por Diego Taboada, no Xornal:
Os poderes públicos deberían regular os usos lingüísticos no espazo público, mais sen enganarse por falsas simetrías que non existen. Entre castelán e galego non existe unha convivencia, nin simétrica, nin harmónica. Máis ben é unha convivencia caracterizada pola disonancia que, como ben saben os músicos, e segundo as regras da harmonía, a disonancia é un intervalo desagradable ao oído.
A “pax lingüística” instaurada neste país é unha pax demasiado asimétrica, segundo as leis da simetría. Demasiado inharmónica e disonante, segundo as leis da harmonía, e demasiado ilóxica, segundo as regras da lóxica informal que, como ben saben filósofos e científicos honestos, adícase ao estudo dos procesos para obter conclusións a partir de información dada.
Imaxínense agora vostedes que o 80% –como mínimo– da información que lles chega aos cidadáns sobre cuestións legais e sociolingüísticas sexa fornecida por verdadeiros idiotas, e que eses idiotas teñan, ademais, unha relación íntima ou contractual cos propietarios de editoriais e medios de in-comunicación nacionais. As conclusións que pode sacar un, certamente, non poden ser moi atinadas. E se a iso lle engadimos o apoliticismo imperante e o populismo intelectual que permite a calquera produtor de odio opinar sobre X sen rigor formal ou empírico, a cousa empeora.
Utilizo a palabra idiota, por certo, na súa semántica orixinaria, cando os gregos facían referencia ao cidadán “privado e egoísta” que non se preocupa dos asuntos públicos –se alguén se dá por aludido, perfecto: esa é a miña intención. Porque precisamente, con este espírito de caverna é como se está a debater o tema da lingua: con privacidade, sectarismo e egoísmo. E así nos vai, claro, tendo en conta que o affaire lingüístico permanente no que vivimos tense que encarar precisamente co espírito contrario: con espírito aberto, comunitario e altruísta, evitando racismos recíprocos.
Guste ou non guste, neste país, coma no resto do mundo, as nosas familias son lingüística e culturalmente mixtas. Guste ou non guste, as fronteiras que existen na convivencia lingüística e intercultural planetaria, non son fronteiras físicas, senón fronteiras mentais impostas polo speech do poder. E, guste ou non guste, levamos xa moito tempo facendo o ridículo con este tema, deixando de lado debates e loitas clave coma o desmantelamento progresivo do noso frouxo sistema de benestar e a persistencia dun modelo socio-económico ecolóxicamente inviable.
Dicía Henry Miller que a jodienda é o lirismo do pobo, que foder é aspirar a entrar no outro, mais que o artista non sae xamais de si mesmo. Pode ser; neste país xa hai moita jodienda co tema da lingua: políticos, xornalistas, intelectuais e mesmo artistas están constantemente intentando interiorizar en nós mesmos a súa retórica amable, apelando a determinado xeito de ser, estar ou falar sobre o conflicto linguístico. Hai moito de relación chauvinista, paternal e posesiva na interiorización desta retórica que, facendo uso do chamado poder brando intenta convencer unha minoría de que as formas están por riba das verdades: No way, my darling.
As formas non serven de nada coa mentira como aliada. Porque a verdade –concreta– é, sinxelamente que o decreto do plurilingüismo fai fraco favor ao plurilingüismo, relegando a lingua galega a unha posición de marxinalidade e guetto. Verdade –concreta–é, tamén, que a legalidade de tal decreto é ilegal e inxusta. Verdade –concreta– é, si, que este decreto é un acto de incívica imposición. E verdade –concreta– é, por suposto, que o uso da desobediencia civil por parte dos profesores que fan obxección de conciencia a este decreto, é moralmente lexítimo. Punto, e seguido...
Ningún comentario:
Publicar un comentario