta” que non se preocupa dos asuntos públicos –se alguén se dá por aludido, perfecto: esa é a miña intención. Porque precisamente, con este espírito de caverna é como se está a debater o tema da lingua: con privacidade, sectarismo e egoísmo. E así nos vai, claro, tendo en conta que o affaire lingüístico permanente no que vivimos tense que encarar precisamente co espírito contrario: con espírito aberto, comunitario e altruísta, evitando racismos recíprocos.
Guste ou non guste, neste país, coma no resto do mundo, as nosas familias son lingüística e culturalmente mixtas. Guste ou non guste, as fronteiras que existen na convivencia lingüística e intercultural planetaria, non son fronteiras físicas, senón fronteiras mentais impostas polo speech do poder. E, guste ou non guste, levamos xa moito tempo facendo o ridículo con este tema, deixando de lado debates e loitas clave coma o desmantelamento progresivo do noso frouxo sistema de benestar e a persistencia dun modelo socio-económico ecolóxicamente inviable.
Dicía Henry Miller que a jodienda é o lirismo do pobo, que foder é aspirar a entrar no outro, mais que o artista non sae xamais de si mesmo. Pode ser; neste país xa hai moita jodienda co tema da lingua: políticos, xornalistas, intelectuais e mesmo artistas están constantemente intentando interiorizar en nós mesmos a súa retórica amable, apelando a determinado xeito de ser, estar ou falar sobre o conflicto linguístico. Hai moito de relación chauvinista, paternal e posesiva na interiorización desta retórica que, facendo uso do chamado poder brando intenta convencer unha minoría de que as formas están por riba das verdades: No way, my darling.
As formas non serven de nada coa mentira como aliada. Porque a verdade –concreta– é, sinxelamente que o decreto do plurilingüismo fai fraco favor ao plurilingüismo, relegando a lingua galega a unha posición de marxinalidade e guetto. Verdade –concreta–é, tamén, que a legalidade de tal decreto é ilegal e inxusta. Verdade –concreta– é, si, que este decreto é un acto de incívica imposición. E verdade –concreta– é, por suposto, que o uso da desobediencia civil por parte dos profesores que fan obxección de conciencia a este decreto, é moralmente lexítimo. Punto, e seguido...

domingo, 19 de setembro de 2010

O 40% dos pais galegos, sen escola

parte do artigo de X. A. Pérez Lema, avogado, no Xornal. Para velo todo, premer na ligazón.

O Decreto do galego, baixo o pretexto de favorecer a escolla da lingua de introdución no ensino infantil, ven de xerar o efecto contrario. O 40% dos pais das crianzas deste nivel de ensino manifestaron a súa opción a prol do galego. Malia esta escolla, só a rentes do 10% dos centros usarán a nosa lingua no ensino infantil.
A suposta liberdade só existe, pois, para elixir o castelán. E, mentres, impleméntase unha das medidas máis eficaces para garantir que o galego sexa unha lingua extraña para os nosos nenos cando sexan maiores de idade, á volta duns quince anos. E para arrincar do País a súa alma, o que fai de nós algo irrepetíbel no mundo.
Agora ben, na escolla contracorrente a prol da nosa lingua deste 40% dos pais e nais novos, maniféstase unha pulsión de fidelidade ás raíces e unha aposta polo futuro da lingua, xuntando conscientemente a escolla do galego co do mellor porvir. E, no político, albíscase un aviso moi serio ao traballo de deconstrución nacional exercido dende a Xunta.

O pacto polo galego, un brinde ao sol

por Rodri Suárez, xornalista, no Xornal:

Nunha desas artimañas que con tanta facilidade se filtran polas simplezas da política actual, ao PP bastoulle con enviar catro mensaxes aos lugares axeitados para que se expandira a sensación de que os populares decidiran cambiar a súa actitude lingüística, marcada por certa hostilidade cara á normalización da lingua galega. Ao parecer, a idea de Feijóo e os seus era a de baixar o ton e teimar na oferta dun pacto arredor do galego no que puidesen sentirse cómodos socialistas e nacionalistas. Pero, como adoita pasar coa maioría das iniciativas da actual Xunta, a cuestión quedou nun par de titulares na prensa e pouco máis. O comezo do curso escolar e os primeiros datos sobre a aplicación do novo decreto foron suficiente para quitar o disfraz. O PP segue como antes, ou sexa, lonxe do galeguismo.
Incluso vai máis alá. Na súa cruzada contra determinados e tímidos avances para o galego, os populares non deixan de innovar. Tampouco rexeitan pequenos xogos manipuladores. Por exemplo, o pasado mércores, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, subía á súa conta en Facebook esta anotación: “O Tribunal Superior de Galicia non atopa indicios de ilegalidade no decreto do plurilingüismo e polo tanto denega a súa suspensión cautelar”. Así foi. O TSXG non atendeu á petición d’A Mesa pola Normalización xa que considera que a aplicación da norma non vai crear danos irreparables. Pero diso a entender que avala o texto da Xunta media un abismo. Porén, o Goberno galego vendeu a súa moto, estendeu a idea que o decreto xa conta co aval duns xuíces que só decidiron sobre a petición de suspensión cautelar, non sobre a súa legalidade. A polémica norma aínda pode ser tombada polo Tribunal, ou cando menos matizada. Sábeo Feijóo, que non obstante tras o consello da Xunta suxeriu o contrario, participou da manipulación.
Seica ese suposto, e semella que irreal, cambio de ton do PP respecto ao galego ía ser encabezado polo presidente da Xunta. Pero nas súas declaracións desta semana, tanto no Pleno do Parlamento como en San Caetano, as variacións foron inexistentes. Volveu acusar a PSOE e BNG de “imposición” e definiu o curso que comeza como “o primeiro do equilibrio lingüístico”. Pero non escolleu bo día para facer esa afirmación. Foi o mesmo no que, segundo os informes do sindicato STEG, se coñeceron os datos da elección dos pais en Infantil, o único tramo do ensino no que o PP puido meter con calzador a votación que lle esixía Galicia Bilingüe. No referente ás cidades, o 40% dos proxenitores escolleu galego, pero só o 12% dos centros impartirán a súas clases na lingua propia do país. Polo tanto, ­nunha achega revolucionaria no estatístico e incluso no conceptual, o PP regala á humanidade un novo concepto de “equilibrio”. Nada de 50-50. A harmonía é 88-12. Glorioso. De feito, os clubes galegos xa deberían pedir a utilización desta fórmula nas súas respectivas ligas, posto que aplicando a vangardista teoría de Feijóo e compañía unha derrota por seis a un pode considerarse un empate.
Case un 30% dos pais que pediron que os seus fillos fosen educados en galego serán sometidos ao castelán que elixiu unha axustada maioría que, dende logo, deixa claro que a política da Xunta está a crear novas capas de poboación dispostas a dar un paso adiante na defensa da lingua propia. Non é a situación ideal, pero que catro de cada dez pais elixa o galego nunha contorna tan complicada para este idioma como é o das urbes de Galicia evidencia a creación de novas conciencias, durmidas ou algo preguiceiras no lingüístico ata a chegada á Xunta deste PP de Feijóo. E poucas aparicións teñen maior capacidade de mobilización galeguista que as de Gloria Lago. Con ese pouso cada vez máis evidente de xoguete roto á desesperada, a presidenta de Galicia Bilingüe obtivo a súa periódica cota de protagonismo denunciando o traballo dos Equipos de Normalización, aportando ademais nomes e apelidos, na máis pura tradición das listas negras. Os responsables da normalización nos centros responderon con coraxe pero tamén con elegancia. Lago, non contenta, volveu retalos. Feijóo tomou distancia dela pero recoñeceu que as súas queixas serán estudadas pola consellería de Educación. Galicia Bilingüe vai facer todo o ruído que poida neste comezo de curso. A Xunta quererá facer como que non vai con eles. Pero o PP alimentou o monstro. E posiblemente, volva tirar del nalgunhas cidades así como vaian achegándose as municipais. Desagradable horizonte.

A crise contra a lingua

por Xosé A. Gaciño, no Xornal:

Malos tempos para as líricas lingüísticas. A crise económica implacábel é o pretexto perfecto para non ocuparse máis que de sanear bancos e recortar gastos sociais, esquecendo calquera outra acción ou promoción de interese social ou cultural, por moi importante ou decisiva que pareza. Mírese, por exemplo, o déficit de postos escolares na Formación Profesional, unha rémora crónica no sistema educativo español e, como consecuencia, na cualificación profesional dos traballadores, materia na que se mantén unha posición moi por debaixo da media europea.

E se non hai diñeiro do Estado ou das comunidades autónomas para incrementar a oferta de postos e especialidades na FP, moito menos hai para impulsar a normalización da nosa lingua. Moito menos diñeiro para axudar a edición de libros en galego (en consonancia coa menor presenza do galego no ensino) ou para os medios de comunicación en galego.
Certamente, como se apresuran a afirmar os ultraliberais, nin a economía nin a cultura deben depender das subvencións. Pero, entón, que non haxa subvencións para ninguén e todos compitan en pé de igualdade. Porque, neste negocio, os que soen levar a maior tallada das subvencións oficiais, mesmo as destinadas a promover o idioma galego, son certos ultraliberais que editan só xornais en castelán.

Aborixe Galiza

por Diana Varela Puñal, no Galicia Hoxe:

Dentro de vinte anos, as crianzas que estes días pisaron por primeira vez as garderías, os colexios, lerán os libros escritos na nosa humillada lingua nai, como hoxe nós lemos o latín, admirados quizais, pero sen pasarlles polo maxín arrancar a falar en tan estraño idioma.
E non podemos ser tan cínicos como para lavar as mans botándolle a culpa a Galicia Bilingüe, ó Decreto do Plurilingüismo -mala chispa o coma- ou ó Tribunal Superior de Xustiza que acaba de rexeitar a medida cautelar pola que se solicitaba a suspensión do Decreto Feixoano. Non, non é esta tríade a causante da nosa desaparición. Hoxe chegou ó despacho unha cliente e o primeiro que dixo, con sorpresa, nada máis recibila, foi: "Ai! habláis en gallego, qué bien, me gusta mucho!"... Manda carallo!, vai ser que todos estes casteláns parlantes viven no barrio de Chamberí, como lle escoitei dicir un día, con fastío, ó meu avó.
Os culpabeis de que nos traten como a indios apaches, como se fosemos un fenómeno gracioso e folclórico, teñen nome e apelidos, centos de nomes e centos de apelidos, e son aqueles que no mellor dos casos falan en galego cando un aborixe lles fala en galego, e que tamén, no mellor dos casos, non son abertamente hostís á nosa causa, pero que coa súa maioritaria e abafante indiferenza, nos están aniquilando.
Xa contraría escoitar que benvidos sexan os que sequera non nos fustrigan cando damos unha palabra en galego, en calquera lugar ou circunstancia, como se expresarnos na nosa lingua lles fora un insulto. Porque precisamente estes violentos son, polo de agora, unha minoría. A maioría confórmana esa caste de descastados, apátridas, que efectivamente non nos xostregan, pero que no fondo lles importa un pito que os aborixes sexan sacrificados polo imperio, e este aproveita o campo aberto. Os asépticos que nos asulagan lévano con naturalidade e distancia porque non o senten como un problema propio, e pouco lles importa que nos desgarremos, ulceremos agonicamente con cada unha das afrontas que nos últimos tempos nos arrebolan.
Óllannos quizais con compaixón, como en Occidente se ensinou a ollar ó por eles creado Terceiro Mundo: ensináronlles a dar por feito que esas cousas pasan, sen máis. E non, non pasan sen máis. Non podemos aceptar aquilo que disque define o noso carácter, que están mexando por nós, e dicimos que chove. Non chove, non chove. Están aplicándonos unha política de exterminio e temos dereito e obriga de defendernos, de berrar contra os que expresamente nos azoutan e contra os que indiferentes, nos compadecen pero non se posicionan, e por se acaso, fálanlles ós seus filliños en español, non se vaian luxar; e vannos desangrando pouquiño a pouco. É unha postura cínica non pronunciarse nun momento coma o de hoxe. Pois eu: Aborixe Galiza.

O plurilingüismo destápase co proxecto ABALAR.

Todos os que puxeron algunha ven un pé no ámbito da normalización no ensino saben que é fundamental tirar da identificación da lingua a normalizar coas novas tecnoloxías. Pola contra, excluir o galego deste ámbito significa actuar contra el, e facelo desde as institucións galegas é unha bofetada a toda a sociedade, un desprezo e un insulto aos valores que nos definen como galegos.
Segundo infomación da propia Xunta o Ministerio de Educación achegou 4 millóns de euros para o proxecto ABALAR, que vai dotar con 15.000 ordenadores portátiles a 300 centros educativos. A Xunta aporta os outros 12 millóns. A cousa vai con retraso, xa comenzou o curso e aínda non se sabe dos ordenadores, polo momento  o pasado día 13, nun instituto de Santiago, houbo unha presentación pública dun modelo de aula para este plan, na que se destapou en que consiste o plurilingüismo deste goberno. Así o explican desde g11.net,  comunidade  para a galeguización da informática:

Para sorpresa das persoas que probaron este modelo de aula, os ordenadores podían empregarse en castelán e tamén en inglés pero non era posíbel facelo en galego, sen que exista razón técnica algunha que poida xustificalo.
É a Consellería de Educación quen define as características que deben cumprir os ordenadores, entre elas as relativas á configuración de lingua. Se a empresa adxudicataria non incluiu o galego nos portátiles das escolas foi porque a Consellaría non lle esixiu facelo.

Para mexar e non botar gota.

sábado, 18 de setembro de 2010

Equilibrio desequilibrado

por Miguel Pardo, xornalista, no Xornal:

Velaí o equilibrio lingüístico. O 40% dos pais das cidades galegas elixiron educar os seus fillos en galego. Malia iso, a meirande parte deles non terá opción: os pequenos aprenderán a ler e a escribir en castelán, xa que o 90% das aulas serán impartidas maioritariamente nese idioma. O resultado dunha polémica pregunta ás familias acaba por desprotexer o idioma propio e por deixar sen acceso a esta lingua a milleiros de nenos que teñen cada vez máis complicado escoitar algunha palabra en galego nas urbes.
Imaxinen un titular coma este en calquera xornal europeo. Os pais de X non poden educar os seus fillos en Y. Cambien X por Francia, Alemaña, Inglaterra ou Italia e Y por francés, alemán, inglés ou italiano. Aí teñen o escándalo. Agora troquen X por Galicia e Y por galego e pasarán do inimaxinable a un suceso real e incluso normal neste país.
Non é nin máis nin menos que o que lle ocorre á inmensa maioría das familias da Coruña, Vigo, Pontevedra ou Ferrol. Non poderán escolarizar os seus pícaros no idioma da súa terra na súa propia terra. E non poderán facelo precisamente nesa franxa de idade (de 3 a 6 anos) onde ter ou non contacto acotío cun idioma determina a súa aprendizaxe posterior. Os rapaces que agora quedan sen galego, especialmente os de familias castelanfalantes, chegarán á Educación Primaria en clara desvantaxe con moitos dos seus compañeiros e co risco de dificultades no ensino posterior.
E chegarán en clara desvantaxe porque o castelán si será aprendido, pase o que pase, naqueles minoritarios colexios de Infantil onde o galego sexa a lingua de referencia. E aprenderano porque será o que escoiten día tras día maioritariamente, ben sexa na rúa, na radio ou na televisión, lugares onde o galego é cada vez menos visible. Velaí a consecuencia de intentar manter en equilibrio o que está claramente desequilibrado.
A defensa e a promoción do galego é unha obriga institucional que a Xunta esqueceu hai tempo, mentres presume dunha liberdade que non é máis que un liberalismo levado ao peor dos extremos e apoiado polos máis extremistas.
Agora que se confirma a discriminación da lingua galega e a de varios centos de familias obrigadas a unha escolla que non é a súa, só cabe esperar unha cousa: que aquelas asociacións que tanto enchen a boca coa liberdade e o bilingüismo saian á rúa a pedirlle á Xunta que pare esta política de exclusión e marxinación tan evidente. Poden esperar sentados.

Sintrom

O blogue de Sechu Sende sempre nos trae novidades orixinais. Por se alguén ten problemas de circulación cerebral, para evitar problemas como os de Marichalar, non che hai nada como un libro.

Ayuntamiento de Baltar

Así é como debería figurar o nome deste concello: ayuntamiento de Baltar, Orense.
A web deste suposto concello galego, para vergonza dos seus veciños, descoñece o galego. Por esta razón a CiberIrmandade da Fala lanza a campaña de enviarlle correos mostrando a desconformidade con este desprezo polo galego.
Os da CiberIrmandade xa cho dan todo feito, só tes que cubrir un par de datos. Anímate.

Dereitos lingüísticos

por Susana de la Gala, profesora na USC, en MundoGaliza:

Fóra de Galiza escóitanse cousas que dan arrepíos. Unha muller nos seus corenta, filla e neta de galegos, respondeu a un comentario meu co seguinte argumento: “Isto é España e aquí todo o mundo fala castelán e acabouse”.
A cousa comezou así: denunciaba eu a posibilidade de que os profesores que elixan impartir aulas en galego contra as directrices do decretazo estean expostos a un expedente disciplinario. E que esta medida da administración ben podería atentar contra os dereitos lingüísticos que a constitución e outras normativas (europeas e estatais) garanten. Comezou ela unha sorte de discurso no que era a un tempo vítima e protagonista. Resulta que, como vive en Madrid, cando vai a Galiza espera que a súa familia galegofalante se exprese en castelán. Mais esta fala en galego con ela e seus fillos. Cando protesta, seica siguen coa lingua de Rosalía, restrinxíndoa aos restantes membros, ficando ela excluída.
Tentei dicir que as familias galegofalantes son cada vez menos e que Galiza non é, neste aspecto, como Catalunya ou o País Vasco. Falaba ela por enriba do meu ton de voz, que baixaba cada vez máis, preguntando, case berrando, que pasa se as crianzas de Madrid van estudar un ou dous anos a Galiza. Tentaba responder cando soltou o devandito “isto é España e aquí todo o mundo fala castelán e acabouse”. Optei por non botar leña ao lume, porque se iso é o que pensa unha galega residente en Madrid, que sería o que pensarían as madrileñas que nos rodeaban.
Acaloume, si, mais non me calou, porque alí onde vou e falo ou escribo defendo o dereito a falar a lingua que cadaquén estime oportuna. Porque se os inmigrantes rumanos, franceses, chineses, por exemplo, se expresan no ascensor na lingua que lles é propia, por que non vou eu a falar galego con quen me pete e me entenda, sexa en Madrid, Barcelona ou Alemaña. Despois está a cuestión de que se en España só se fala castelán porque o diga ela, entón en Europa só se falaría inglés, ou só francés, ou só alemán, porque o diga alguén, sen capacidade de elixir dúas ou máis das opcións posíbeis.
Cando rematou esta galega o seu discurso, con iso de que isto é España e aquí todo o mundo fala castelán e acabouse, limiteime a dicir en ton claro, calmo e breve: “o bilingüísmo enriquece”. E o grupo ficou mudo, porque era diso do que estabamos a falar cando ela renegou do seu país, da súa lingua e da súa familia. Porque que terá que ver o estado co castelán, se son catro os outros códigos lingüísticos que se falan no seu territorio.
Negar a quen sexa o dereito a se expresar na lingua na que foi aprendido ou que prefire porque a considera súa é como lle negar o dereito á non discriminación por razón de sexo, relixión, opción política... É, ou debería ser, un dereito fundamental o de falar na lingua propia. Respectar o patrimonio cultural das comunidades autónomas non debería estar no título preliminar da constitución, que non ten caracter dogmático, senón xunto aos de manifestación, reunión e expresión. E así nos vai.

Decreto do galego: todo por decidir

por X. A. Pérez Lema, avogado, no Xornal:

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de rexeitar a solicitude de medidas cautelares (suspensión dos seus artigos 5, 6, 7 e 21) que a Mesa pola Normalización Lingüística fixer a respecto do Decreto da Xunta de Galicia 79/2010, que regula o chamado supostamente plurilingüismo no ensino non universitario da Galicia. Como queira que hai persoas (a principiar polo propio señor conselleiro de Educación da Xunta) que tentan confundir unha tal decisión cun xuízo primario a respecto da legalidade do Decreto, convén deixar claras algunhas circunstancias xurídicas e procesuais que concorren neste caso, coma noutros parellos.
O TSXG rexeitou as medidas cautelares que pediu a Mesa recorrente sen ningunha caste de avaliación a respecto do fondo do asunto, xa que a Lei procesual que rexe a adopción de medidas cautelares non llelo esixe. Neste intre procesual, o Decreto presenta unha fasquía de presunción de legalidade, como todos os demais Regulamentos que no exercicio de cadansúas competencias ditan os Gobernos do Estado, das nacións e rexións constituídas en CC AA e os propios concellos. Neste contexto, a suspensión dun artigo dun Regulamento constitúe unha auténtica excepción, nas normativas imperantes antes e despois da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa do 1998, que neste caso foron interpretadas xurisprudencialmente de xeito análogo, malia diferenzas formais de texto na redacción da Lei antiga e da Lei nova. A regra xeral será a pervivencia do que regulen os Gobernos, que desfrutan de presunción de facer as cousas lexitimamente até que unha sentenza dos Tribunais diga outra cousa.
Xa que logo, o TSXG nunca, en ningures e de xeito ningún ten validado as solucións adoptadas pola Xunta a respecto do uso do galego no ensino non universitario. O único que ten manifestado o mércores é que o Decreto ha seguer vixente mentres as partes non usen da súa plenitude de medios de argumentación e proba e entón, e só entón, decidirá a medio dunha sentenza na que estude e considere todos os argumentos deitados polas partes que, até de agora non tiveron ocasión de se expór de modo.
¿Existen pegadas no auto notificado o mércores que poidan dar pé a facer predición a respecto da futura sentenza? Verdadeiramente non. Só cómpre salientar un detalle a prol dos recorrentes: o recoñecemento, polo TSXG, que o Consello Consultivo axuizou desfavorábelmente a libre escolla de lingua polos país inserida no artigo 5 do Decreto recorrido, que non foi adaptado como si se fixo cos outros artigos iniciais atinxidos polo informe desfavorável do máximo órgano consultivo da Galiza. Polo demáis, non hai pegada ningunha de ningunha caste de xuízo anticipado, como, por outra banda, lle cómpre ao estado procesual do preito .
Velaí que o conselleiro cometera (como todos os que anticipan o senso das futuras resolución xudiciais) un erro de xuízo e de ponderación. Porque, no que atinxe á legalidade do Decreto do galego, o TSXG nin decidiu nin prexulgou cousa ningunha. Fica todo por escribir, probábelmente nun lapso que abanea entre os 9 e 18 meses posteriores á resolución que o mércores coñecimos.

venres, 17 de setembro de 2010

O primeiro día de clase

Hoxe lembrei aquel día de comenzo de curso...

Xa van alá 20 anos impartindo clases de matemáticas, sempre en galego,... e parece que foi onte o primeiro dia. Neste tempo pasaron polas miñas mans aproximadamente 2000 alumnos, algúns deles de Rumanía, ouros de Arxentina, Colombia, Paraguay, Suíza, Colombia, Portugal,...
Hoxe comenzan as clases en secundaria, hai só 7 dias inaugurábanse as de infantil e primaria. Son días nos que tanto pais como alumnos e profesores repasamos como se desenvolveron estas xornadas os anos anteriores, por esta razón hoxe lembrei aquel comenzo de curso de hai algún tempo, foi no IES de Poio, daquela un centro que acababa de abrir as súas portas. Era un grupo de 4º da ESO, non levaba nin cinco minutos desa primeira clase cando unha alumna, moi alta, interviu:
- ...y las clases van a ser en gallego?
- Si
- Es que yo no lo entiendo, y en castellano era mejor porque lo entendemos todos...
- Non te preocupes, xa o arranxaremos...- e continuei, como sempre, pesado, aburrido, cunha materia mala de tragar, coa álxebra, a xeometría, a estatística, as avaliacións,.... Ao final da hora achegueime á rapaza e pregunteille:
- De onde vés?
- eeh?
- De onde es?, hai moito que estás vivindo aquí?... como dixecehes que non entendías...
- Yo soy de Pontevedra, pero este año vine aquí a estudiar a Poyo porque...
- Xa, pero estiveches vivindo fóra, non?
- No, siempre viví aquí, en Poyo, en Pontevedra...
- Entón como me vés con iso de que non entendes o galego?
- Es que yo siempre estudié en las monjas.

Quen sodes?

por Xosé Luis Rivas (Mini), en Terra e Tempo:

Decide de onde vos veñen
o nome e os apelidos
que vos deron por ser fillos
dalgún lugar desta terra
dicide tamén cal era
o idioma dos conveciños.

Dicide en que momento
sentistes na vosa pel
ese amarguexo, ese fel.
ese proído estraño
que vos causa tanto dano
e vos impide querer.

Esa vergoña que traba
a vosa fala galega
porque renegades dela
en público e en privado.
Dicide logo o pecado
que a odiarvos tanto vos leva.
Será que vos transmitiron
pra gañar categoría
a idiotez e a parvada
do españolismo barato.
Moitos rompemos o trato,
vós non tedes valentía.

Porque acabados os tempos
do fascismo e da opresión
era a hora da razón
do pobo discriminado.
Puxéstesvos do outro lado,
da máis brutal inmersión.
Mira que fomos prudentes
e agardamos tantos anos,
pois descuberto o engano
todo era cuestión de tempo,
a razón era o instrumento
e a verdade trunfaría.

Mais ninguén de nós sabía
que estabades asalando
deixándonos ir andando
confiados na democracia.
Destes o golpe de gracia,
mais seguimos camiñando.

Levamos marcado a lume
o noxo que en nós vertestes.
a humillación que fixestes
no intento por abafarnos
tentando de violentarnos
e converternos en vermes.

Canta mofa, canta burla,
canta dolor gratuíta,
canta sin razón maldita
coa humillación por sistema.
Hoxe cambiades de tema
botando pra nós a culpa

Trátase de ter poder,
e pensades ser máis guapos
máis ricos e máis sensatos
falando idioma español.
Non é mudando de rol
que se perden os farrapos.

Nova lei de trilingüísmo
dos monolingües idiotas
que se senten en pelotas
nos afectos ó seu pobo.
¿Buscades pois lugar novo
pra ese corazón de pedra?.

Sabede que nada medra
se a sementeira non é feita
pra arrecadar a colleita
que alimenta os corazóns.
A nós sóbrannos razóns,
a vós sóbravos fachenda.

Pois estades condenados
a perder esta batalla,
que o pobo galego fala
lingua antiga, pura e limpa;
e a pouco que a xente sinta,
no seu, orgullo e pracer.

Comezará a escurecer
ese voso esquecemento
que leva en todo momento
autoodio e xenreira.
Vide de novo pra eira
común no pan e no alento.

Mini, Xuño-Xullo de 2010

xoves, 16 de setembro de 2010

O legal é impartir as aulas en galego

No novo blogue de Profes co galego puxeron a seguinte presentación que aclara cunha magnífica e simple estrutura gráfica que explica visualmente de onde veñen as ilegalidades do decreto.

Chamamento ao profesorado potencialmente insubmiso

por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:

Á pregunta que se fai o colectivo “Profes co galego”: “Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia?” xa houbo quen contestou, e moi atinadamente: coherencia.
No inicio deste novo curso, entre a voráxine e os nervios dos primeiros días, por se for pouco, xorde a implantación de facto do chamado Decreto para o "plurilingüismo". Ao descontento da cidadanía que manifestou sucesiva e maioritariamente unha e outra vez a súa firme oposición a el, súmase agora o dilema que ten perante si moito profesorado, ao que se lle impón que deixen de dar as súas aulas en galego e as pase a dar, obrigatoriamente, en castelán, sexa cal for a lingua vehicular do alumnado co que se comunicar.
Entre as múltiplas reaccións en contra deste Decreto, hai que salientar neste comezo de curso académico a do colectivo de profesores e profesoras que van cumprir as leis existentes e continuar a dar as súas aulas en galego, a pesar de que desde o Goberno da Xunta xogan a meter medo dicíndolle ao profesorado implicado directamente "que se ateña ás consecuencias", da maneira máis retrógrada posíbel.
Estes días a rede é un fervedoiro de artigos, presentacións, vídeos e manifestos de apoio a este profesorado que está a cumprir coa Lei. Porque incumprindo o Decreto do PP, o profesorado está a cumprir textos legais de maior rango: a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, a Lei Orgánica de Educación, e a Lei de normalización lingüística, concretamente.
Xuristas como Luís Villares Naveira ou Alba Nogueira, entre outros, fornécennos as bases legais necesarias para comprendermos a ilegalidade en que está a incorrer este Decreto contra o galego, e por tanto, da insubmisión á que Feixóo e o seu goberno levan a incorrer ao profesorado que o acate.
É por isto que se fai máis que nunca necesaria a implicación de todos e todas, mais moi especialmente do profesorado: continuemos co consenso lingüístico e sigamos a dar as aulas en galego, especialmente naquelas materias de orientación científica, que é onde máis necesario se fai, posto que desta forma estaremos a empregar a nosa lingua con normalidade en ámbitos en que foi vetada durante moitos anos, fornecendo o alumnado de vocabulario específico na lingua propia, vendo o mundo desde unha óptica galega integradora, non excluínte.
Non devolver os libros de texto dos cursos anteriores e empregalos neste novo curso supón, a todos os efectos, un acto ético, de legalidade xurídica e responsabilidade económica. Non dar as aulas en castelán nas materias como Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química, entre outras, supón cumprir todas as leis a nivel europeo, español e galego que existen no tocante ás linguas minorizadas.
Á pregunta que se fai o colectivo "Profes co galego": "Dar aulas en galego: compromiso ou desobediencia?" xa houbo quen contestou, e moi atinadamente: coherencia. A coherencia de quen fala a lingua propia do País e quere expresarse nela as 24 horas do día sen que ninguén lle impoña a lingua colonizadora, e sen servir de elo deste lingüicidio que están a acometer co galego sen ningunha impunidade.
Ao profesorado que aínda está a pensar que facer, dubitativo sobre se mudar a súa lingua de comunicación normal nas clases ou non, sobre se acatar un Decreto que vai en contra da legalidade vixente ou "aterse ás consecuencias", a todo ese profesorado potencialmente insubmiso eu dígolle: agora máis que nunca é o momento de romper as cadeas do medo e de se manifestar cada un no seu posto de traballo, coa responsabilidade de que teñen o ensino do futuro pobo galego nas súas mans.
Xa o dicía Celso Emilio Ferreiro nun dos seus poemas de Longa noite de pedra titulado "Non":

"Si dixese que si, / que todo está moi ben, / que o mundo está moi bon, / que cada quen é quen.../ Conformidá. / Ademiración.../ Calar, calar, calar, / e moita precaución. / Si dixese que acaso / as cousas son esí, / porque si, / veleí, / e non lle demos voltas. / [...] Si dixera que si... / Entón sería o intre / de falar seriamente / da batalla de froles / nas festas do patrón. / Pero non."
É o momento de dicir que non, de sermos coherentes co noso e de corresponsabilizarnos do que ocorre na nosa sociedade e tentar mudalo. Lembremos que a complicidade pagámola todos e todas.