Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 7 de setembro de 2010

'A Nosa Terra': Perdemos todos

por Xosé María Palmeiro, no Xornal de Galicia:

Entre os lumes que seguen a arrasar os montes galegos, os eventos consuetudinarios da crónica negra, mesmo unha misteriosa e desacougante desaparación en Pontevedra, foise pasando o verán e o Xacobeo. Houbo algo máis en forma de declaracións oficiais –abondosas palabras, escasa acción– prescindibles e no horizonte asoma un curso escolar non carente de tensións “por lo del gallego”, como din algúns non partidarios do galego, enténdase, da lingua propia de Galicia, convertida agora en problema en Galicia. Pero non acaba aí a dimensión negativa do verán. Os calores trouxeron tamén malos aires para algúns medios de comunicación escritos en galego. Malas novas para o ecosistema, para a lingua, para o hipersector da comunicación e para a construcción do discurso galego e en galego.

No panorama mediático galego, e en galego, faltan o portal Vieiros e o semanario A Nosa Terra, agora refuxiado únicamente na rede. Dificultades económicas nun marco de crise que obrigou a cerrar outras empresas en diferentes sectores. Dificultades presentes tamén noutros medios de comunicación, impresos, audiovisuais e on-line, de Galicia, que van capeando o temporal non sen sacrificios en boa parte asumidos por xornalistas e traballadores. Iremos vendo mentras reparamos na desaparición de Vieiros, portal-referencia de Galicia na rede, e do periódico semanal A Nosa Terra, con máis dun século de xornalismo militante no galeguismo e na reivindicación de Galicia. Outros medios desapareceron antes e outros han afrontar inevitablemente dificultades nun escenario adverso. Pero do que se trata é de chamar a atención sobre o empobrecemento cultural que supón a desaparición dun medio de comunicación. Coma no caso dos lumes, que devoran algo máis que madeira e mato porque queiman anacos de futuro, os medios que din adeus tapian tamén unha fiestra desde a que ver e entender o mundo, unha canle de palabras, unha posibilidade de diálogo e coñecemento.
Seica alguén da Xunta dixo aos representantes da Asociación de Medios en Galego que as axudas eran poucas e se non resultaba rendible publicar en galego, que pasaran ao castelán ou cambiaran de liña editorial. Calquera entende a diminución de recursos, pero non a diminución destas axudas, imprescindibles noutros sectores productivos –automobil et alii– e mantidas, con formatos e acenos diversos, para outros medios en castelán. Canto á liña editorial, sucede que en Galicia a opción polo galego xa supón un posicionamento e, en calquera caso, un medio non cambia, nun plis plas, de ideario. Velaí os meus principios editoriais, se non lle gustan, teño outros, diríamos en clave marxista (Groucho). Non. Sabemos que, tamén na comunicación, en Galicia non é infrecuente estar a velas vir ou andar ao sol que máis quenta e a algúns semella que mal non lles foi e van indo. E sei ben que non todas as xestións son acertadas, que moitas veces non aparecen os apoios previstos e que a masa crítica escasea. Porén o da comunicación é un sector estratéxico merecente tamén de consideración e apoios no que atinxe aos medios que apostan polo galego. Por iso me doe o adeus, quixera que temporal de Vieiros, na rede, e de A Nosa Terra, no papel. Por iso lamento a resposta oficial mencionada e o silencio doutros medios, que semellaran non quereren saber que tamén eles perden algo cando outros deben cerrar. Non. Non está a ser este un bó verán entre tanto lume, tanto desacougo, tanta crónica negra, tanta desaparición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario