Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 15 de setembro de 2010

Entrevista a Berto Yáñez

Galicia Confidencial entrevista a Berto Yáñez
Deseñador de Acordar-Vieros, pai e finiquitador de Chuza, agora coordinador d'A Navalla Suíza, consultora coñecida por proxectos vencellados á cultura galega na rede, como Eufalo.tv ou galegoLab. Gústelle ou non, vostede xa é parte da historia da internet galega ...
Non creo que o curto camiño que leva percorrendo iso que se lle dá por chamar rede galega poida chamárselle historia; pero si, eu, como moitos outros que coñezo, e moitos outros que non, levo traballando neste sector en Galicia dende hai máis de dez anos. Un tempo moi curtiño pero no que pasaron moitas cousas :-)
Dende esa experiencia, como ve a crise dos medios electrónicos do país? Chuza, a rede social que deseñou vostede morreu este verán malia que mantiña unha audiencia considerábel. Tantos usuarios non lle daban ingresos publicitarios abondo?
Primeiro, o peche de Chuza non tivo que ver cos ingresos publicitarios, tratábase dunha rede social onde a información era xerada polos seus membros e os únicos gastos eran o servidor web, o ancho de banda e unhas horas de traballo miñas á semana.
Vale, eran pequenos, pero como cubría eses gastos?
Como dixen moitas veces nos anos de existencia de Chuza, máis do 90% dos ingresos publicitarios eran de publicidade institucional, o que significaba que aínda que eran cartos reais non era unha publicidade "real". Eu non xestionaba a publicidade de Chuza, esta era xestionada por unha axencia de Vigo, Elogia Media [a antiga Galiciabanner], como moitos outros medios galegos, micromedios, redes sociais etc,...
Até que punto influíu a falta de tempo para desenvolver o portal na súa decisión?
Iso si foi moi importante. Canda o meu progresivo alonxamento do cerne do proxecto, a falta de tempo fíxome imposible que facer os cambios necesarios para evolucionar o portal.
Tentou 'traspasalo' ...
Hai uns meses comecei a ofrecer a xestión do proxecto a varias entidades e asociacións galegas, pero ningunha quixo asumilo. O traspaso tiña unha certa complexidade e as miñas condicións para a cesión obrigaban a un certo traballo colectivo. En xullo considerei que un peche sería un revulsivo abondo para que alguén quixera xuntar un grupo para darlle continuidade ao proxecto. E así foi! Nos seguintes dias ao peche montouse un grupo que xa ten unha versión funcional da nova "Chuza". Unha asociación do mesmo nome xestionarase e lanzarase en pouco tempo.
Que lle parece esa tentativa de resurrección de Chuza?
Dende o primeiro día fixen un seguimento do avance ofrecendo a axuda que me pedisen, que foi case ningunha. Xa teñen unha versión case rematada, cun software actualizado, cun pequeno redeseño, accesible en dúas normativas e que lles está quedando moi ben. Cando se lance definitivamente, estará en chuza.gl e dende alí poderase entrar ao arquivo do Chuza "classic".
Dominio editorial do medio por unha minoría moi activa, formada sobre todo por lusistas e independentistas, que levou a caida de audiencia e a perda de pluralidade na web. Está é unha das eivas que moitos viron na fase final de Chuza ...
Chuza é para quen a traballa! Igual que calquera outra rede de valoración de novas con sistema de karma. De todos os xeitos, tomei varias decisións que afectaban ao funcionamento ao longo dos anos que afectaron á reducir a "entropía" do proxecto e que co tempo considero que afectaron negativamente á evolución da comunidade. Outras cousas tamén se fixeron ben, pero unha rede social é un sistema bastante complexo e pequenas decisións poden afectar en última instancia dun xeito moito maior e diferente do que se agarda.
Como viviu vostede o peche de Vieiros, portal que vostede codiseñou? Que cre que significou esta cabeceira para a internet galega?
Pois creo que foi un final longo e agónico, que creo que non merece un medio con esa traxectoria e significación. Pero sobre todo doeume pola xente que traballaba aló, colegas meus algúns deles que por unha mala xestión do proxecto tiveron que apandar cun final triste.
A crise económica é tan grande que explica por si soa a caída de anunciantes nestes medios?
Unha parte moi grande da publicidade en liña galega é institucional, cando esta publicidade desaparece, redúcese a medios máis tradicionais, ou repártase doutro xeito, hai danos colaterais deste tipo.
Non influíu nada máis?
O asunto é máis complexo. Non se pode basear un modelo de negocio con gastos, empregados, etc baseándose nesa publicidade, nas axudas e nas subvencións. A iso hai que sumarlle esa crise económica con todo o que implica, uns equipos de xestión que tomaron decisións de longo alcance cando o contexto era moi diferente ou que directamente tomaron decisións equivocadas, etc…
É posíbel vivir da internet en Galicia?
Sen dúbida. Hai moito que facer e temos un bo potencial que está florecendo. Precisamos bos proxectos, bos clientes con necesidades reais e ir formando unha industria mantendo os pes na terra.
Que lle parece o manifesto “Os medios en galego importan"? Asinouno?
Non o asinei, porque non me parece ben.
E logo?
Cada medio ten a súa historia pero en xeral, os medios galegos importan se fan ben o seu traballo, non só porque están en galego. Non penso que se podan perdoar erros de xestión derivados de vicios provocados pola seguridade que dá a teta da administración, veña no formato que veña: subvencións, subscricións masivas, axudas… Do mesmo xeito que non me parece ben que o Estado rescatase aos bancos tampouco me parece ben que en xeral os medios en galego, privados, teñan esa dependencia da administración, e que cando as cousas lles van mal, monten un manifesto e unha recollida de sinaturas.
Deberían reflexionar e ver se se fixeron as cousas ben antes de tirar balóns fóra aproveitando o rexeitamento que hai por unha parte da sociedade á política da Xunta co galego, que tampouco penso que sexa a correcta.
En fin, ao final os máis afectados sempre son os traballadores.
Falando de lingua, a súa compañía, A Navalla Suíza, é un dos pais de galegoLab, plataforma que naceu para mobilizar á xente a prol do idioma. Leva xa uns meses a funcionar, como lle vai?
Pois estamos experimentando bastante, porque é a primeira experiencia de crowdsourcing galega, está a funcionar pouco a pouco tendo en conta o verán polo medio, hai moitos proxectos que se actualizan diariamente e xa hai 2 proxectos que foron finalizados, e varios cerca diso. Creo que ao proxecto aínda lle falta percorrido e análise sobre o seu funcionamento, a ver como evoluciona.
Time levaba a portada que Google morrera e que ao Facebook lle quedaban dous telediarios. Onde migrará en masa a audiencia de internet?
Ao IRC :-D....

Ningún comentario:

Publicar un comentario