Hoxe volveron a preguntarme, outra vez se non temía ser expedientado por continuar a impartir as aulas en galego, e estou seguro de que aos outros 3000 profesores alguén lle chegou con esta cuestión. A insistencia nesta pregunta aos que estamos comprometidos co galego é moi semllante á actuación da mafia máis sibilina.
Moitas veces citei aquí un informe publicado polo Consello da Cultura Galega, coordinado por Bieito Silva Valdivia, e que seguramente, sen querelo, ven sendo a fonte máis fiable a respecto do uso do galego no ensino non universitario. Deste informe pódese concluir, un tanto burdamente, pero achegándonos moi fidelmente á realidade, que nos últimos anos o uso do galego nas etapas referidas debía andar polo 35%. Teñamos en conta que o anterior decreto establecía como cota inferior o 50% de aulas en galego polo que debía haber polo menos un 15% de profesores que, incumprindo o decreto eran un claro factor castelanizante do ensino. E se digo polo menos é porque cómpre ter en conta que había e hai moitos profesores que, sen que ninguén llo pedira, impartían as súas clases en galego. Polo tanto, e tendo en conta que a cifra de docentes supera os 35.000, non é nada disparatado concluir que preto dos 6000 docentes viñan incumprindo o anterior decreto contribuíndo á desgaleguización da sociedade, e o caso non saía nos xornais, curioso. Isto últimamente, porque ninguén dubida que as cifras de docencia en galego non fixeron outra cousa que incrementarse desde, poñamos por caso, o ano 1983, o da promulgación da Lei de Normalización Lingüística.
A cantos deses milleiros de profesores, durante estes últimos 30 anos, lles preguntaron insistentemente se temían represalias da Consellería de Educación por impartiren aulas en español?
Ningún comentario:
Publicar un comentario