Non podía eu ser veciño da Estrada desde hai 10 anos e, a un tempo, esquecerme de que Xosé María Lema recibiu o premio Reimóndez Portela deste ano. Lema é profesor no IES Losada Diéguez, membro de ProLingua e, por exemplo, é o autor do artigo "Unha pira no Obradoiro".
No acto de entrega do premio X. Mª. Lema regaloulles outra perla aos asistentes e que eu recomendo, pola emotividade e amor que amosa polo galego. O texto titulábase "Catro satisfaccións e un fondo pesar", eu recomendo a lectura do discurso completo, e para metrlle cobiza de premer na ligazón a quen lea isto (se hai alguén) van un par de anaquiños. O primeiro fai referencia á a que a entrega do premio éralle feita da man de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe:
Pero a don Víctor xa o coñecía de antes, pois fora o Conselleiro de Educación cando eu era director do instituto. E lémbroo con agrado pola campaña institucional Fálalle galego que el puxera a andar xunto con dona Paz Lamela Vilariño, directora xeral de Política Lingüística. Xente de todas as ideoloxías apoiara esta campaña; eu tamén desde o meu cargo, e mesmo me custou acedas críticas dun significado colega dun instituto veciño. Unha das causas fora a seguinte: como había no centro campionatos de fútbol-sala, a uns alumnos de 5º de Automoción e Electrónica, xurdiulles a idea de solicitar unha equipación de camisolas co lema “Fálalle galego” a Política Lingüística; a min pareceume boa idea e comuniqueilla a Paz Lamela, que se amosou algo reticente (era moi comedida cos gastos); pero logo ela díxollo ó Conselleiro, e a el debeulle gustar, pois quixo vir entregalas persoalmente ós rapaces acompañado de todo o seu séquito: delegado provincial de Educación, coordinador de FP, directora xeral de Política Lingüística…, e incluso o equipo de futbito dos funcionarios da Consellería, pois había que estrealas. Houbo dous partidos no pavillón Coto Ferreiro: un cos alumnos das camisolas e outro cos profesores. O noso partido perderámolo (sempre me cadrou estar no bando dos perdedores…), pero quedoume na memoria un gol que marquei de falta directa e con rosca na portería da Consellería; algo é algo.
¡Fálalle galego! ¡Tempos aqueles en que desde esta Consellería se promovía o uso do galego! Todos lembramos a foto daquela nai moza nunha ventá co seu neno no colo recibindo a suxestión coma un murmurio. Hoxe sería impensable, pois desde a propia Consellería se diría que a frase era impositiva e habería que poñela bilingüe (“Fálalle galego/ Háblale castellano” –o supostamente trilingüe de “Speak in English” todos sabemos que é unha vía-trampa para ir substituíndo en certos colexios as materias en galego polo castelán-), facendo logo unhas enquisas entre as nais embarazadas para determinar o idioma en que lle deben falar todos os pais e nais galegos ós seus fillos nos catro anos seguintes.
Quedan tamén na lembranza desa época os cursos de lingua e cultura galegas que impartimos para mestres, organizados polo ILGa e a Consellería. Houbera varios na Estrada, en Lalín… En fin, sinceramente, eu asinaría cos ollos pechados a volta de D. Víctor M. Vázquez Portomeñe como Conselleiro de Educación, e dou fe de que non son o único, e tamén de Paz Lamela, inspectora deste distrito ata o curso pasado e asinante coma min do manifesto de ProLingua, plataforma apartidaria e plural na defensa da lingua. Dona Paz criticou con acritude as tristemente famosas enquisas e o mal chamado Decreto do Plurilingüismo (“Non sei que raio queren facer co Decreto”, declaraba Paz a A Nosa Terra, 11-04-2010).
A segunda perla fai referencia a un dos artigos polos que lle concedron o premio a X. Mª Lema: "Antes tería que mudar o curso do Amazonas". Velaquí un anaquiño do artigo:
«Este é o motivo polo que cremos que esta é unha boa ocasión para que (…) fagamos da tradición de lles ensinar o noso idioma ós fillos un acto de vontade deliberado e consciente. (…)
Perséguense con isto dúas finalidades: a primeira, subliñar simbolicamente a nosa vontade xeracional de que o galego continúe a ser a lingua dos nosos fillos e do futuro do noso país, porque nun contexto histórico no que –diante da acelerada evolución das ciencias e da tecnoloxía- tantas cousas se volven incertas, é bo volver a mirada ó principal instrumento de comunicación entre os homes destes país, á primeira ferramenta de expresión das nosas ideas e da nosa cultura; (…).»
E o comentario que fai Lema a respecto del:
Eu só fun o simple transcritor deste texto, pois o seu autor foi o mesmísimo Presidente da Xunta. Non o actual -que ninguén o crería-, senón o anterior do anterior: Manuel Fraga Iribarne. É o contido da presentación da campaña ‘Non desherdes a túa lingua’, promovida no ano 2002 pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e o Concello de Redondela para impulsar os testamentos en galego.[...]
O noso idioma non tivo avances significativos nos dezaseis anos de goberno fraguista, entre outros motivos porque nunca se realizou unha política lingüística digna de tal nome, maiormente apoucada e ‘pasota’, aínda que é de salientar que fose o goberno Fraga, con Feijoo como vicepresidente, quen pulase por redactar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día, por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia.
Fraga non se excedería na promoción da lingua galega, pero polo menos non pasará á historia por unha actitude hostil cara a ela na súa etapa como Presidente da Xunta de Galicia como a iniciada polo actual, a quen xa ninguén imaxina asinando textos coma estes. Antes tería que mudar o curso do Amazonas.
Parabéns a Lema, e que continúe a nos ofrecer artigos como este que comentamos aquí e que, bastaría para que fose merecedor do premio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario